Os defensores dos acusados de matar a Samuel Luiz pedirán a absolución

A Coruña.- As defensas dos acusados de linchar a golpes ao mozo Samuel Luiz no verán de 2021 na Coruña ao berro de «maricón!» manteñen a súa intención de solicitar a absolución dos seus clientes, a pesar dos gravísimos feitos dos que se lles acusa e das probas e testemuños que apuntan a que foron os responsables da brutal malleira en manda que acabou coa vida do rapaz.

Así o reiterou onte Luis Salgado, avogado de Diego Montaña, principal acusado e para quen a Fiscalía pide 25 anos de cárcere, ás portas da Audiencia Provincial da Coruña, onde este martes foron elixidos os nove membros do xurado para a vista oral que se inicia o mércores.

«A súa actuación, á marxe do reproche que poida ter, non é constitutiva dun delito de asasinato con agravantes. Non estamos diante dun delito de asasinato», asegurou Salgado. Pola súa banda, David Freire, avogado de Alejandro Freire, alias Yumba, para quen a acusación pública reclama outros 22 anos, sinalou que non toda agresión con resultado de morte é un asasinato», e que o seu cliente ten «certo alivio» ao poder «defender a súa inocencia» no xuízo, informa Efe.

Pola súa banda, José Ramón Sierra, defensor de Kaio Amaral Silva, para quen se pide 27 anos, tamén pedirá a súa absolución. Do mesmo xeito que Manuel Ferreiro, avogado de Alejandro Míguez —22 anos de pena solicitada pola Fiscalía— e que a defensa de Catherine Silva —25 anos—, quen solicitará a liberdade dos seus defendidos.

Asasinato con aleivosía e asañamento

En total, a Fiscalía pide para os cinco acusados penas que suman 121 anos de cárcere polos delitos de asasinato con aleivosía e asañamento, en dous casos —Diego Montaña e Catherine Silva— co agravante de discriminación por condición sexual e noutro, o de Kaio Amaral, co engadido de roubo con violencia.

Outros dous autores do crime, menores de idade cando o cometeron, xa foron condenados a tres anos e medio de reclusión nun centro de internamento.

Flores, velas, mensaxes e outros obxectos, no lugar onde morreu Samuel, nunha imaxe de agosto de 2021. / Foto: J. O.

Samuel Luiz, un auxiliar de enfermería de pais brasileiros que traballaba coidando os internos nunha residencia para maiores dunha ONG da Coruña, faleceu polas feridas que lle ocasionaron as puñadas, patadas e golpes con obxectos contundentes que lle propinaron os acusados. Sucedeu pouco antes das tres da mañá á saída dun pub fronte á praia de Riazor nunha zona de lecer moi concorrida, onde Samuel estaba a facer unha videochamada cunha amiga.

Segundo esa testemuña, Diego Montaña pensou que o estaban gravando e ordenoulles que deixasen de facelo. Eles desculpáronse e trataron de explicarlle que non era unha gravación, pero o acusado insistiu e chamou «maricón» a Samuel. El respondeu: «Maricón, de que?». Acto seguido, o agresor e os seus acompañantes empezaron a darlle puñadas e patadas. Dous mozos senegaleses, Ibrahima Diack e Magatte N’Diaye, trataron de protexelo e levárono do lugar. Pero os seus agresores foron tras el.

«Maricón!»

Segundo se observa nas imaxes das cámaras de seguridade da zona e doutras persoas que gravaron os feitos cos seus móbiles, Samuel tratou de escapar dos golpes, a puñadas e con botellas e obxectos metálicos. Correu 150 metros ata que os seus asasinos, rodeados dunha ducia de persoas que coreaban o linchamento insistindo no berro de «maricón!», alcanzárono cando caeu ao chan.

Samuel tratou de escapar dos golpes dos seus agresores, rodeados dunha ducia de persoas que coreaban o linchamento ao berro de «maricón!»

A brutal malleira durou preto de 15 minutos e continuou mesmo cando a vítima xacía inconsciente e nin sequera podía protexerse dos golpes coas mans e os brazos. Samuel era un mozo delgado e de aspecto fráxil. A autopsia desvelou que presentaba feridas e politraumatismos por todo o corpo e indicios de asfixia, dado que tamén trataron de estrangulalo. A causa última foi un fallo multiorgánico provocado por un traumatismo cranoencefálico. Tiña unha ferida de dez centímetros na cabeza.

Tras a agresión, tres persoas que o viron tirado na rúa chamaron á ambulancia e trataron de reanimalo. Samuel morreu no hospital poucas horas despois.

Contra a violencia machista e a LGTBIfobia

O seu asasinato provocou unha onda de indignación na Coruña, en Galicia e en todo o Estado, tamén contra a violencia machista e a LGTBIfobia que alentan os discursos homófobos da ultradereita, normalizados á súa vez pola disposición do Partido Popular a gobernar grazas aos seus votos en comunidades autónomas e concellos.

O tribunal que xulgará aos acusados admitiu como acusación popular ás colectivo Alas Coruña, dedicado á defensa da liberdade afectiva e sexual, cuxo observatorio contra a LGTBIfobia rexistrou máis de 220 agresións homófobas o ano pasado na cidade. Apenas dúas semanas despois do asasinato de Samuel, o altar improvisado na súa memoria no lugar da súa morte, con flores, candeas, peluches e mensaxes, foi esnaquizado.

Imaxe da manifestación polo asasinato de Samuel na praza de María Pita da Coruña, dous días despois da súa morte / Foto: Aitor Neira.

A Fiscalía pide 25 anos de prisión para Diego Montaña, a persoa á que se acusa de iniciar a agresión que derivou na morte de Samuel, por asasinato con aleivosía e asañamento co agravante de discriminación por condición sexual, porque entende que actuou motivado pola súa animadversión cara á orientación sexual que atribuíu á vítima.

A acusación pública pide o mesmo castigo para Catherine Silva; 22 anos de reclusión para Alejandro Freire e Alejandro Míguez por asasinato con aleivosía e asañamento, e outros 27 anos de cárcere para Kaio Amaral, por ese mesmo delito e polo de roubo violento, xa que se apoderou do móbil de Samuel..

«Crueldade extrema»

O fiscal considera que todos os acusados actuaron con «crueldade extrema» con intención de acabar coa súa vida, pero a xuíza que preside a vista advertiu no seu auto de apertura do xuízo que tamén debe establecerse durante a mesma se tres dos procesados tiñan diminuída a súa capacidade de raciocinio por atoparse baixo os efectos dunha intoxicación pola inxesta alcol ou o consumo de drogas.

O xuízo, no que declararán máis de 80 persoas, empezará este mércores coa presentación dos informes preliminares das partes, e desenvolverase ata o próximo 15 de novembro. Está previsto que o xurado entregue o seu veredicto tres días despois.

O fiscal considera que todos os acusados actuaron con «crueldade extrema» con intención de acabar coa vida de Samuel

A vista oral abrirase o mesmo xoves coas declaracións de Alejandro Míguez e Catherine Silva —Montaña, Ferreiro e Amaral declararán o 14 de novembro—. Ese mesmo día comezarán as de quen foron testemuñas dos feitos, entre eles amigos e amigas, coñecidos e coñecidas da vítima e dos acusados, así como de viandantes e das persoas que trataron de protexer e auxiliar a Samuel. Tamén testificarán os seus pais e a nai dun dos acusados.

A partir do 30 de outubro comparecerán as testemuñas peritas, entre eles psicólogos e forenses, expertos en tecnoloxías de gravación e en ADN, así como os policías nacionais e locais que dirixiron e desenvolveron a investigación e recolleron e analizaron as gravacións do linchamento de Samuel, que se visionarán o 13 de novembro.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail