A ruta mortal do fentanilo

Pontevedra.- Os medicamentos contra a dor son tan vellos coma a humanidade mesma. As propiedades do opio eran ben coñecidas xa no antigo Exipto, quizais antes. As evidencias apuntan a que a actual conca mediterránea era un terreo propicio para o cultivo de durmideira, planta da que se obtiña o opio. Para elo empregábanse procedementos que non distan moito dos que se seguen hoxe en día en Afganistán (onde os talibáns, coa súa volta ao poder, teñen iniciado unha nova guerra contra as drogas) e no Triángulo Dourado Asiático, unha franxa de terreo de difícil goberno á beira do río Mekong, en zonas fronteirizas de Laos, Myanmar e Tailandia. Pequenas incisións para a extracción do principio activo. Esa é a chave.

O opio foi xermolo de grandes conflitos en séculos pasados, pero nunca foi considerado un problema grave de saúde pública en Occidente ata que científicos europeos sintetizaron o que se deu en chamar heroína, un novo medicamento baixo o paraugas do xigante farmacéutico alemán Bayer. Un remedio contra a dor máis potente ca morfina, pensaban eles, que tamén se dispensaba como xarope para a tose, chegando a estar presente en boticas españolas. As enfermidades respiratorias e as duras guerras empurraban aos químicos do momento a investigar, e a heroína foi unha das súas invencións.

A adicción ao opio existiu dende o comezo, pero no primeiro terzo do século XX chegaron os primeiros sinais alarmantes. Un consumo que se iniciara como analxésico converteríase rapidamente nunha necesidade vital para moitos, con efectos devastadores. As dúas guerras mundiais contribuíron á expansión dun veleno capaz de matar moi rápido, por sobredose, e tamén lentamente, desgastando o organismo ata o límite humano. As organizacións criminais do século XX, co exército de Hitler en primeiro termo e despois a mafia italiana, a marsellesa e unha póla do exército americano desprazado no Vietnam, tamén aportaron os seus grans de area á expansión dun monstro que non deixou de crecer e que o fixo máis aínda despois de políticas erradas nas zonas de produción (Afganistán), onde os enfrontamentos entre os dous grandes bloques da Guerra Fría beneficiaron, e moito, aos señores da droga.

Máis de 100.000 persoas morreron nos EUA no último ano, a causa de que a industria farmacéutica non explicase os efectos aditivos do fentanilo

O que sucedeu despois en Galicia, en España, en Europa e no resto do mundo é historia máis que contada: xeracións enteiras devastadas por unha substancia que xa se producía en masa e de forma clandestina, moitas décadas despois de que o invento farmacéutico fose prohibido, entre outras, pola convención de Nacións Unidas de 1961. A década de 1980, coa apertura de España despois da ditadura franquista, serviu para tocar fondo e para que todos tomasen conciencia do inimigo que estaba diante. A aparición do Plan Nacional Sobre Drogas e as campañas gobernamentais de información (que en 2024, por certo, son inexistentes) foron esenciais para comezar a controlar o problema. En todo caso, adictos daquel tempo seguen sobrevivindo hoxe en día nas en vilas e cidades de Galicia.

Nos anos 70, cando a heroína estaba totalmente identificada en Estados Unidos (non en España, aínda baixo o réxime militar), a industria farmacéutica insistía na súa procura de medicamentos contra a dor. Así naceu o fentanilo e todos os seus derivados, un fármaco empregado dende entón ata hoxe en día para enfermos crónicos ou para despois das intervencións cirúrxicas; tamén en coidados paliativos. O seu poder analxésico, calculado en 50 veces maior que a morfina, segundo a cantidade de principio activo, supuxo un avance moi importante nese campo. Mentres só fora un uso puramente médico non sería un risco para ninguén. Iso foi o que sucedeu ao longo das seguintes décadas e ata hoxe en Europa, en España e en Galicia. A evidencia científica sobre a presencia desta sustancia nos ingresos hospitalarios por sobredose neste lado do Atlántico non mostra sinal ningún de alerta. Certo é que en España falecen máis de 1.000 persoas ao ano por consumo abusivo de drogas e que unha parte moi importante desas mortes teñen aos opiáceos como elemento diferencial, pero segue sendo a heroína a que se presenta e ten presenza maioritaria nas análises. En todo caso, o máis frecuente é a mestura de distintas drogas o que adoita a provocar as peores consecuencias en 2024.

Arriba, unha imaxe do Corpo Nacional da Policía española expoñendo un alixo comisado. Nas fotos de abaixo, fotografías da DEA (a axencia antidrogas dos EUA) nas que se mostra as enormes precaucións que adoptan á hora de manexar o fentanilo, e unha bolsa de Naxolona, o antídoto para evitar as sobredoses.

Cousa distinta sucedeu en Estados Unidos, onde, dende 2010, a mala praxe da industria farmacéutica provocou o crecemento do maior problema de saúde pública da historia do país norteamericano. Máis de 100.000 persoas morreron nese país no último ano, despois de que a citada industria non explicase aos pacientes os efectos aditivos do fentanilo, que se distribuía de forma masiva. Dese xeito se conformou unha enorme comunidade de persoas dependentes da droga, e nese preciso intre, o crime organizado localizou unha ventá de oportunidade que non pensaba deixar escapar. E non o fixo.

Os cárteles mexicanos, principalmente o de Sinaloa, entón dirixido por Joaquín Guzmán Loera, alias El Chapo, actualmente nunha prisión norteamericana, e por Ismael Zambada García, alias El Mayo, o narco máis buscado do mundo, tiñan unha rede de transporte e distribución de droga perfectamente construída, que partía do seu país e se estendía por todo Estados Unidos, alcanzando a todas as grandes cidades, dende Los Ángeles ata New York, pasando por Chicago, Philadelphia, Miami ou San Francisco. Un segundo cártel, chamado Cártel Jalisco Nueva Generación, operaba en paralelo. Un e outro enviaban toneladas de cocaína que recibían dende Sudamérica e de metanfetamina que producían no propio país, así como heroína, esta última en menores cantidades. Eses mesmos roteiros polas distintas fronteiras do Sur de Estados Unidos foron as vías de transporte dunha nova substancia que xa non era de uso médico e por circuítos legais, senón de abuso, e por circuítos clandestinos. Así se comezou a enviar o fentanilo en masa.

Estados Unidos, despois de ver que o problema non deixaba de medrar, puxo o foco sobre as grandes farmacéuticas que estaban detrás da implantación do fármaco e que non avisaran nos seus prospectos dos riscos das mesmas. Varios estados denunciaron a todas esas empresas, que foron condenadas a pagos de multas multimillonarias polo dano causado á saúde pública. Iso foi un parche, pero o dano xa estaba feito. Os narcos tiñan diante deles unha nova galiña de ovos de ouro, pois conseguiran trazar un negocio que a día de hoxe segue sendo redondo: obteñen a materia prima, en forma de po, de laboratorios localizados en Asia, ben na China, ben na India. Dende alí reciben grandes cantidades que chegan a outros laboratorios, xa nos dominios de Sinaloa e CJNG. Alí compoñen un produto que se afasta do fentanilo puro, mesturando a droga con heroína, con morfina e con outros químicos, chamados precursores, ata conformar unhas pastillas moi fáciles de agochar nos transportes terrestres que cruzan as fronteiras cara o Norte. Millóns de esas pastillas, normalmente dunha cor verde azulada, pero en ocasións de distintas cores (o chamado fentanilo arcoiris) inundan os mercados ilícitos de todas as vilas e cidades de Norteamérica, causando unha devastación nunca vista antes.

