Este artigo tamén está dispoñible en: Castelán
Hai anos sentín a Vicenç Navarro dicir que a principal diferenza entre a monarquía española e as sueca ou holandesa non era o seu estatuto constitucional nin a súa historia. Tampouco o seu patrimonio. A grande diferencia entre a familia real española e as do resto de Europa é que en España, dende a transición até hoxe, os Borbóns contan coa a protección da totalidade dos grandes medios de comunicación do país. Non existiron nin existen liñas editoriais críticas coa monarquía, nin nos grandes xornais nin –ainda menos–, nas grandes canles de TV ou radio. De xeito que, cando as periferias do sistema mediático ou cultural teñen tomado partido criticamente fronte á coroa, a resposta non se fai esperar. A fiscalía non ten escatimado forzas para secuestrar portadas de El Jueves ou instar denuncias por inxurias contra artistas plásticos, músicos ou activistas. Unha situación inimaxinable en Suecia ou no Reino Unido. En Europa existen monarquías, así é; porén, non existen monarquías que non reciban críticas libres dende os grandes medios dos seus países.
Cando en abril de 2013 a valoración da monarquía acadou o mínimo histórico de 3,7 puntos sobre 10, o CIS esperou dúas ondas máis, e vendo que a cousa non melloraba, pechou a serie en abril de 2015 cun 4,3 sobre 10
En España, os grandes poderes teñen protexido a monarquía de moitos xeitos. Un deles vén sendo o apagamento da información sociolóxica relativa ás opinións da sociedade sobre a institución. Ao longo da súa historia, o Centro de Investigaciones Sociolóxicas ten preguntado moi pouco sobre a coroa, pero dende 2015 non ten preguntado nada en absoluto. Cando en abril de 2013, con Urdangarín, Corina e o elefante nas costas de Juan Carlos I, a valoración da monarquía acadou o mínimo histórico de 3,7 puntos sobre 10, o CIS esperou dúas ondas máis, e vendo que a cousa non melloraba, pechou a serie en abril de 2015 cun 4,3 sobre 10. Literalmente, non houbo máis preguntas.
Habería de ser a periferia do sistema mediático que puxera fin ao silencio neste mes de outubro. O pasado domingo coñecemos os datos da enquisa promovida pola Plataforma de Medios Independentes, posta en marcha en liña sobre unha ampla mostra de 3.000 casos.
No ámbito da opinión pública, ás veces teñen lugar grandes disociacións entre a opinión das maiorías sociais e os discursos hexemónicos nos medios. En tempos de crise, estas disociacións son máis frecuentes e, por veces, están amosando gretas nas estruturas discursivas de lexitimación do sistema. Unha das características máis recoñecibles destas disociacións son as ambivalencias e as contradicións continuas entre as posicións dentro dun mesmo discurso.
Unha maioría significativa ve na monarquía os valores do juancarlismo posfranquista: estabilidade e contención das tensións territoriais. Por outra banda, unha maioría equivalente (e posiblemente conformada nunha parte significativa polas mesmas persoas) considera que a monarquía é unha rémora doutros tempos e que os escándalos de corrupción da familia real fan dano á imaxe de España.
Sen entrar a valorar a potencia disruptiva do caso –que probablemente non é moita–, esta enquisa sobre a monarquía dá conta da enorme profundidade que separa os discursos sobre a coroa que agroman na superficie do sistema mediático hexemónico, e as grandes correntes ideolóxicas maioritarias e submarinas nas que parecen estar mergullando grandes sectores sociais do país. Así, por unha banda, unha maioría significativa segue a ver na institución os que foran os grandes valores do juancarlismo posfranquista: estabilidade (48%) e capacidade de contención das tensións territoriais (39%). Por outra banda, unha maioría equivalente (e posiblemente conformada nunha parte significativa polas mesmas persoas) considera que a monarquía é unha rémora doutros tempos (48%), que os escándalos de corrupción da familia real fan dano á imaxe de España no exterior (74%) e que Felipe VI coñecía das comisión que cobraba o seu pai (48%).
De acordo cos datos do CIS, en 1994 a confianza na monarquía como institución acadaba unha media de 7,5 puntos sobre 10; con esta enquisa na man, sabemos que hoxe apenas chega a 4,2. En Galicia, aínda que os datos non son significativos, as tendencias amosan que a disociación é aínda máis intensa. A proporción dos que creen que o rei Felipe sabía das comisión que cobraba o pai é significativamente maior que no resto do país (52% vs. 48%), pero iso non quita para que a proporción dos que consideran que a monarquía aporta orde e estabilidade sexa 9 puntos maior (57% vs. 48%). En Galicia, os que votarían a favor dunha república son practicamente os mesmos que no resto de estado (42% vs. 41%), pero os que apoiarían a monarquía son máis (40% vs. 35% no resto). Iso si, os acordos sobre o malgasto que supón ter reis son idénticos: 55% dos galegos e 55% do conxunto dos españois están de acordo en que para lo que aporta, el coste de la monarquía es desproporcinado. Ambivalencias e contradicións, esas fillas non recoñecidas que as reflexións disociadas van botando por aí.
En 2020 o constitucionalismo é defendido no espazo de representación partidista como a pedra rosetta dos problemas país, os poucos que non o defenden son tratados como leprosos e as forzas chamadas a impulsar a apertura dun novo proceso constituínte só falan do texto do 78 para esixir o seu cumprimento
As posición sobre o apoio a unha eventual reforma constitucional amosan unha realidade máis ou menos semellante. Hoxe, o 72% da xente considera que a Constitución de 1978 precisa dunha reforma. Desta cuestión temos máis información. Sabemos que este respaldo é maioritario dende que estoupara a crise financeira mundial. O 2008 foi o primeiro ano no que se alterou a relación de forzas e os reformistas foron máis ca os inmobilistas: 52,7% en 2008; 58,6% en 2012; 69,9% en 2018. No entanto, en 2020 o constitucionalismo é defendido no espazo de representación partidista como a pedra rosetta dos problemas país, os poucos que non o defenden son tratados como leprosos e, para rematar a disrupción, as forzas chamadas a impulsar a apertura dun novo proceso constituínte só falan do texto do 78 para esixir o seu cumprimento. Nos espazos mediáticos dominantes, o respaldo ao cambio constitucional é absolutamente testemuñal; como quen di, cousas de Javier Pérez Royo e algún que outro friki de por aí. Así andan as cousas. Así andamos.
O crecemento da forza de posicións republicanas que amosa esta enquisa está aí. E ollando os apoios que a república recibe entre a xente máis nova, diríase que a tendencia chegou para quedarse. Non son quen de poñer estes feitos en cuestión. Pero nos últimos anos temos aprendido abondo que as maiorías sociais por si mesmas non producen cambio político. En primeiro lugar, porque a calidade da nosa democracia está moi lonxe deses automatismos e nunca tivemos un sistema de partidos nin remotamente impregnado pola sociedade a ese nivel. En segundo lugar, porque na maioría dos casos, os procesos de cambio histórico acadan o seu principal impulso do deterioro do réxime que queren modificar e nós aquí aínda temos un 55% de españois e un 60% de galegos que considera que la monarquía no es ni buena ni mala: depende de cómo sea el rey.
Cando se trata de pedir cambio constitucional, as grandes maiorías pídeno, pero para garantir unha mellor educación e unha mellor sanidade, mellores traballos, máis vivendas, máis igualdade; as maiorías sociais respaldan o cambio constitucional para lle poñer freo á corrupción dos políticos
En terceiro lugar, e se cadra o máis importante, porque antes e despois da pandemia, a preocupación das maiorías sociais pola monarquía é marxinal, tanto entre os monárquicos coma entre os republicanos, e como sabemos grazas a outros estudos, cando se trata de pedir cambio constitucional, as grandes maiorías pídeno, pero para garantir unha mellor educación e unha mellor sanidade, mellores traballos, máis vivendas, máis igualdade; as maiorías sociais apoian o cambio constitucional para lle poñer freo á corrupción dos políticos, para mellorar a coordinación entre as CC. AA. e o Estado, para reducir as tensións territoriais, para cambiar a lei electoral; e só despois de todo iso, para decidir se queremos seguir vivindo nesta monarquía (tan corrupta) ou abrir unha fiestra pola que poida chegar a nosa III República. A de todas.
Este artigo tamén está dispoñible en: Castelán