Vivenda, inimigo electoral

No último CIS, os españois apuntan á vivenda como principal preocupación. Non é un dato absoluto. De feito, abonda con ver o sucedido coa migración antes do verán para se decatar do rápido que pode ser transformada unha cuestión secundaria no principal problema se os medios optan por machacar a cidadanía a diario durante un tempo. Non hai nada de consubstancial á importancia dos asuntos públicos como non sexa a importancia que os grandes medios lle queiran dar nun momento ou outro. E isto último non é unha boa noticia nun país sometido á concentración do entramado mediático que recoñecemos como opinión publicada.

Agora ben, puntualmente existen algunhas excepcións a este feito recorrente na formación da opinión en España. Así, por exemplo, éche ben posíbel desde o goberno marcar a axenda cunha lei polémica ou desde as rúas reivindicar unha causa por medio da contenda política. Neste senso, o caso español é bastante particular, pois acontece que mobilizar grandes poboacións é relativamente doado e, porén, os promotores destas atópanse cun réxime político ao que lle resulta doado pechar a fiestra de oportunidade.

O réxime do 78 aínda se atopa en débeda co contexto político no que se xerou. Unha constitución material fordista que actualizou democratizando as estruturas da ditadura militar, mais que deixou a reforma a medio rematar: sobrerrepresentación das pequenas provincias, escaseza de referéndums e outras ferramentas participativas directas, partitocracia como practicamente única axencia protagonista da política, etc. O caso é que se comparamos España con outras democracias da nosa contorna, non sae especialmente ben parada.

O 15-M houbo unha tentativa por rematar a transición cunha democracia moito máis avanzada. Ao berro de «non nos representan!» e «democracia real xa!», as xentes sairon ás rúas poñendo a democracia en primeiro lugar. Tratábase de reivindicar o labor inacabado do 78 para poder actualizar a política. De aquí saíron nas eleccións de 2014 forzas como Podemos, os novos municipalismos, etc., que tiveron por obxecto anovar a política. Logo de máis dunha década, aí seguen os profesionais da política nunhas estruturas anquilosadas que enquisa tras enquisa non fan outra cousa que perder voto desde 2015.

Se daquela se esvaeceu para milleiros a eventual propiedade da vivenda, agora o problema é aínda moito maior, pois non só é moito menor o acceso á vivenda, senón que aínda por riba non hai alternativa.

Este é o escenario político no que o PSOE volveu ocupar a centralidade política, logo dun breve «15M» interno de Sánchez contra o aparato e cunha recuperación ideolóxica socialdemocratizante, máis efémera se cabe. A día de hoxe, a súa esquerda atópase fragmentada e minguante. Fronte ao goberno, anúnciase o duelo entre dereita e ultradereita (incentivado coa iniciativa gobernamental a prol de blindar o aborto logo das palabras de Ayuso).

Mais os problemas electorais do PSOE non están nunha oposición dividida e de seu bastante lamentábel. Os verdadeiros problemas electorais son dous: por unha banda, unha xudicatura marcadamente conservadora (problema que lastramos da Transición), que atopa na corrupción e no lawfare o terreo abonado para entrar a facer boa aquela consigna aznariana: «Quen poida facer, que faga». Pola outra, a política de vivenda.

A política de vivenda foi esencial na aparición da PAH e na carreira dalgunhas figuras políticas do pasado ciclo (pénsese en Ada Colau, sen ir máis lonxe). A PAH era parte dun ciclo moito máis amplo que impulsou o neoliberalismo global. Contestado en todo o mundo durante a crise de 2008, mutou, mais non desapareceu. Se daquela se esvaeceu para milleiros a eventual propiedade da vivenda, agora o problema é aínda moito maior, pois non só é moito menor o acceso á vivenda, senón que aínda por riba non hai alternativa.

A vivenda é o maior problema que ten hoxe o goberno e quen o coloca na axenda política é o movemento

Hoxe son outras as resistencias expresadas pola mobilización. A pasada fin de semana constituíuse unha confederación sindical que promete maior coordinación, e esperemos que tamén mobilizacións. A vivenda é o maior problema que ten hoxe o goberno e quen o coloca na axenda política é o movemento. Unha maior autoorganización ten que pasar polas rúas para acadar a súa consolidación. Esperemos que en breve se anuncien novas xornadas de mobilización. De non ser así, é ben probábel que outras pasen por diante.

O goberno consolidou grazas aos incendios, Palestina e ao cribado do cáncer recuperar a iniciativa. Non é de sorprender por isto que o PSOE aumente as distancias cun PP que se afunde. Mesmo se isto é cuestionábel nos termos en que o expresa o CIS, cómpre lembrar que cando se dá a mobilización social, as enquisas pasan a ser profecías autocumpridas. Do contrario, o seu poder performativo convértese nun mal agoiro.

Neste tempo que queda, o goberno debería tomar a iniciativa e tomar en serio a reforma da lei de vivenda. Non se pode abondar na miseria da xente para producir a riqueza duns poucos. A vivenda como rendemento inmobiliario non é de recibo cando despraza moita xente ao límite da pobreza. Cómpre, ademais, facer distinción e análise de clase. Non é igual unha familia con nenos na escola que se ve na obriga de mudarse que un estudante. Todo o mundo debe ter vivenda como asegura a Constitución, pero toca deixar de subvencionar os propietarios aproveitando un dato conxuntural na vida da xente como é a mocidade. É moito o que se xoga o PSOE, e máis aínda Sumar, nas próximas eleccións.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail