A Coruña.- As evidencias de prácticas corruptas durante a carreira política de Alberto Núñez Feijóo seguen reproducíndose en Galicia, onde o actual presidente do PP deixou un regueiro de casos de decisións irregulares, nomeamentos, favores e adxudicacións de diñeiro público en beneficio de familiares, amigos, empresarios e persoas afíns ao Partido Popular.
O último foi a denuncia sobre os máis de 780.000 euros en contratos menores asignados a dedo pola Xunta nos últimos sete anos a Joaquín Cuíña, irmán de Beatriz Cuíña, persoa da máxima confianza do actual presidente do Executivo autonómico, Alfonso Rueda, e quen ocupou altos cargos na Administración galega cos gobernos de Feijóo.
Tal e como desvelou o pasado luns eldiario, Cuíña, cuxa irmá é secretaria xeral da Consellería de Presidencia, obtería esas cantidades para intermediar na tramitación e rexistro de marcas comerciais da Xunta de Feijóo e Rueda, a través de contratos que foron adxudicados sen concurso por unha vintena de organismos da Administración autonómica.
Esas contratacións súmanse ás que beneficiaron ás sociedades do Grupo Eulen, cuxa directora para Galicia e o noroeste de España é a irmá do presidente do PP, Micaela Núñez Feijóo; a Universal Support, a firma coruñesa de telemárketing cuxo director comercial é o seu cuñado Ignacio Cárdenas; a Mape Aseores, a compañía coa que intermediou Alberto González Amador parella da presidenta da Comunidad de Madrid, Isabel Díaz Ayuso; a Sibucu 360, propiedade do empresario galego José Ramón García González, próximo ao PP; e a Allwork Vestiario Laboral, da que se fixo socio o marido da secretaria xeral do partido en Galicia poucas semanas antes de que a Xunta empezara a contratar con ela.
A eses casos engádense as polémicas derivadas da relación de Feijóo co narcotraficante Marcial Dorado; ás irregularidades na fusión das caixas de aforro galegas que derivou na súa quebra e rescate con diñeiro público, e ao escándalo pola detención en México de directivos da petroleira nacional dese país, Pemex, acusados de corrupción e con negocios vinculados coa Xunta xestionados en persoa polo hoxe presidente do PP.

Marcial Dorado
Feijóo coñeceu e trabou unha íntima amizade con Marcial Dorado a principios dos anos noventa. O actual presidente do PP era daquela secretario xeral da Consellería de Sanidade da Xunta, que adxudicou á empresa de gasolineiras de Dorado a subministración de combustible para as ambulancias e a calefacción dos hospitais públicos de Galicia. O narco non só engrosaba así os ingresos da empresa coa que enchía os depósitos das planeadoras e camións cos que trabsportaba a droga, senón que podía dar cobertura financeira oficial ao seu armazón empresarial con ingresos limpos procedentes da Adminsitración sanitaria.
Feijóo nega que soubese que Dorado se dedicaba ao tráfico de haxix e cocaína, a pesar de que xa estivera implicado en varias operacións de contrabando e narcotráfico. Cando se publicaron as fotos que demostran que ambos compartían xornadas de lecer no iate do narco, así como vacacións e fins de semana en viaxes de luxo que este asegura pagaba a Feijóo, a oposición no Parlamento de Galicia reclamou aqueles contratos. A Xunta dixo que quedaran destruídos na inundación dun instituto de Formación Profesional en Vigo onde os trasladaba desde a súa sede en Santiago.

As caixas de aforro
Tras a súa chegada á Xunta en maio de 2009, en plena crise financeira, Feijóo converteuse no principal impulsor da fusión das dúas grandes caixas galegas: Caixanova, con sede en Vigo, e Caixa Galicia, na Coruña. A segunda estaba nunha situación moi complicada polos seus investimentos inmobiliarios e pola estafa das preferentes deseñada polo seu director xeral, José Luis Méndez; mentres que a primeira defendía que tiña unha posición máis saneada, algo que a fusión poñería en perigo.
O 29 de decembro de 2009, apenas sete meses despois de que Feijóo tomara posesión como presidente, a Xunta emitiu a memoria na que xustificaba a necesidade da fusión, baseada nun suposto informe de auditoría da consultora KPMG. Posteriormente sóubose que en realidade non era unha auditoría senón unha mera análise diagnóstico que non a avalaba. Coñeceuse, así mesmo, que a empresa empezara a redactalo semanas antes de que Feijóo llo encargase oficialmente e de que custara un millón de euros de diñeiro público.
As caixas galegas fusionáronse en setembro de 2011 en NovaCaixaGalicia coa marca comercial Novagalicia Banco, pero pouco despois tiveron que ser nacionalizadas e rescatadas con máis de 8.500 millóns de euros en créditos e avais do Estado mediante fondos europeos. En 2013, e co apoio expreso de Feijóo, o banqueiro venezolano Juan Carlos Escotet adquiriunas por 1.003 millóns, aínda que non tivo que depositar nin un euro porque os pagos estaban suxeitos á consecución de beneficios, que obtivo desde o primeiro exercicio.
Abanca foi o principal apoio financeiro dos gobernos de Alberto Núñez Feijóo na Xunta, e segue séndoo dos de Alfonso Rueda. En outubro de 2020, a Audiencia Nacional estableceu a responsabilidade da Xunta na quebra das caixas: os xuíces aseguraron que Caixanova nunca tería que ser intervida se non se viu obrigada a fusionarse Con Caixa Galicia.

Pemex e as mordidas de Emilio Lozoya
En 2012, o ano no que revalidaría a súa segunda maioría absoluta, Feijóo anunciou que chegara a un acordo coa petroleira Pemex para que os estaleiros galegos fabricasen sete hoteis flotantes para o persoal das súas plantas petroleiras. O anuncio fixo crer que a Xunta salvara así da desaparición o sector naval galego, así que Feijóo viaxou a México para publicitar os acordos e saudar e fotografarse co entón CEO de Pemex, Emilio Lozoya.
Oito anos despois, cando Lozoya foi detido en Málaga acusado de subornos, mordidas e desvío e apropiación de fondos, só se construíron dous daqueles sete floteles. Feijóo nunca quixo dar explicacións por aqueles incumprimentos. A Fiscalía Xeral de México pediu 46 anos de prisión para Lozoya.

Micaela Núñez Feijóo, a irmá directiva en Eulen
Desde que Feijóo accedeu á presidencia da Xunta en 2009 e ata a actualidade, a Xunta multiplicou as cantidades adxudicadas en contratos públicos ás sociedades do Grupo Eulen, que dirixe en Galicia a súa irmá, Micaela Núñez Feijóo. Ela empezou a traballar na compañía tres meses despois de que Manuel Fraga nomease o seu irmán conselleiro de Obras Públicas da Xunta.
Segundo a información que veu publicando Luzes-Público desde 2022, son máis de 54 millóns de euros en asignacións a Eulen en 15 anos, boa parte deles procedentes do orzamento sanitario, nunha cantidade que non chega nin á metade que obtiveron no mesmo período os seus dous principais competidoras, Securitas e Prosegur.
Os expedientes dos contratos con Eulen, que seguiron crecendo cos gobernos de Alfonso Rueda, conteñen evidencias de que a empresa da irmá de Feijóo gozaba de trato de favor neses concursos e mesmo dispoñía de información privilexiada sobre as súas competidoras. A empresa ascendeu a Micaela Núñez en 2016, o exercicio posterior ao seu récord de adxudicacións da Xunta. Tal e como desvelou este diario en agosto pasado, os gobernos de Juan Manuel Moreno Bonilla en Andalucía, de Isabel Díaz Ayuso en Madrid e de Fernando López Miras en Murcia tamén dispararon as adxudicacións ás empresas do grupo.
Segundo outra investigación da edición galega do Salto, só entre 2018 e 2023 Eulen obtivo en Galicia 4,8 millóns de euros en contratos a dedo da Xunta. No que vai de 2024 recibiría outros 1,6 millóns en contratos menores.
Ascensos e nomeamentos de amigos, familiares e afíns
Moitas das contratacións da Xunta con Eulen coinciden con ascensos e nomeamentos a dedo de altos cargos da Administración autonómica e dos seus organismos dependentes descentralizados, que segundo as investigacións de Luzes-Público, ocupan postos afíns a Feijóo e ao Partido Popular. Entre eles hai decenas de nomes de persoas ás que se premia con cargos e soldos de alta dirección en axencias, consorcios, fundacións e sociedades públicas que logo contratan con Eulen.

Eloína Núñez Masid, a prima
Un deses altos cargos é Eloína Núñez Masid, prima de Feijóo e da súa irmá Micaela, médica de profesión pero con praza de técnico de saúde no Servizo Galego de Saúde (Sergas). Feijóo ascendeuna a xerente dos hospitais públicos da provincia de Ourense en 2009, pouco despois da súa investidura como presidente. Catro anos despois, ela creou unha praza nun deses centros para entregarlla ao seu marido, tamén médico.
En 2017, Feijóo ascendeuna á dirección dos hospitais de Santiago. Desde ese cargo, Núñez Masid tramitou dous contratos por valor de case 4 millóns de euros en favor de Eulen, a empresa que dirixe a súa prima. Cesada en maio pasado, o Goberno de Alfonso Rueda concedeulle un permiso retribuído con soldo que non lle correspondía, e acaba de outorgarlle outro posto directivo na Consellería de Política Social, a segunda que máis diñeiro adxudicou a esa compañía nos últimos 15 anos.
Ignacio Cárdenas, o cuñado
Na primavera pasada, o Consello de Contas de Galicia, o organismo que fiscaliza a contabilidade da Administración autonómica, desvelou que Universal Support, unha empresa de telemárketing da Coruña, fora en 2021 a máis beneficiada en Galicia polos fondos extraordinarios para a loita contra a covid que o Estado puxo ao dispor das comunidades autónomas.
Universal Support non tivera ata entón relación algunha co sector sanitario. O seu director comercial é Ignacio Cárdenas Botas, irmán de Eva Cárdenas, parella de Feijóo desde 2013. Segundo as investigacións de Luzes-Público, Universal Support recibiu polo menos 15,2 millóns de euros da Xunta entre 2020 e 2021 para o rastrexo de casos covid e para a atención telefónica sanitaria, mediante adxudicacións polo procedemento de emerxencia, é dicir, sen concurso. En abril de 2021 gañou outro procedemento por valor de 4,06 millóns coa oferta máis cara das tres que se presentaron.
Feijóo considerou unha «sorprendente acusación» as informacións deste medio que desvelaron que a empresa do seu cuñado levou en dous exercicios máis de 19,2 millóns de euros de diñeiro público da Xunta que o presidía, e que estaba destinado a sufragar as medidas contra a covid.
Sibucu 360 e José Ramón González
En maio de 2022, Luzes-Público desvelou que a Xunta, a Comunidad de Madrid e o Concello da capital do Estado compraran en 2020 4,8 millóns de euros en máscaras con selo de homologación falsificado a Sibucu 360, empresa do empresario galego José Ramón González, vinculado ao PP de Galicia.
Ayuso e Feijóo volveron contratar meses despois con Sibucu a compra de material sanitario, cando xa sabían que era ilegal e que ademais González estaba procesado por varios delitos de fraude tributaria, falsidade documental e contra a propiedade intelectual.
Mape Asesores e a parella de Díaz Ayuso
Durante a emerxencia sanitaria de 2020 e 2021, a Xunta tamén contratou a dedo con Mape Asesores, compañía coa que intermediou, tamén na Comunidad de Madrid, o exconsultor do Grupo Quirón Saúde Alberto González Amador, parella da presidenta, Isabel Díaz Ayuso.
González Amador, investigado pola Axencia Tribuaria por dous delitos fiscais e outro de falsidade por defraudar 350.000 euros procedentes das comisións por aquelas compras, cuadriplicou os seus honorarios con Quirón desde que estalou a crise da covid.
Segundo o BNG, González Amador levou ao redor de 2 millóns en comisións en Galicia. Segundo o Consello de Contas de Galicia, a Xunta pagaría a Mape Asesores cantidades por encima do prezo de mercado do material adquirido.

Allwork e o marido da secretaria xeral do PPdeG
O 13 de marzo de 2020, poucas horas antes de que Pedro Sánchez decretase o Estado de alarma pola emerxencia sanitaria, a empresa Allwork Vestiario Laboral, propietaria dunha tenda de roupa de traballo en Santiago, recibiu como socio ao 50% a Francisco Antonio Otero Illodo, esposo da secretaria xeral do Partido Popular de Galicia e man dereita de Feijóo, Paula Prado. Desde entón, e tal como desvelou o pasado marzo o diario O Salto, Allwork fíxose con 38 contratos menores a dedo da Xunta por valor de 145.975,72 euros para a compra de equipos de protección individual.
Ata o desembarco no seu accionariado do marido de Prado poucas horas antes de que se decretase o confinamento da poboación, Allwork só acudira a unha licitación pública da Xunta por valor de 182 euros. Desde a chegada de Otero Illodo, segundo a edición galega do Salto, os seus beneficios creceron en 170.000 euros en apenas un exercicio. Prado nega calquera trato de favor da Xunta de Feijóo co seu marido.