A Coruña.- O Tribunal de Contas (TC) admitiu a trámite unha denuncia contra o alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, na que se advirte das irregularidades que podería ter cometido o rexedor coas subvencións que o Concello da cidade e a Deputación Provincial entregaron ao seu partido, Democracia Ourensana. A denuncia foi librada á Sala de Enxuizamento do organismo e tamén á Fiscalía.
O Tribunal de Contas, que actúa á marxe da xurisdición penal, é o máximo órgano fiscalizador da contabilidade e a xestión económica do sector público e encárgase do control externo da actividade económica e-financeira dos partidos políticos.
Segundo aseguraron a Luzes-Público fontes da institución, o TC actúa á marxe da xurisdición penal e a admisión da denuncia contra Jácome non supón que se abrira aínda causa contra el nin que se advertiran indicios da comisión de delito algún. Pero si que se iniciaron as dilixencias preliminares para esclarecer se existiron as irregularidades contables denunciadas na xestión dos fondos de DO.
Mordidas nos soldos dos asesores
A denuncia foi interposta o pasado 9 de maio por varios antigos militantes do partido de Jácome, que abandonaron a formación en 2020 tras denunciar que o rexedor cobraba mordidas aos asesores que contrataba nas institucións e que quedaba cos cartos de DO mediante transferencias ás súas contas, retiradas de diñeiro e facturas a nome de Auria Televisión, a canle de televisión do que é propietario. Foi pouco despois de que o diario La Región publicase varios audios que supostamente implicarían ao rexedor en prácticas corruptas.
Varios deses excompañeros de Jácome que abandonaron DO uníronse a Coalición de Centro Democrático (CCD), que presentará en Ourense a única candidatura da formación para as eleccións xerais do 23 de xullo. O seu líder e cabeza de lista, José Manuel Palacios, explica que DO recibiu entre 2018 e 2021 483.209,09 euros con cargo ás subvencións que o Concello e a Deputación de Ourense entrega aos partidos por cada escano e cada concelleiro, aos que se sumarían outros 147.080,62 euros rexistrados en concepto de doazóns de particulares e simpatizantes.
É dicir, máis de 630.200 euros cuxo destino se descoñece. DO non ten gastos de persoal porque non ten empregados, nin sede nin ningún tipo de bens mobles ou inmobles ao seu nome. Segundo os seus balances, os seus únicos gastos son en concepto de pagos polos supostos servizos de publicidade e difusión que Jácome encarga á súa canle de televisión.
Fondos públicos «para fins privativos» de Jácome
Por iso, os denunciantes cren que existen indicios suficientes para pensar que o alcalde se ten apropiado de todo ou parte dese diñeiro, e que, segundo reza a comunicación do Tribunal de Contas que recibiron, póidanse estar «a utilizar os fondos públicos que recibe o partido para fins privativos do seu actual presidente», que utilizaría «a licenza televisiva que explota ao seu nome como instrumento para facer súas ditas asignacións, sen contrato algún».
Palacios advirte tamén de que «o que máis chama a atención» dos balances de DO é que «todo o excedente acumulado nos devanditos exercicios vaise activando na conta de existencia e anticipos». «O partido non ten existencias, é fácil deducir entón que todo o excedente se corresponde a anticipos que necesariamente teñen que ir aos petos dos seus provedores, xa que está recoñecido que o único gasto que ten o partido é o de publicidade e comunicación», para o que Jácome contrata á súa propia televisión.