A prima de Feijóo adxudicou unha praza ao seu marido catro anos despois de ascender na Xunta

A Coruña.- A prima de Alberto Núñez Feijóo, Eloína Núñez Masid, adxudicou unha praza no Servizo Galego de Saúde (Sergas) ao seu marido catro anos despois de que o seu curmán a nomeara  xerente dos hospitais públicos de Ourense no 2009.

A designación produciuse en plena onda de destitucións de mandos intermedios da sanidade galega que se opoñían á estratexia de recortes no orzamento sanitario executada por Feijóo tras a súa chegada á Xunta aquel ano. Varios deses médicos foron substituídos por familiares doutros altos cargos ou por galenos afíns ao PP, mediante oposicións amañadas que os tribunais acabaron declarando ilegais.

Eloína Núñez Masid, exconcelleira do PP de Ourense, accedeu á xerencia da área sanitaria da provincia en agosto de 2009. É dicir, apenas tres meses despois de que o líder do PP tomara por primeira vez posesión da presidencia do Goberno galego.

En setembro de 2012, a nova xerente asinou a convocatoria de varias prazas nos hospitais que dirixía, cuxa provisión subscribiu ela mesma en xuño de 2013. Un deses postos, a xefatura de sección do servizo de Urxencias, que non existía ata entón, foi para o seu marido, Francisco José Aramburu Vilariño, segundo figura na resolución do Diario Oficial de Galicia á que se accede nesta ligazón.

Nova xefatura de sección en Urxencias

Ao contrario do resto de servizos hospitalarios de Galicia, onde a normativa establece a existencia de xefaturas de sección e de servizo, nos de Urxencias e Admisións só se contempla a figura dos coordinadores, segundo fixeron saber a Luzes-Público fontes coñecedoras da organización da administración sanitaria.

Núñez Masid asinou a convocatoria de varias prazas nos hospitais que dirixía. Un deses postos, que non existía ata entón, foi para o seu marido,

De feito, engaden, cando o marido de Núñez Masid foi ascendido á coordinación das urxencias de Ourense en 2019, a xefatura de sección que ocupaba extinguiuse automaticamente e non se cubriu desde entón.

Luzes-Público dirixiuse á xerencia do Sergas para coñecer as razóns que levaron á creación e dotación da citada praza e á súa desaparición posterior, así como para tentar contactar con Aramburu para obter a súa versión dos feitos. Á hora en que se terminou de escribir este artigo, non obtivera resposta.

Contratos coa empresa da súa prima Micaela

Eloína Núñez Masid é licenciada en Medicina pola Universidade de Santiago de Compostela (USC) e ten praza de técnica superior de Saúde da Xunta en Ourense. Feijóo ascendeuna en 2017 á xerencia dos hospitais de Santiago, desde onde tramitou dous contratos por preto de 4 millóns de euros con Eulen, cuxa directora para Galicia e o noroeste de España é Micaela Núñez Feijóo, irmá menor do líder popular.

Segundo as investigacións que vén publicando Luzes-Público, as sociedades dese conglomerado empresarial obtiveron máis de 54 millóns de euros en adxudicacións da Xunta, a maioría a través do Sergas, desde que Feijóo gañou as eleccións de 2009.

En canto ao esposo de Núñez Masid, tamén se licenciou pola USC e é urxenciólogo no complexo hospitalario de Ourense desde 1987. A cobertura da súa praza de xefe de sección realizouse polo procedemento de avaliación colexiada, mediante o que un tribunal designado pola súa muller valorou os seus méritos e propuxo a súa designación. Segundo as fontes antes citadas, Francisco José Aramburu foi o único que se presentou ao proceso de selección.

Destituída e recolocada

En maio deste ano, Eloína Núñez Masid foi destituída da xerencia dos hospitais de Santiago, aínda que se mantén na executiva do PP galego, na que Feijóo a designou vogal de sanidade en 2019.

Tras o seu cesamento, o Goberno de Alfonso Rueda concedeulle un permiso de seis meses con soldo ao que non tiña dereito, aínda que é probable que non o esgote dado que a Consellería de Política Social planea nomeala subdirectora xeral de Envellecemento Activo e Prevención da Dependencia e Innovación Sociosanitaria.

Eloína Núñez Masid, co exconselleiro de Feijóo Jesús Vázquez Almuíña / Xunta

A Consellería de Política Social é despois do Sergas a segunda entidade da Xunta que máis diñeiro público entregou a Eulen, a empresa de Micaela Núñez Feijóo. O seu titular é Fabiola García, á súa vez esposa de Lucas Martinón, quen foi director adxunto da campaña electoral de Feijóo en 2009 e director xeral de Comunicación da Presidencia da Xunta ata que deixou o cargo en 2020 para emprender un proxecto empresarial persoal.

As purgas de Feijoo na sanidade galega

Na mesma época na que o hoxe presidente do PP ascendeu á súa prima nos hospitais de Ourense, e na que esta adxudicou unha praza ao seu marido, os novos xerentes das áreas sanitarias nomeados polo entón presidente da Xunta destituíron tamén a varios xefes de servizo dos hospitais públicos, para substituílos por médicos afíns á nova dirección da Administración sanitaria. Eses postos nunca tiveran adscrición política ata que Alberto Núñez Feijóo chegou á presidencia en Galicia.

Un dos afectados foi o doutor Evaristo Varo, xefe da Unidade de Transplantes Abdominais en Santiago, quen denunciara que o Sergas se negaba a facilitar a medicación que prescribía a pacientes de hepatite C que faleceron sen recibila. A súa praza foi entregada en concurso-oposición a Manuel Bustamente, esposo de Rocío Mosquera, primeira xerente do Sergas con Feijóo e posteriormente conselleira de Sanidade.

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia declarou ilegal aquel procedemento porque entendeu que fora amañado para dar a praza o marido da conselleira

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia declarou ilegal aquel procedemento porque entendeu que fora amañado para dar a Bustamente o posto de Varo. Este non chegou a recuperalo, pero Feijóo recolocou a Rocío Mosquera na xerencia de Galaria, unha empresa pública de prestación de servizos sanitarios de alta tecnoloxía onde cobra un salario próximo aos 70.000 euros.

O mesmo Tribunal anulou tamén os concursos mediante os que foron retirados dos seus postos nos hospitais de Pontevedra os doutores Víctor Pedreira, xefe do servizo de Psiquiatría; Enrique Vázquez Astray, xefe de Dixestivo; e o seu compañeiro Enrique Temes, xefe de Pneumoloxía.

Outro afectado por aquelas purgas foi José María Borro, xefe de Cirurxía Torácica na Coruña e fundador de Batas Brancas, quen sufriu unha campaña de desprestixio e persecución profesional tras denunciar que varios médicos do seu servizo derivaban pacientes a clínicas privadas onde lles cobraban por operalos. Foi expedientado, sancionado, destituído do seu cargo no hospital e apartado da súa praza de profesor na Universidade. Tres tribunais distintos déronlle a razón noutras tantas ocasións. Borro, impulsor do programa de transplantes de pulmón na Coruña, decidiu hai anos deixar Galicia para exercer a súa profesión noutra comunidade autónoma.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail