Vivenda, memoria e repertorio de acción

O domingo foi unha xornada de mobilización das que poden marcar un punto de inflexión. Anúncianse xa outras en Valencia para o 19, Canarias para o 21, etc. Este ciclo de loitas conta xa, de feito, cun ostentoso nome provisional, a «Revolución das Chaves», e ben puideramos estar perante o despegue da IV onda de mobilizacións da democracia.

Rebobinemos. Hai uns días as declaracións da ministra Isabel Rodríguez espertaron unha indignación xeneralizada ao apelar á solidariedade dos rendeiros para paliar prezos abusivos. Nos días seguintes, Pedro Sánchez pasou por Barcelona a ver se lle sacaba proveito á inaguración dunhas vivendas construídas por… Colau! Pola súa banda, Errejón marcaba distancias co PSOE: «Pero aquí, señor Presidente, la diferencia fundamental (…) no la tenemos con la derecha, (…) la tenemos entre los socios de gobierno». Todo empeorou ao recuperar Sánchez do esquecemento 200 millóns dunha política que, no esencial, levaba eses cartos ás mans de propietarios baixo a forma de axuda á mocidade.

Vai de seu que, en previsión de manifestacións exitosas, cadaquén mira polo seu. Porén, o problema da vivenda non é conxuntural nin menor; afecta as bases da propia constitución material que sostén o réxime político. Basta con lembrar como o crac de 2008 provocou a maior crise de lexitimidade e do sistema de partidos desde a Transición. E isto ata o punto de que, aínda hoxe, o bipartidismo se atopa a medio camiño das cifras previas ao 15-M. Máis aínda, se o PSOE só prefire deixar a política de vivenda nas mans do mercado é porque se amosa confiado en que a súa estratexia restauradora aínda ten percorrido.

Con todo, a onda de mobilizacións actual avanza sostida polas loitas que impulsa a crise da vivenda. Como é sabido, a contenda política depende das modificacións nos repertorios de acción colectiva, isto é, nas prácticas que as redes activistas dispoñen co obxecto de favorecer a mobilización. A pouco que lembremos, da man da Plataforma de Afectados pola Hipoteca (PAH) distintas formas de acción disruptivas viñeron alterar o repertorio. Os escraches hoxe poden ser moi cuestionados e mesmo impopulares; mais no seu día, xunto con parar os desafiuzamentos, okupar sedes bancarias… foron prácticas que impulsaron un potente movemento.

As organizacións do inquilinato apuntan agora a unha ambiciosa incorporación táctica: a folga de alugueiros. Para isto apelan, como é propio do discurso dos movementos, ás experiencias exitosas do pasado. Lembran así precedentes como a folgas de alugueiros do 7 de maio de 1931, nas Casas Baratas de Barcelona. Aquel ciclo de loitas tivo lugar nun contexto no que un traballador cualificado dedicaba á vivenda entre o 33 e o 38% dos seus ingresos. A folga chegou a implicar a case cen mil familias, radicadas moi en particular nos barrios proletarios. De súpeto deixaron de pagar o alugueiro e causaron un impacto decisivo.

Non hai, porén, que remontarse tan lonxe para atopar contextos de mutación repertorial cun efecto notorio sobre a mobilización e, por ende, a política de vivenda. No outono de 1979, Compostela coñeceu un ciclo de acción colectiva de grande impacto: a Loita dos Pisos. Un estudantado emerxente víase afectado pola carestía da vivenda. Naquel tempo a universidade era un ascensor social a pleno rendemento. Mais a cidade non daba feito para atender a demanda. Non poucos composteláns pensaron que era unha oportunidade para sacar tallada.

A contenda estaba servida: por unha banda, a mutación en curso na composición de clase facía que os fillos dos traballadores comezasen a acceder aos estudos superiores. Este estudantado xa non era o anterior aos anos sesenta e setenta; eran fillos dun novo horizonte de loitas aberto en 1972. Pola outra, os propietarios atopaban un investimento de rendementos moi favorábeis e protagonizaban un emerxente rendismo popular no que cabía desde a pequena burguesía compostelana ata os retornados.

As novidades no repertorio de acción colectiva non foron poucas, nin tampouco menores: desde as barricadas na rúa Santiago de Chile ata nomear reitor a un porco, tal e como fixeran os yippies con Pigasus, o cocho que chegou a candidato presidencial nos EE.UU. Desde a Coordinadora Aberta da Vivenda e dos Servizos Universitarios foron desenvoltas prácticas que deixaron fóra de xogo as frontes estudantís dos partidos; a comezar pola máis forte do momento: ERGA.

Desde aqueles anos de cambio de réxime ata o presente foi moito o que mudou. Mais a «España de propietarios y no de proletarios» da que falara o ministro franquista De Arresse segue a ser unha parte esencial do que perdurou do franquismo na democracia. Entender o que foron as loitas dun xeito diferente aos vellos tópicos militantes, pola súa propia validez mobilizadora, convértese hoxe na tarefa ineludíbel para un discurso de liberación.

[Foto: Fondo fotográfico da Asociación de Prensa de Vigo – Biblioteca da Deputación de Pontevedra]
cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail