La indemnización que se pactó fue una indemnización en diferido. Y como fue una indemnización en diferido, en forma efectivamente de simulación de… simulación o de lo que hubiera sido en diferido, en partes de lo que antes era una retribución, tenía que tener la retención a la Seguridad Social.
María Dolores de Cospedal.
O que máis me gusta do novo xiro de guión do Caso Meirás é imaxinar os Franco facéndolle trampas ao franquismo. A sinatura dun paripé, en diferido —tres anos despois da «doazón» real, que databa do ano 1938— e en forma de simulación —finxindo un contrato de compravenda das Torres por un prezo irrisorio que seguramente nunca se pagou— enchería de fachenda a propia Dolores de Cospedal. Para que logo anden negando os populares ser herdeiros de non sei quen…
Mentres o réxime, recén rematada a guerra, redactaba unha Lei de Patrimonio Nacional, os Franco, sempre da man do omnipresente Pedro Barrié de la Maza, conde de Naturgy, montaban unha mascarada para que a antiga casa da Pardo Bazán puidese quedar na familia e non pasase a ser propiedade do Estado o día no que o Caudillo puidese gozar sen intermediarios da «gracia de Dios». E iso que ninguén podía pensar aínda daquela nas «heces en forma de melena» nin no «equipo médico habitual».
«Teño a convicción de que a escritura de 1941 tiña como finalidade fundamental garantir que o Pazo quedase nas mans da familia Franco e non do Estado», Xavier Ferreira, responsable do informe xurídico da Deputación da Coruña no que se basea a demanda do Goberno
Explicouno moi ben, traéndoo á actualidade, Xavier Ferreira, o responsable do informe xurídico da Deputación da Coruña no que se basea a demanda do Goberno: «Unha cousa son as propiedades que ten Felipe de Borbón como persoa e outra os bens que xestiona Felipe VI como xefe do Estado Español. Eu teño a convicción de que a escritura que se formaliza en 1941 tiña como finalidade fundamental garantir que o ben quedase nas mans da familia Franco e non do Estado». Diáfano.
O mandato municipal que vén de finalizar deixounos dous fitos que, con independencia do pouco éxito electoral que lle tiraron os seus impulsores, supoñen un cambio de paradigma: que o franquismo non é intocable e que dende as nosas institucións se pode axudar a derrubar os seus vestixios. Si, tamén en Galicia, onde as bases do noso exiguo autogoberno foron asentadas por un presidente que foi piloto da Luftwaffe e desenvoltas por outro, ex-ministro da «dentadura», que dirían os desaparecidos Benedicto & Bibiano.
A velocidade coa que a xuíza Medrano Aranguren, filla e neta de xerarcas do réxime, desbotou os argumentos de Raxoi sorprendeu (…) Por menos diso, en calquera peli de avogados de sobremesa che recusan un xurado
Un dos fitos é a demanda xudicial polas estatuas do Mestre Mateo que pertencían ao Concello de Santiago ata que Carmen la Collares se encaprichou delas (presuntamente, señoría). A velocidade coa que a xuíza Medrano Aranguren, filla e neta de xerarcas do réxime (dato obxectivo) desbotou os argumentos de Raxoi sorprendeu a todos os que se plantaron nese xulgado madrileño sen saber quen estaba debaixo da toga. Por menos diso, en calquera peli de avogados da sobremesa che recusan un xurado… Agora, estamos pendentes do recurso.
O outro fito, é precisamente ese informe da Deputación dirixido por Ferreira e baseado nos traballos de Carlos Babío —demandado polos Franco por «inxurias e calumnias»— e Emilio Grandío. Nin Martiño Noriega nin Goretti Sanmartín ocupan xa a alcaldía compostelá nin a vicepresidencia do ente provincial, pero se estes casos acadan un final feliz, alguén deberá lembrarse tamén deles. E de Ánxela Bugallo e da súa loita para declarar o Pazo Ben de Interese Cultural. E, xa postos, dos 19 de Meirás, os militantes nacionalistas que despregaron pancartas nas Torres para pedir a súa devolución. Algo similar ao que cada certo tempo fai Greenpeace co cambio climático ou as baleas. A diferenza é que a eles non lles piden unhas penas que suman 247 anos de cadea e medio millón de euros de multa.
E logo está o timing.
Dez horas despois da publicación da noticia na web de El País, o presidente do Goberno en funcións acudía a Los Desayunos de TVE. No desconto, co tempo a piques de consumirse tras media hora falando dos problemas da investidura, Xabier Fortes preguntaba polo Pazo:
-Teñen todos os argumentos legais na man?
-Sen dúbida.
-Por que?
-Porque actuaron contra dereito.
-Así de claro?
-Así de claro.
-E téñeno amarrado.
Sánchez non respondeu. Debía de estar saboreando a sensación de ter algo realmente amarrado neste momento.