Que pasou no xuízo do procès?

O xuízo ao proceso soberanista catalán, iniciado o pasado febreiro, sentou no banquiño dos acusados a doce líderes independentistas, incluído o exvicepresidente da Generalitat Oriol Junqueras. Claves para entender como se desenvolveu este proceso xudicial no que Vox, como acusación popular, pide condenas de 24 a 74 anos.

1  Quen son os acusados?Dez cargos institucionais o 1OU: Oriol Junqueras (president de ERC e vicepresidente da Generalitat), Carme Forcadell (presidenta do Parlament e expresidenta da Assemblea Nacional Catalana), Jordi Turull (Junts per Catalunya –JpC–, conseller da Presidencia), Josep Rull (JpC, ídem de Territorio e Infraestruturas), Joaquim Forn (JpC, de Interior), Raúl Romeva (ERC, de Asuntos Exteriores e Relacións Institucionais), Carles Mundò (ERC, Xustiza), Dolors Bassa (ERC, Traballo e Asuntos Sociais), Santi Vila (Empresa e Coñecemento, hoxe apartado da política partidaria), Meritxell Borràs (JpC, Gobernación). E dous líderes sociais: Jordi Sánchez (entón presidente da ANC) e Jordi Cuixart (presidente Ómnium Cultural).

2 De que delitos se lles acusa? Junqueras, Turull, Rull, Romeva, Forn e Bassa enfrontan acusacións de rebelión e malversación de diñeiro público e Forcadell de rebelión por parte da Fiscalía e da acusación popular de Vox. A Avogacía do Estado formula cadansúas acusacións de sedición en todos os casos, mantendo a de malversación nos cinco primeiros. Os Jordis enfrontan cadansúas acusacións de rebelión dende a Fiscalía e a acusación popular, e de sedición dende a Avogacía do Estado.Vila, Borràs e mais Mundò veñen acusados de malversación e desobediencia. Este último delito enténdese absorbido polo de rebelión ou sedición no suposto dos demais acusados con cargos públicos.

3 Que condutas castigan os delitos de rebelión, sedición, malversación e desobediencia?  O delito de rebelión castiga as persoas que declaren a independencia dunha parte do territorio do Estado ou suspendan e modifiquen a Constitución por medio dun alzamento público e violento. A sedición é un alzamento público e tumultuario para impedir, pola forza ou ilegalmente, a aplicación das leis, ou a execución das resolución administrativas e/ou xudiciais ou o exercicio dos cargos e funcións públicas. A desobediencia, neste caso, consiste en omitir o cumprimento dos requirimentos do Tribunal Constitucional, expresados de xeito directo e incondicional. A malversación, castiga as persoas responsábeis da administración dun patrimonio público que lle causen un prexuízo obxectivo ao infrinxir a normativa reguladora das súas facultades. É dicir, investir ou gastar en fins non previstos na normativa orzamentaria que puideran favorecer os distintos obxectivos do procès, nomeadamente a consulta cidadá convocada para o 1OU de 2017 pola Generalitat (e prohibida polo Tribunal Constitucional).

4 Cal é o relato das acusacións? A Fiscalía construíu un relato (que partilla Vox como acusación popular) que afirma o delito de rebelión malia a evidencia da falla de toda violencia na conduta dos nove acusados por este delito. Lembremos a decisión do Tribunal Superior do land alemán de Schleswig Holstein, que rexeitou a orde europea de detención de Puigdemont ao non albiscar indicio racional dun delito de alta traizón (o equivalente en Alemaña da rebelión do Código Penal español) por non existir nin violencia nin intimidación. Segundo estas acusacións, a violencia comezaría co chamamento de Jordi Cuixart e Jordi Sánchez o 20S de 2017 á cidadanía para se amorear diante da Consellería de Economía para protestar polos rexistros e detencións de altos cargos decretados polo Xulgado de Instrución nº 13 de Barcelona (a chamada Operación Anubis). Porque para este relato da fiscalía, os feitos do 20S conéctanse en íntimo vencello co referendo do 1OU como parte dun suposto plan preconcibido que asumiría a probabilidade da violencia o 1OU como risco necesario do seu plan político cara a independencia. A Avogacía do Estado formulou a súa acusación provisional polo delito de sedición no canto da rebelión. Canto á malversación, acúsase da mesma aos nove membros do Govern por dispor de fondos públicos para o pagamento de gastos vencellados á preparación e execución do referendo ou da preparación da eventual e futura independencia de Catalunya. A acusación de desobediencia para os consellers non acusados de rebelión e sedición (Vila, Borràs e máis Mundò) semella moito más nidia, por se producir de xeito efectivo a omisión consciente e voluntaria a respecto de mandatos expresos do Tribunal Constitucional. Unha omisión que tamén existiría nos restantes membros encausados do Govern, malia que estes non son acusados deste delito por consideralo absolutamente absorbido, quer na rebelión, quer na sedición.

5 Cal é o relato das defensas?  As defensas negan o delito de rebelión pola total ausencia de violencia ou intimidación. Polo mesmo negan tamén a sedición, que tampouco existiría por ter sido acadados todos os obxectivos xudiciais de rexistros e detencións da Operación Annubis sen risco ningún para as persoas. Tamén afirman que a declaración de independencia do 27 de outubro de 2017 non tivo efecto práctico, renunciando o Govern a facela efectiva por medio do control do territorio. Por outra banda, demostrouse no xuízo oral, pola declaración do maior Trapero e dos demais mandos dos Mossos de Esquadra, que ningún dirixente político da Generalitat deu orde ningunha á Policía catalá para protexer o referendo ou facer efectiva a declaración de independencia. Amosouse tamén que os Mossos pecharon máis de cen colexios electorais e impediron a apertura de máis de catrocentos, logo da súa visita. Bastantes máis ca nos que interviron tan desaqueladamente as Forzas de Seguranza estatais. Canto á malversación negan calquera destino ilegal de fondos públicos, argumento no que incidiron tamén as decenas de testemuñas de empresas que negaron calquera contratación ou pagamento dende a Generalitat e o propio antigo ministro de Facenda, Cristóbal Montoro, quen afirmou non lle constar ningunha caste de pagamento ilegal por mor do control que mantiña a Facenda estatal sobre a catalá dende primeiros de setembro, malia que argumentativamente non desbotou algunha excepción que, porén, manifestou descoñecer.

6 Cal é a sentenza previsíbel? A instrución e mais as decisións xa da Sala do Tribunal Supremo en Pleno presentan unha indubidábel parcialidade. Dende o descoñecemento da competencia do TSJC (o TS non é competente cando se trata de aforados no TSJC tendo en conta que as condutas todas se desenvolveron substancialmente en territorio catalán), ou as reiteradas decisións de prisión preventiva durante ano e medio (absolutamente excepcional no noso Dereito) até a propia dirección dos debates por parte do presidente Marchena, que impediu de xeito moi repetido contradicir os testemuños dos moitos policías e gardas civís que reprimiron a cidadanía catalá o 1OU coa reprodución das decenas de vídeos onde aparecen escenas de abusos e agresións policiais, todos son indicios e pegadas dun exame da cuestión inzado de preaxuizamentos. Malia todo, condenar por rebelión esixiría unha interpretación extensiva deste delito que constituiría unha grave lesión constitucional, ao tempo que tamén un escándalo xurídico internacional. Unha condena menos rigorosa tentaría acreditar a sedición ou a conspiración para a rebelión, malia que os problemas probatorios son análogos no primeiro caso e no segundo requiren de acreditar un plan frustrado que tamén semella lonxe de se concretar no xuízo. Xa que logo, semella que o TS para condenar por rebelión, sedición ou conspiración para a rebelión debería forzar a interpretación dos tipos penais dun xeito incompatíbel coa Administración de Xustiza nunha democracia. Mais politicamente existen claras pegadas de que parte dos maxistrados están dispostos a dar este paso de interpretar de xeito extensivo delitos moi graves para acadar unha sentenza politicamente exemplar, no contexto do chamamento á reacción das Institucións do discurso do Rei o 3OU.

7 Amañaríase unha eventual sentenza condenatoria no Tribunal Europeo de Dereitos Humanos de Estrasburgo? Cando? As sentenzas da Sala do Penal do TS son inmediatamente executivas. Contra delas non hai recurso ordinario ningún. Caso dunha sentenza condenatoria, as defensas terán que recorrela en amparo perante o Tribunal Constitucional. A previsíbel inadmisión deste recurso nuns tres ou catro meses abriría a vía para recorrer nos seis meses seguintes perante o TEDH en Estrasburgo. Os ritmos de trámite e resolución dos asuntos neste Tribunal non fai previsíbel un fallo anterior aos cinco anos posteriores á interposición do recurso. Estamos a falar, como moi cedo, dos derradeiros meses de 2025. O recurso non pode basearse nunha outra interpretación dos feitos ou nunha máis aquelada interpretación do Dereito Penal español, senón só na vulneración dos dereitos fundamentais recoñecidos na Convención Europea de Dereitos Fundamentais de 1950: dereito a un xuízo xusto por xuíces imparciais, a propor proba pertinente e útil, a ser xulgado polo Tribunal natural predeterminado pola lei que a cada quen lle cómpre, vulneración dos dereitos fundamentais pola duración e condicións da prisión preventiva (nomeadamente na súa proxección sobre a limitación de medios para a defensa durante o xuízo) ou mesmo unha consideración xurisprudencial dos delitos de rebelión ou sedición que o TEDH entendese que vulnerara os dereitos fundamentais de reunión e manifestación. Na vulneracións dos dereitos fundamentais dos hoxe acusados, xa que logo, podería alicerzarse unha decisión do TEDH que obrigara repetir o xuízo ou indemnizar aos eventuais condenados polo TS.

*Artigo publicado na Luzes 68.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail