Este artigo tamén está dispoñible en: Castelán
Aos ben pensantes preocúpalles que se vexa unha teta. Se son dous ármase a de Deus. Preocúpalles tanto unha mamila leitosa que a prohiben. As nais son esas mulleriñas brancas de porcelana que Hitler, Franco e Mussolini poñían nun pedestal, porque eran as ferramentas para poboar as súas nacións e construír os seus soños. O mesmo que fan o fascismo obtuso de Abascal e os seus secuaces católicos.
A esta xentalla preocúpalles tanto que unha artista se vista de virxe puta ou puta virxe que conseguen cancelar o espectáculo por ofenderlles os seus sentimentos relixiosos. As virxes non poden ser putas, nin as putas virxes está claro. O que non queda claro é que unha virxe pode ser nai e parir a través dunha vaxina inmaculada. Iso si que é un misterio que nin Deus se atreve a debater. O mesmo que ninguén se explica que nunha igrexa de Santiago de Compostela (non me pregunten en cal, porque cada vez que poño un pé naquel labirinto de rúas fermosas pérdome nunha cunca de viño), haxa unha escultura dunha virxe embarazada. Diso non se fala.
Igual que non se fala do que está a suceder en Españistán, con todo Cristo cedendo terreo á burka cristiá que nos quere impoñer VOX. Igual que tampouco se fala de que en Afganistán os tolais talibán, que odian ás mulleres tanto como a si mesmos, están a tomar o país coa idea de reducir ás afgás a meros obxectos sexuais e reprodutivos. Margaret Atwood xa os viu vir en 1985 cando escribiu The Handmaid’ s Tale (O conto da criada). OLLO: O que se está permitindo que suceda en Afganistán é un feminicidio programado, que non parece ofender os sentimentos de ninguén na comunidade internacional. Como dixo hai uns días a activista Mahbooba Saraj, que forma parte da rede Afghan Women’ s Network, a vida das afgás converteuse nun tema de twitter e o mundo está a mirar a ver que vai pasar.
Convertémonos en meros espectadores, como esas boas xentes apáticas que quedaron observando, sen mover un dedo, á manda que perseguiu e asasinou a golpes a Samuel na Coruña. (Dos que tampouco se fala, porque é un asunto feo que de entre decenas de coruñeses, só dous senegaleses se xogaran a vida por salvar o rapaz). Ou facemos de público indolente como eses fulanos que en lugar de axudar a un vítima dunha violación en grupo quedan mirando, sen participar, e así séntense máis nobres que os outros. Con todo, a señora Saraj equivócase, porque hai uns días o mundo enteiro non twitteaba sobre Afganistán, senón que estaba pampo, conmovido coas bágoas de Messi.
Mentres que aquí volvemos ao noso: santiguarnos ante a extrema dereita arrebatándolle a liberdade de expresión a unha muller. O que pronto tamén conseguirán os seus acólitos, os dexenerados dos talibán, a quen tamén lles ofende que se vexa unha teta, unha virxe puta ou a puta virxe. E agora a twittear isto como Deus manda.
Este artigo tamén está dispoñible en: Castelán