Os reitores das universidades públicas e a oposición galega advirten de que a Universidade Intercontinental da Empresa de Abanca incumpre a lei galega xa que ofrece titulacións duplicadas
O Parlamento de Galicia ven de aprobar a posta en marcha da Universidade Intercontinental da Empresa ( UIE), viculada á entidade financeira Abanca e que será a primeira universidade privada da comunidade. A decisión, adoptada o pasado martes unicamente cos votos do Partido Popular e co rexeitamento da oposición e das tres universidades públicas galegas, prodúcese cando non pasaron nin dous meses desde que o Consello de Ministros iniciou o procedemento para endurecer a normativa que regula a creación de novos centros universitarios en España.
A UIE, dependente ao 100% de Afundación, a obra social de Abanca, terá dous campus na Coruña e Vigo e empezará a súa andaina o curso 2022-2023 baixo o lema en latín Cognitio, Innovatio, Ductus -Coñecemento, Innovación, Liderado- . Terá tres facultades -Administración de Empresas e Dereito, Enxeñería e Investigación- que impartirán catro titulacións de grao e catro másteres que, segundo a oposición, xa se ofertan no sistema público universitario de Galicia. Segundo o reitor da UIE, Miguel Ángel Escotet, será «unha universidade para a innovación que permitirá unha vigorosa capacidade de creación, investigación e cambio; e unha universidade para o ser humano, orientada ao progreso científico-tecnolóxico, cultural e socioeconómico e canalizada ao servizo da persoa e o seu hábitat».
Miguel Ángel Escotet é un reputado experto en universidades, doutor en Psicoloxía e Educación pola Universidade de Nebraska en Lincoln, e emérito e ex reitor da Universidade de Texas. Pero á marxe da súa recoñecida traxectoria profesional, tamén é primo de Juan Carlos Escotet, o banqueiro venezolano con orixes en Galicia que hai dez anos se fixo coas caixas galegas, fallidamente fusionadas a iniciativa do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo. Aquela foi unha controvertida operación, xa que as caixas tiveron que ser rescatadas con diñeiro público -9.000 millóns de euros entre avais e inxeccións de capital- antes de que Escotet compráseas por 1.003 millóns. Non tivo que poñer nin un euro, xa que desde o primeiro exercicio obtivo beneficios cos que puido sufragar a adquisición. Desde entón, Escotet converteuse no principal apoio financeiro da Xunta e de Feijóo.
«Esta universidade non se crea polo interese xeral, créase para favorecer os intereses privados de Abanca e do señor Escotet», asegurou na Cámara galega Manuel Lourenzo, portavoz de Educación do Bloque Nacionalista Galego. Ao seu xuízo, o PP puxo «unha alfombra vermella para unha universidade privada que non precisa este país, mentres se seguen poñendo paus nas rodas á universidade pública». No debate, o PP rexeitou unha emenda do BNG que pretendía obrigar a Abanca a destinar o 25% dos ingresos da UIE a investigación, e o 35% a bolsas. Abanca asegura que un de cada catro alumnos estudarán con axudas.
En Galicia hai tres universidades con presenza nas sete grandes urbes da comunidade: a de Santiago, con campus na capital galega e en Lugo; a da Coruña, con campus nesa cidade e en Ferrol, e a de Vigo, con campus tamén en Pontevedra. Entre as tres suman ao redor de noventa facultades, escolas e institutos universitarios, que cobren a práctica totalidade de estudos e titulacións de todas as ramas, incluídas as que ofrecerá a UIE.
Entre as universidades galegas apenas superan os 61.000 alumnos, segundo o Instituto Galego de Estatística (IGE). É dicir menos estudantes dos que ten, por exemplo, a Universidade Complutense de Madrid. Ese número, ademais, leva caendo sostenidamente desde hai lustros: a finais dos noventa do século pasado había ao redor de 100.000 universitarios en Galicia, o que supón unha caída de case o 40% en apenas dous decenios, que se dispara ademais nas titulacións que pretende cubrir Abanca: en Ciencias Sociais e Xurídicas, de 46.194 a 26.304 alumnos entre o 2001 e o 2019 (un 43% menos), segundo o IGE; e en Enxeñería e Arquitectura, de 24.045 a 12.560 (un 48% menos).
Hai dous anos, os reitores e os xerentes das tres universidades votaron en contra do ditame positivo sobre o proxecto da UIE que saíu adiante no Consello Galego de Universidades só cos síes dos altos cargos vinculados ao PP presentes nel. Desde entón, os tres reitores –Julio Abalde, da Coruña; Antonio López, de Santiago, e Manuel Reigosa, de Vigo-, fixeron fronte común contra a súa nova competidora, alegando que ofrece titulacións duplicadas -algo prohibido pola lei galega de universidades- e que lles birlará alumnado e capacidade de financiamento, nun contexto de grave crise económica e demográfica. Aínda que o certo é que a campaña non foi moi contundente: os reitores teñen as mans atadas para criticar á Xunta, de onde proveñen a maioría dos seus recursos financeiros, e a Abanca, coa que manteñen numerosos convenios de colaboración.
A deputada Noa Díaz, portavoz de Educación do PSOE no Parlamento de Galicia, lembrou onte as irregularidades do proceso de creación da UIE no debate sobre a lei que deu luz verde á nova universidade: «Ata a propia Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia [o consorcio que agrupa á Xunta e ás tres universidades públicas] advirte de que non se cumpre co disposto na lei do sistema universitario, que di textualmente que “o catálogo de titulacións ofertadas deberá ser complementario e non reiterativo respecto das titulacións preexistentes e consolidadas”».
«Facemos nosos os argumentos das universidades públicas galegas, que aseguran que coa súa oferta se cobre perfectamente a demanda de estudos de educación superior do noso país. Non hai necesidade de máis», sostivo Díaz, quen denunciou que a Xunta está a alimentar unha «procura voraz da competitividade desde unha óptica mercantilista» en algo que afecta «a un dereito fundamental como a educación».
O certo é que a oposición cré que o que pretende en realidade Abanca é crear unha universidade «clasista», que lle permitirá formar man de obra especializada na súa rama de actividade atraendo a mozos e mozas seducidos pola posibilidade de asegurarse un emprego no banco ou nas súas empresas satélites e colaboradoras. Eses estudantes estarían dispostas e dispostos a pagarse unha custosa formación ad hoc -uns 50.000 euros o grao, segundo algunhas fontes- acudindo se é preciso aos produtos crediticios que oferta a propia entidade financeira, que faría así un negocio máis que redondo. Seguindo esa versión, a Xunta de Feijóo tería dado luz verde á UIE sen pestanexar e apurando os tempos, para eludir a entrada en vigor da nova normativa estatal que endurecerá os reqiusitos para a creación de novas universidades.
Fronte a esas críticas, o PP sostén que a UIE supón unha «oportunidade» para Galicia que «non lle vai a custar un só euro á universidade pública», e que ademais permitirá «atraer talento do exterior, crear emprego de calidade en Galicia e evitar que o talento galego busque outras comunidades», en palabras de Ovidio Rodeiro, portavoz de Educación do PP na Cámara galega. Rodeiro lembrou que a UIE é un proxecto «tan solvente que nin sequera o Estado puido rexeitalo», pois se aprobou sen votos en contra na Conferencia Xeral de Política Universitaria, cuxo ditame, a pesar de todo, non era vinculante. «Os prexuízos ideolóxicos da oposición non lles deixan ver a realidade, xa que formulan emendas que prexudican á iniciativa galega en favor da universidade privada de Cataluña, do País Vasco e doutras comunidades», advertiu.
É certo que hai decenas de universidades privadas en España, especialmente en Cataluña e Euskadi -onde non goberna o PP-, pero tamén en Madrid, onde si goberna e onde máis centros uiversitarios privados hai de toda España. Pero tamén é verdade que esas comunidades dispoñen dun vigor demográfico do que carece Galicia, unha das máis envellecidas do Estado, con máis do dobre de maiores de 64 anos que de menores de dezaseis, e onde se perden ao redor de 10.000 habitantes cada ano. O equivalente, máis ou menos, a toda a poboación do municipio madrileño de Soto del Real.
En Galicia naceron o ano pasado 15.718 nenos e nenas, mil menos que no 2018. Se todas as proxeccións demográficas estivesen erradas; se a tendencia á baixa da natalidade se estancara e se no próximos catro anos -o que dura un grao universitario- se repetira esa cifra; e sumando a todo iso o improbable caso de que todos eses nenos e nenas chegaran á idade universitaria, se matricularan na Universidade e non abandonasen os seus estudos, no ano 2039 habería en Galicia os mesmos alumnos que agora, e que xa teñen acceso ás titulacións que ofertan as universidades públicas sen necesidade da de Abanca.
Segundo fontes do Ministerio de Universidades, que dirixe Manuel Castells, o trámite parlamentario do Real Decreto co que o Goberno pretende endurecer os requisitos para crear novas universidades iniciarase este mesmo outono, e terá efectos retroactivos para esixir que as novas cumpran especialmente con criterios máis ríxidos especialmente en materia de investigación, calidade e formación dos docentes e transferencia de coñecemento. «Cando se aprobe o Real Decreto por suposto que o cumpriremos, afianzándonos precisamente en primar a calidade fronte á cantidade», indicaron onte fontes de Abanca.