Dende Waterloo contra a «represión» do procés

O Tribunal Supremo publicou en Madrid a sentenza do procés e Carles Puigdemont, o expresident fugado, apareceu en Bruxelas. A atención na capital comunitaria era máxima dende había días, por unhas condenas que se daban como seguras e que caerían o mesmo día no que o Tribunal Superior de Xustiza da UE, en Luxemburgo, ía celebrar a vista prexudicial para determinar se Oriol Junqueras podería saír do cárcere grazas á súa inmunidade como eurodeputado electo.

Sería quen Puigdemont de viaxar ata Luxemburgo nun golpe de valentía e apoiar a loita xudicial de quen fora o seu vicepresidente, o dirixente que como a maioría do Govern catalán ficou en Catalunya, traizoado polo líder do procés, asumindo as consecuencias dos seus actos? Ou o expresident agardaría no seu «refuxio»?

Non defraudou. Para o malo e para o bo. Puigdemont presentouse en Bruxelas, a media hora da súa Casa da República na pequena cidade de Waterloo. Viaxar ata Luxemburgo restaríalle impacto mediático aínda que fose un xesto de valentía ética e apoio moral. A Bruxelas, como non, viña cargado de acusacións.

As condenas de trece a nove anos por sedición e malversación contra Junqueras e o seu antigo equipo de consellers, mais os outros nove anos contras «os Jordis», líderes de asociacións culturais e civís, eran «inhumanas», unha «regresión de dereitos que prexudica a todos», «unha represión e vinganza contra todos aqueles cidadáns que procuraron a vía da democracia para facer posible a súa vontade» e amosaban que non existe «unha verdadeira separación de poderes» en España, nin en Europa.

En tres linguas, catalán, castelán e inglés, sen aceptar preguntas que o incomodasen, práctica xa habitual en Bruxelas e nas capitais europeas e da que gustan o presidente de Francia, Emmanuel Macron, e Angela Merkel, a chanceler alemá, Puigdemont verteu en apenas quince minutos toda a batería de acusacións contra a xustiza e a clase política españolas.

Tamén contra Europa que «cala ante as atrocidades turcas contra os kurdos», á que acusou de ser tamén «a mesma que cala covardemente cando a policía dun Estado Membro agrede con violencia a un pobo que sae a votar». «A mesma Europa», segundo Puigdemont, «que impide que os representantes de dous millóns de cidadáns se senten no Parlamento Europeo», esquecendo que a xustiza comunitaria está a xulgar esa cuestión. Curioso xeito de entender a separación de poderes.

Carles Puigdemont valorando a sentenza desde Bruxelas cos exconsellers Toni Comín, Lluis Puig e Meritxell Serrer.

Fronte «á receita baseada no cárcere e nas condenas», só queda, cre o expresident, «mobilizarse… converter as eleccións [do 10 de novembro] nunha revolta de dignidade e firmeza… mediante canles pacíficas e non violentas».

Xa o dixera Gabriel Rufián, portavoz de ERC no Congreso dos Deputados tralo fracaso da primeira investidura, que á volta do verán non ía ser bo momento de negociar, que sería un outono quente coa sentenza do procés. Velaí a teñen, Puigdemont en Bruxelas capitalizando a escena política,  como se no canto de retornar de Waterloo aínda o fixese igual que Napoleón dende Santa Elena, escapando e preparado para a batalla final. Igual Santa Elena foron estes dous últimos anos, e agora si chega a batalla na chaira.

Logo da sentenza, a xustiza española reactivou a demanda de extradición coa euroorde. O seu avogado flamenco confirmou que xa tiña o documento en castelán e que estaba pendente da confirmación da fiscalía federal belga. Tamén que cando aconteza, Puigdemont «presentarase ante as autoridades». No código penal belga non existe o delito de sedición, o principal xulgado, que é tan só un comportamento asociado a atentados ou complots contra a monarquía ou a forma de goberno do país. Si existe o de rebelión, pero o Supremo descartouno no procés. Novo conflicto para os tribunais belgas.

Dous anos despois, comezamos de novo. Ábrese a fronte xudicial europea, como cando Puigdemont comparecía ante os tribunais no centro de Bruxelas, saía libre, visitaba Alemaña, era detido… Un revival!!!

Ollo, que en Bruxelas, antes de que o expresident comparecese, a roda xa estaba a xirar. Saíron os amigos da ultradereita flamenca, o partido N-VA, nun «día negro para a liberdade e a democracia», acusando a UE de «estar observando e non facer nada por esta vergoña» xa que «no corazón de Europa, os políticos reciben moitos anos de cárcere por defender a liberdade».

Ao mesmo tempo, no Parlamento Europeo, disparábase o cruce de mails internos entre eurodeputados, con acusacións, defensas pechadas, peticións de mediacións internacionais en favor «dunha solución política para un problema político». Entre os máis curiosos da marea de comunicados e correos públicos, e non tan públicos mais aos que accedemos, un de Javier Nart, ex eurodeputado de Cidadáns descontento coa deriva ultra de Albert Rivera, adxuntando un informe «legal» (feito por el ou o seu equipo) sobre o funcionamento do sistema político catalán e xurídico español.

Non me pregunten polos correos e pronunciamentos de Vox aquí, a eses téñoos vetados e tampouco mos filtraron. Nin preguntei por eles. O xefe da súa delegación na Eurocámara é un antigo membro da Falanxe. Cousas dunha Europa sen liberdade.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail