Agora que xa non falamos dunha opinión, senón de feitos probados xudicialmente, sorprende que quince días despois da firmeza da sentenza que confirma a persecución política da dirección da CRTVG contra Carlos Jiménez, aquí siga sen pasar nada. E non me refiro só a que o xornalista reciba as desculpas que merece por ese acoso inxustificable, senón a que os responsables de levalo a cabo –varios e coñecidos– continúen nos seus postos, tan ben pagados cos cartos de todos. Fano, ademais, co apoio tácito da Xunta e o escandaloso silencio dunha inmensa maioría dos medios de comunicación galegos, para os que entendo que ese comportamento non debe de ser noticia. Será –pregunto– porque tamén funcionan así de portas para dentro?
Esta situación de impunidade duns responsables públicos sería impensable se non estivese sustentada nun ecosistema mediático único, encabezado polos nosos dous principais xornais en papel. Mentres na web de Faro de Vigo a noticia sobre a sentenza de Carlos durou, no seu día, o que alguén tardou en levantar un teléfono, en La Voz de Galicia nin sequera chegou a aparecer. E iso que no seu buscador é doado atopar, por exemplo, entrevistas a Nacho Martín Blanco –hoxe, voceiro de Ciutadans– cando simplemente era un tertuliano que abandonou TV3 por ser «unha canle de axitación e propaganda independentista» na que «os empregados deberían plantarse».
Houbo un empregado que si o fixo. Santiago Torres invocou a cláusula de conciencia pola «deriva» da canle e así o contou La Voz. Curiosamente, unha condena firme á televisión pública da súa propia comunidade autónoma non mereceu nin unha soa liña, nin na web nin na edición impresa. Algo que, estou seguro, xa nos explicará na súa vindeira encíclica Santiago Rey, ese editor que, segundo Blanco Valdés –que me perdoará por traducilo– «non ten outros intereses que o servizo a Galicia e a defensa das liberdades». Sería bonito que, entre elas, estivese tamén a de expresión.
Como as denuncias por manipulación están detrás das represalias contra Carlos, estes días que tanto falamos dos audios de Ferreras e Villarejo, convén non esquecer cantas veces as noticias sobre Podemos no Telexornal empezaron máis ou menos así: «Segundo informa hoxe OK Diario…». Unha día si e outro tamén, a canle pública funcionou como un entusiasta altofalante dos sumidoiros por moi «burda» que fose a exclusiva desvelada polo panfleto de Eduardo Inda.
Pero o de San Marcos non era só facer seguidismo. A procura dunha identificación constante entre «bolivarianos» e «podemitas» levábase unha e outra vez ao extremo. Só unha mostra: chegaron a dedicarlle tantos minutos de informativo ao resultado dunhas eleccións en Venezuela –que supuxeran un revés para Maduro– como os que empregaran en falar dos últimos comicios galegos… o día despois da súa celebración! Oxalá tiveramos a mesma liberdade para falar de Galicia como a que temos para facelo de Venezuela ou Catalunya.
Hai uns días, no Hora 25 emitido dende o Pazo de Mos, Manuel Jabois –autor dunha das mellores definicións da nosa tele pública, a de «como estará a TVG que a Feijóo incomódao Bertín Osborne»– preguntáballe a Alfonso Rueda polos Venres Negros e as denuncias sobre manipulación. O presidente non se retrotraeu ao bipartito nin falou de Otegi, como si fixo Diego Calvo no Parlamento, pero tirou de manual e, sen entrar no fondo do asunto, sacou peito fachendeando do número de espectadores dos Telexornais: «Se fose tal e como o pintan, eses índices de audiencia seguramente non se darían». Unha falacia tan inocente, ou tan perversa, como as que pretendían exonerar aqueles políticos imputados que seguían gañando eleccións. «O pobo xa falou». Como se a legalidade, ou a deontoloxía, se decidisen por sufraxio universal: ao peso. Se iso fose certo, Ana Rosa e Susanna Griso serían Woodward e Bernstein.
Ás veces pensamos que as cloacas, ese xeito de definir a relación entre as estruturas de poder e certa prensa, son exclusivas de Madrid; e pode ser certo. Non hai máis que pensar cantos núcleos de poboación coñecemos en Galicia aos que nin sequera chegou aínda o saneamento. Así que –modestamente– nós teremos que conformarnos, como moito, con denunciar unhas prácticas de fosa séptica. Queda moito menos épico pero, crédeo: cheiran igual de mal.