A nova norma xa non o considera infracción moi grave e só pode sancionar a Iberdrola e a Naturgy con 25.000 euros por cada un dos catro pantanos que desaugaron este verán fronte aos 300.000 que contemplaba a lexilación que o PP modificou en xaneiro.
A Coruña.- Iberdrola e Naturgy, as dúas empresas eléctricas que baleiraron catro encoros galegos este verán para xerar electricidade e aproveitarse así da colosal subida do prezo da luz nos últimos meses, non van pagar máis de 50.000 euros de multa cada unha xa que a Xunta de Alberto Núñez Feijóo modificou hai uns meses a lexislación na materia para reducir en máis dun 90% a contía desas sancións.
Fronte á indignación social provocada polo baleirado dos encoros de Belesar (Lugo), Salas, As Portas e Cenza (Ourense), o presidente do Goberno autonómico aparentou firmeza a semana pasada cando asegurou nun comunicado que as dúas eléctricas recibirían «as sancións máximas» por esa acción. «Por moito ruído que se faga non retiraremos o expediente», afirmou entón con suposta indignación.
O que Feijóo non dixo é que esas multas máximas teñen pasado dos 300.000 euros que contemplaba a norma precedente aos 25.000 euros que estipula a lei que o seu propio Goberno impulsou e que entrou en vigor este mesmo ano. Como moito, con cargo á nova lexislación, Naturgy e Iberdrola pagarán 50.000 euros cada unha, fronte aos 600.000 que lles custaría hai oito meses baleirar os encoros. É dicir, máis dun 90% menos.
O Regulamento de Pesca Fluvial de Galicia, do ano 1997, consideraba infraccións moi graves e sancionaba con entre cinco e cincuenta millóns de pesetas -entre 30.005 e 300.506 euros- as accións que tivesen como efecto «esgotar ou diminuír notablemente o volume de auga dos pantanos ou o caudal circulante polo leito dos ríos sen autorización», así como «o incumprimento das condicións que para eses efectos se fixasen, cando deste se deriven danos á riqueza piscícola».
En decembro do ano pasado, tres meses despois de que Feijóo fose investido presidente de Galicia por cuarta lexislatura consecutiva, o Parlamento de Galicia aprobou a Lei de Pesca Continental, que o Diario Oficial de Galicia publicou o 8 de xaneiro deste ano –un venres– e que entrou en vigor vinte días despois.
O novo texto sanciona as accións das empresas concesionarias de empresas hidroeléctricas que teñan como consecuencia «alterar de forma apreciable o nivel das augas ou do caudal do río». Pero xa non considera que o baleirado dos encoros sexa unha infracción moi grave, senón só grave e castigable con multas de entre 3.001 e 25.000 euros.
Naturgy explota a estación hidroeléctrica de Belesar –a segunda con maior potencia instalada de Galicia– e a de de Salas. O pasado 20 de agosto, segundo a Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, eses encoros atopábanse ao 31% e ao 27% da súa capacidade, respectivamente, cando a media dos anos precedentes era do 63% e do 52% en 2020 e do 72% e o 47% en 2019.
A compañía, que absorbeu a antiga Unión Fenosa, ten negocios co Goberno autonómico, xa que posúe o 49% da Sociedade Galega de Medio Ambiente (Sogama), que xestiona o transporte, reciclaxe e incineración dos lixos de Galicia e da que a Xunta mantén o 51%. A través de Sogama, Naturgy tamén participa no capital da empresa mixta creada por Feijóo para dar entrada á iniciativa privada na administración dos 20.000 millóns de euros que Galicia espera recibir nos próximos anos dos fondos de recuperación da UE.
En canto a Iberdrola, coa que a Xunta tamén colabora en diversos proxectos enerxéticos mercantís mediante empresas instrumentais e sociedades anónimas como Sotavento e Sistemas Enerxéticos Chandrexa, explota as estacións das Portas e Cenza, que segundo a Confederación estaban o 20 de agosto ao 15% e 14% da súa capacidade fronte ao 80% e 62% de 2020 e o 55% e 92% de 2019.
O baleirado de encoros en Galicia converteuse nunha cuestión política desde que Feijóo responsabilizase por omisión a Confederación Hidrográfica do Miño Sil, dependente do Goberno central e que preside José Antonio Quiroga, á súa vez secretario de Organización do PSOE en Galicia e quen alega, como sucedeu no resto de España, que as confederacións non teñen competencias para evitar que as eléctricas desauguen os encoros se o fan de acordo coas normas de explotación acordadas.
Feijóo alega que a Xunta non podía facer nada para evitar que Naturgy e Iberdrola reducisen o nivel dos pantanos para aproveitar a subida do prezo da electricidade, e que nin sequera o sabía porque a Confederación non informou o Goberno galego. Pero o certo é que foron as propias empresas as que advertiron por escrito á Xunta das súas intencións en xuño e xullo, aludindo expresamente á Lei de Pesca Continental de Galicia que entrara en vigor uns meses antes e que rebaixaba un 90% as sancións que recibirían por facelo.
É dicir, que Feijóo só se indignou meses despois de que o seu Goberno soubese que os encoros ían ser desaugados. E que tardou semanas en abrir os expedientes que, por moi duro que pretenda ser o presidente, apenas servirá para que as empresas non reincidan nesas actuacións, se se comparan as gananacias que obteñen cos 25.000 euros de multa máxima que lles podería poñer a Xunta por cada pantano que baleiraron. Iberdrola obtivo 1.531 millóns de euros de beneficio neto no primeiro semestre deste ano, e Naturgy, 383 millóns no mesmo período.
A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, anunciou que a súa formación pedirá unha comisión de investigación no Parlamento de Galicia advertiu de que a Xunta podería ter incorrido «nun suposto de prevaricación» por non facer nada a pesar de coñecer as intencións de Naturgy e Iberdrola. O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, acusou a Feijóo de mentir aos galegos.