A Coruña.- A Asociación de Pacientes e Usuarias do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS) denunciou un novo colapso nas Urxencias do centro sanitario a pesar da dispoñibilidade de camas nas súas instalacións, que non son ocupadas por falta de persoal sanitario que poida atendelas.
Segundo a organización, o pasado luns ás sete da tarde había 31 pacientes graves en padiolas ou cadeiras de rodas nos corredores de acceso a urxencias. A esa mesma hora, 25 enfermos con ingreso hospitalario asignado esperaban na mesma situación, moitos durante varias horas, a que se liberase unha cama na planta onde debían tratalos.
A Asociación de Pacientes asegura que ese día había 637 camas baleiras no hospital, que non se puxeron ao dispor dos pacientes porque non había persoal suficiente para encargarse dos enfermos que puidesen ocupalas.
«Existe unha relación directa entre o número de camas que se poñen ao dispor dos pacientes e o número dos que se colocan nos corredores: a máis camas dispoñibles sen ocupar, máis pacientes nos corredores», afirma a organización de usuarios do CHUS, que acusa á xerencia de «teimar en non xestionar adecuadamente os medios dispoñibles e en non esixir á Xunta os recursos humanos necesarios».
Episodios recorrentes
A semana pasada, os usuarios do CHUS denunciaron outro colapso en Urxencias, que o hospital padece desde hai anos con episodios similares que se agravan ademais na tempada de outono e inverno con doenzas respiratorias e víricas como a gripe e a covid.
Os pacientes cren que a unidade de atención urxente «está a ser utilizada como un almacén de pacientes que non reciben a atención que require o seu estado de saúde».
A Asociación acusa ao Servizo Galego de Saúde (Sergas) de vulnerar o dereito fundamental dos pacientes á súa intimidade e dignidade, e de provocarlles «un dano moral que está sancionado polo ordenamento xurídico e polo código ético da organización médica colexial».