O fentanilo na súa versión máis pura é absolutamente letal. Abonda con tocalo para sufrir un colapso por sobredose. A cantidade que ocuparía a punta dun lapis resulta mortal de necesidade. Por iso, poucas veces se trafica coa sustancia sen adulterar. Os últimos anos, nos que a Administración para o Control de Drogas (DEA, polas súas siglas en inglés) iniciou unha espectacular campaña de loita contra a substancia, tamén serviron para avances na investigación dun antídoto. A naxolona, chamada popularmente Narcan, consegue frear subitamente o impacto da sobredose, e xa está presente en moitos lugares públicos de Estados Unidos. Tamén na dotación de axentes policiais e aduaneiros, polo risco que teñen de entrar en contacto coa sustancia.

O fentanilo máis puro é letal. Abonda con tocalo para sufrir un colapso por sobredose. A cantidade que ocuparía a punta dun lapis resulta mortal de necesidade

As rúas de varios lugares periféricos de grandes cidades do país son hoxe en día un triste espectáculo de persoas adictas ao fentanilo, moitas delas con dificultades para manterse en pé. A droga zombie, chámanlle algúns, instalouse nun lugar no que, ademais da presencia dos cárteles para a distribución, existe un factor diferencial que crea unha enorme bolsa de posibles dependentes da sustancia: a brutal desigualdade entre a poboación, dunha banda, e o inexistente sistema de sanidade pública. Por outra, a porcentaxe de poboación que sobrevive en condicións precarias supera en moito a que se presenta en Europa, o que leva a moitos a abrazar ás drogas como vía de escape. E por se iso fose pouco, non existe un colchón social en forma de sistema público que permita saír adiante aos máis desfavorecidos. Estes factores resultan esenciais para que ese país sufra esta epidemia, e o escudo social e sanitario europeo fai tamén de escudo contra a implantación dunha droga deste tipo.

En Estados Unidos cómpre, para entender a situación, engadir varias cuestións que engaden dificultade á loita policial contra a substancia. A primeira delas é que os traficantes avanzan para xerar novos adictos entre a xente moza. Nesa dirección crearon o chamado fentanilo arcoiris. «O fentanilo arcoiris é un perigo claro e presente e está aquí na cidade de Nova York», dixo o axente Frank Tarentino, en nome da DEA, en declaracións recollidas por Narcodiario, «aproximadamente o corenta por cento das pastillas que analizamos no noso laboratorio conteñen unha dose letal; e nunha recente operación policial de 15 semanas, a DEA de Nova York incautou medio millón de pastillas letais. Estas asombrosas estatísticas subliñan a importancia de lembrarlle ao público que só unha pastilla pode matar», incidiu. «O fentanilo arcoiris (pastillas e po de fentanilo que veñen nunha variedade de cores, formas e tamaños brillantes) é un esforzo deliberado dos narcotraficantes para crear adicción entre nenos e adultos novos», dixo a administradora da DEA, Anne Milgram. «Os homes e mulleres da DEA traballan incansablemente para deter o tráfico de fentanilo arcoiris e derrotar aos cárteles mexicanos da droga que son responsables da gran maioría do fentanilo que se trafica nos Estados Unidos», remarcou.

Nese país, ademais de todos os problemas xa explicados aquí, existe outro engadido: a extensión de pequenos laboratorios desta droga no propio territorio. En ocasións xa non é necesario ese paso por México, senón que a sustancia pode ser enviada por mensaxería directamente dende China ou India en pequenas cantidades, moi difíciles de detectar, para ser transformada sobre o terreo en pastillas que conteñen fentanilo.

Algúns expertos advirten que para os mexicanos sería sinxelo enviar grandes partidas desta letal droga a Europa a través de contedores marítimos e, a simple vista, parece que así sería. Sen embargo, non hai traficante no mundo que mande un alixo de droga a un lugar onde non teña potenciais clientes. O narcotráfico funciona pola demanda, e en Europa hai moita, pero non de opioides. Os consumidores da nosa contorna, comezando polo máis próximo, en Galicia, e abrindo o foco ata España e o resto do continente, teñen ben cubertas as súas necesidades co haxix que chega dende Marruecos, a marihuana que se produce principalmente na Península Ibérica e a cocaína que se recibe por toneladas dende América Latina. Os efectos estimulantes que perseguen os que empregan as estupefacientes están ben cubertos. Contan os traficantes europeos, ademais, con laboratorios clandestinos para producir drogas de síntese, e seguen recibindo a heroína polos roteiros tradicionais que unen Turquía con Países Baixos e, dende alí, co resto dos países do espazo Schengen. Todo isto fai que o fentanilo non sexa unha necesidade para unha sociedade que segue sendo o principal destino do tráfico de drogas a nivel global. Tampouco se produciu en Europa un emprego masivo da substancia con uso farmacéutico. De feito, as autoridades sanitarias manteñen un gran control sobre a mesma nos medicamentos.

Doses mortais, de esquerda a dereita, de heroína, cafentanilo e, finalmente, de fentanilo.

En todo caso, a cuestión debe ser obxecto dunha estreita vixilancia. Algúns países bálticos como Estonia e tamén Reino Unido xa recompilaron pequenas evidencias de presencia desta droga en sobredose, e en España ten aparecido como parte dos elementos que compoñen a heroína que se analiza despois dos ingresos hospitalarios das persoas con drogodependencia. A nivel estatal, o xefe da UDYCO, a Brigada Central de Estupefacientes, responsable máximo da loita contra o tráfico de drogas da Policía Nacional, viaxou recentemente a Colombia para participar nun encontro internacional de altos cargos policiais sobre a materia. A cidade de Medellín acolleu o Congreso internacional contra o tráfico de fentanilo e outras sustancias psicoactivas e en defensa da vida no mes de setembro de 2023. Estaban sobre o tapete as últimas noticias sobre a droga máis letal que existe na actualidade. As autoridades dos distintos países compartiron experiencias nun momento no que se están a coñecer as primeiras noticias sobre a expansión desta droga noutros lugares, por exemplo, en Colombia, país organizador do evento.

«Non se pode abordar o fentanilo exclusivamente desde unha perspectiva policial. Forma parte dela, pero ten que ter un concepto moito máis completo para acadar a eficacia porque o tema das drogas cada vez toca máis a antropoloxía e a economía». Así o indicou na súa intervención Gustavo Petro, presidente de Colombia, en palabras recollidas polo dixital Narcodiario, o único medio de comunicación español especializado en tráfico de drogas con sede en Pontevedra. Petro tamén puxo o foco sobre Europa e na demanda en referencia ao tráfico internacional de cocaína que parte do seu país. O presidente colombiano anunciou a creación de postos de control nas zonas de lecer para evitar a propagación do fentanilo, xa que os grupos criminais que comercializan esta sustancia xa foron desartellados nese país.

Volvendo á nosa realidade, os expertos consultados para elaborar esta reportaxe subliñan que a presencia de fentanilo non é unha realidade que preocupe nestes intres, pero si que lles fai manter os ollos ben abertos. De feito, os servicios centrais do Corpo Nacional de Policía pensan en dotar ás distintas unidades que loitan no terreo contra a droga con ese antídoto, o Narcan. Polo de agora non se detectou ningún alixo nin se aprecian intencións por parte dos cárteles mexicanos de ampliar os seus negocios cara a Europa, onde colombianos, balcánicos e marroquís-holandeses dominan o narcotráfico. A combinación duns estritos controis de medicamentos, un axeitado escudo social que mantén ás clases medias como o perfil de poboación dominante e un escenario no que a demanda de drogas semella abastecida polas sustancias xa existentes permite aos habitantes do Leste do Atlántico respirar relativamente tranquilos. Polo momento.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail