O PP salta os seus estatutos e segue sen expedientar a Baltar tras a súa condena

A Coruña– O Partido Popular segue sen abrir expediente ao seu senador Manuel Baltar, expresidente da Deputación de Ourense, a pesar de que xa pasaron máis de 15 semanas desde que o Tribunal Supremo o condenou por un delito contra a seguridade viaria. O 23 de xaneiro de 2023, a Garda Civil identificárao como o condutor dun vehículo oficial da institución que circulaba a máis de 215 quilómetros por hora pola A-52, que une Vigo con Madrid.

Os estatutos do PP, que Alberto Núñez Feijóo pretende reformar no congreso que a formación celebrará o próximo xullo, obrigan a abrir expediente sancionador a calquera cargo que sexa obxecto de sentenza firme pola vía penal, e, no seu caso, a sancionalo coa suspensión de militancia e inhabilitación para o exercicio de responsabilidades orgánicas ou de representación, por un período en ambos casos de entre catro e seis anos.

O certo é que o PP non só non ten expedientado nin sancionado a Baltar, senón que o premiou cun escano por designación autonómica no Senado, é dicir, sen necesidade de referendo directo nas urnas, e coa presidencia da Comisión de Despoboamento e Reto Demográfico da Cámara Alta. Esa condición sobrevinda de aforado permitiulle ao expresidente provincial do partido en Ourense atrasar máis de vinte meses un xuízo que para calquera cidadán non se demoraría máis de 15 días.

O expresidente da Deputación de Ourense cobra no Senado un soldo bruto de 70.000 euros anuais –45.988,74 euros como senador de base e outros 23.932,60 euros por presidir a citada comisión–. Ademais, ten cubertos os gastos de transporte para asistir a reunións oficiais, polas que se lle abonan dietas de ata 120 euros ao día, e un abono de taxi por valor doutros 3.000 euros.

Sen resposta

Luzes-Público preguntou ao presidente do Comité de Garantías do PP, Juan Antonio Monago, se se abriu expediente disciplinario a Baltar, pero, como noutras ocasións, o responsable dese organismo derivou a cuestión á dirección de comunicación da executiva de Feijóo, que ao peche deste artigo non respondera á cuestión. Tampouco o senador quixo confirmar a este diario se fora expedientado ou non.

O artigo 31.C dos estatutos do PP considera infracción moi grave do seu réxime disciplinario «a condena por un delito doloso que pola súa natureza ou polas circunstancias nas que se cometeu se considere incompatible coas obrigacións e deberes éticos» de militantes e altos cargos. O artigo 18.8.a do mesmo texto establece tamén que a dirección está obrigada a incoar expediente infomativo «desde o momento en que se teña coñecemento da existencia dunha imputación xudicial a un afiliado».

Baltar, nunha imaxe de arquivo / Foto: PP

No caso de Baltar iso sucedeu dous días despois de que fora identificado polos axentes da Dirección Xeral de Tráfico circulando 95 km/h por encima do máximo legal da A-52, e 15 km/h sobre o límite para partir do cal un exceso de velocidade pasa de falta administrativa a delito tipificado no Código penal.

Un mes despois do incidente, a xuíza de primeira instancia citou a Baltar para a vista oral, que se atrasou ata o 13 de xaneiro deste ano tras o seu aforamento e o traslado da causa ao Tribunal Supremo. O regulamento do PP indica que o expediente informativo, que debería ser aberto en canto o partido tivo coñecemento dos feitos, debería ser transformado en expediente disciplinario coa sinalización do xuízo, e resolto unha vez ditada sentenza.

«Cando sexa oportuno»

Desde que o Supremo fallou condenando a Baltar, Luzes-Público preguntou ata en tres ocasións ao PP por que non se lle abriu expediente. A executiva de Feijóo non respondeu, salvo por unha mensaxe do pasado 28 de xaneiro no que os seus portavoces indicaron que o Comité de Garantías analizaría o caso «cando sexa oportuno». «En canto haxa algo que comunicar, dirémosvolo», explicaron entón.

O PP rexeitou reprobar a Baltar no Parlamento de Galicia, alegando que a súa actuación non supuxo «situación de risco algún» e que foi condenado «por un delito de perigo abstracto», como se coñece na xerga penal ás condutas dolosas que atentan contra a seguridade das persoas pero que non conclúen en lesións efectivas.

«Baltar puxo en risco a vida dos usuarios da vía pola que conducía, e tamén parece un perigo para Feijóo, que non se atreve a aplicarlle as medidas que  reclama a outros»

Para o senador socialista Rafael Rodríguez Villarino, que foi portavoz do PSOE na Deputación de Ourense na última lexislatura de Baltar e quen denunciou en numerosas ocasións o uso irregular que facía dos vehículos oficiais así como as irregularidades no pago con diñeiro público das sancións por exceso de velocidade que acumulaban, o PP fai «unha interpretación errónea interesada» do concepto dos delitos de natureza abstracta para sostelo no escano.

«Eses tipos delitivos refírense a condutas lesivas para un ben xurídico sen que sexa necesario que deriven nun dano concreto. Pero que teñan un resultado específico non significa que non sexan delituosas», explica. «Baltar puxo en risco a vida dos usuarios da vía pola que conducía e por iso o condenaron. Era un perigo para todos e polo que parece tamén segue a selo para o PP e para Feijóo, que non se atreve a aplicarlle as medidas que contemplan os estatutos do seu propio partido e a exemplaridade que si reclama a outros», sinala Rodríguez Villarino.

«Indecente»

A senadora do Bloque Nacionalista Galego, Carme da Silva, considera «absolutamente indecente» que Baltar se manteña no seu escano, e sostén que a conduta pola que foi condenado «é extremadamente grave». «Se conduces a 215 km/h estás a poñer en risco a vida dos demais, e non se tratou dun feito illado porque ese mesmo día, pouco antes e na mesma autovía, xa o cazaran a máis de 170», lembra.

A xuízo de Da Silva, Feijóo utiliza o Senado «como un chiringuito» para protexer a Baltar, e lamenta que o Partido Popular non manteña con el as mesmas esixencias que reclama cando se trata de casos similares que afectan a cargos doutros partidos. Nese sentido, sostén que no de Baltar non hai escusa: «O seu expediente xa o abriron os axentes da DXT e pechárono os xuíces do Tribunal Supremo».

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail