O pasado sábado 9 de xuño as feministas galegas fixemos unha festa de alegría e irmandade arredor dunha figura de referencia. Foi en Alcabre (Vigo) onde nos reunimos cento cincuenta mulleres de diferentes xeracións e tendencias, co nexo en común da admiración e o afecto cara á nosa erudita polígrafa, figura senlleira das letras galegas e do pensamento feminista internacional. Xa saben vostedes que falo de María Xosé Queizán, que ten, por riba de tan grosos calificativos, unha enorme humanidade e vontade de compartir o que foi aprendendo na súa longa pescuda filosófica e científica. Será por iso que a súa «parroquia», logo dun tempo que semellaba estantía, non deixa de medrar. E será por iso, daquela, que temos necesidade de facerllo saber e de contarllo ao mundo enteiro para que se sume, porque quedan moitas mullerenaxes pendentes para ela.
A do 9 de xuño foi a inicial dunha nova xeira na que esperamos que se abran as portas do recoñecemento para a intelectual e para a amiga. Se alguén quedou con gañas de acudir a Vigo e non puido (porque foi unha convocatoria entre amigas e seguro que nos esquecemos de facer chegar o aviso algo máis alá de nós mesmas, e, ademais, precisabamos gardar o segredo porque se trataba de darlle unha sorpresa -e sorpendentemente, conseguíuse!-; ou porque foi pensada para mulleres e sei que algún amigo quedou amolado por non poder asistir; ou tamén, porque o prezo era algo elevado para quen poden ter outras urxencias, pero no custe ía incluído o agasallo e toda a produción: a megafonía, o programa, o audiovisual…), repito, se alguén quedou con mágoa por non ter participado, estades a tempo. Non vos cortedes porque daquí en diante, cantas convocatorias nazan desde colectivos -ou xuntanza de individualidades- seguro que serán benvidas pola sempre afectuosa escritora, e aplaudidas polas súas amigas e admiradoras. E se nesa extensa nómina non son eu quen de establecer diferenzas, non vou deixar de citar a Amanda Alvarez, Ana Romaní, Camiño Noia, Inma Rodríguez, Sabela Mouriz, Pili Abreu e Anxeles Castiñeiras, que tiveron a idea e funcionaron durante catro meses coma un perfecto equipo de produción para que todo saíse marabillosamente. A elas, o recoñecemento de todas as que fomos só a disfrutar, porque sen elas, nada do que aquí se falou sería posible. E estou certa de que tamén terán o recoñecemento da cidadanía toda porque quen sabe honrar, honra merece.
En fin… porque isto non pretende ser a crónica da festa sorpresa -a partir de agora bautizada por María Bragado nestas mesmas páxinas da Luzes-virtual como #festadaQueizán- prescindo do relato de todo o que alí aconteceu e do glosario das que alí cantaron, falaron, presentaron, aplaudiron e brillaron. Pero podedes acreditar que eramos moitas, moi festeiras, moi diversas, moi cómplices co estabamos a facer e, aviso, con gañas de repetir.
*A foto que ilustra esta entrada é de Rexina Vega.