ELAS, as outras.

Sempre molestou á UNHA a existencia da OUTRA. É unha mágoa  por que unha non loce nada se non está a outra. Se todo é sempre igual, o mesmo, o un, o aburrimento está garantido. Pénsese, senón, na música. Para dar variedade precísase o outro, o distinto, o diferente, o desigual  e así construír unidade na variedade.

Talvez o exemplo resulte estraño, Pode usarse calquera outro  tomado das nosas vidas: a alimentación, os hábitos cotiás, a indumentaria, os traballos. Precisamos unidade:  Danos seguridade, ordena  a vida. Pero énos igualmente vital o sal e a pementa. A proporción de esta e aquela dará sabor á cada unha das vidas. Á vida.

Na cultura tradicional masculina a erosión do matrimonio resolvíase cunha outra (barragana, entretida, fulana, calquera, concubina, manceba, querida, amiga, amante) que as máis das veces era de dominio público porén ninguén o facía explícito. Nin a unha nin a outra halaban máis da conta a corda por máis que puidesen   tenteala  para que os equilibrios,  fráxiles, como todo equilibrio, non escachasen.

En ocasións a unha ou a outra, arrincaban a iniciativa ao amante ou marido e puñan as cartas boca arriba gañando territorio, iniciativa e posibilidades. Gañando poder, en suma, nunha sorte de xogo onde parecía que sempre el, coas leis e a tradición da súa man, levaban a batuta.

Non agardaba  ningunha das UNHAS que ELAS decidiran dar un golpe de man e saír das sombras, da escuridade, da inexistencia

OTRAS, con afortunado nome, decidiron que estaba ben que a iniciativa sempre a levaran as unhas ou os eles así que acordaron legalizar un sindicato (31.07.2018) para defensa dos seus dereitos sempre postergados, sempre violentados, sempre esmagados por unhas leis que nunca recoñecen os seus traballos e o que aparellan así como  por unha sociedade moralista e hipócrita. Na que as  UNHAS, que as máis das veces preséntanse como as únicas con dereito a falar, a dicir, a feminizar o mundo, a propor e a impedir que máis ninguén que elas usen a palabra sinaladamente en cuestión de puterío, inda que non só.

Coáronlle un gol pola escuadra a ministra Valerio, dixo.  Menos mal que lle coaron ese gol!  Ao abeiro do artigo 28 da CE que declara o dereito a sindicarse libremente. Sindicato que cumpre todos os requisitos previstos na Lei Orgánica 11/1985 de Liberdade Sindical e do Real Decreto 4162015 de Depósito de Estatutos das organizacións sindicais e empresariais.

Non agardaba  ningunha das UNHAS que ELAS decidiran dar un golpe de man e saír das sombras, da escuridade, da inexistencia. E tan alá levaron o seu enfado que  forzaron a dimisión de Concepción Pascual, directora xeral de Traballo e puxéronse a esixir a anulación do tal sindicato.

Mimá, a que se montou!   As xentes posuidoras da palabra  non poden soportar que ELAS, de súpeto, fáganse donas da palabra e defendan e se defendan. ELAS, as  calqueras, as fulanas, as putas, ousando colocarse na ágora retando a hipocrisía dominante e enfrontando o estigma.

Teñen voz e queren facela oír. Non queren que por elas fale ninguén. Din, con claridade, que non queren ser salvadas. Que queren facer os seus traballos cuns mínimos garantidos: dereitos sanitarios, seguro de desemprego, baixas, vacacións ou base cotizada de pensión, dereito á tutela xudicial efectiva e protección perante a violencia cotiá.

Queren tamén que o estigma que as cobre na súa condición de profesionais do sexo desapareza.

As condicións de a-legalidade na que desenvolven os seus traballos dan pe a toda clase de abusos de parte de clientes, policías, proxenetas e  autoridades e permiten, tamén a tantas que se agrupan baixo a bandeira do abolicionismo,  colocarse no lugar preferente, no das unhas, as primeiras e principais.

Por fin OTRAS!

 

 

 

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail