Unha anduriña chamada Francisco

Lisboa.- Talvez sexa unha das historias que máis imos escoitar neste Día das Letras. Acabada a guerra, Valentín Paz-Andrade acolleu a Francisco Fernández del Riego para traballar no seu escritorio de avogacía. Cada mañá, ás nove, o teléfono soaba: «Señor Del Riego, ¿usted se da cuenta de que vive con permiso del enterrador?» O que fixo Paco del Riego para solucionalo é destes divinos detalles que definen a súa vida: deixou de coller o teléfono. O ameazado caracterizábase por non apoucarse, por ter iniciativas, propostas; por ser un «home de acción», un «lanzado», como el mesmo gostaba de se espellar.

E así o foi ao longo do tempo. Con dezaoito anos, organizou cun amigo o Día da Patria Galega en Vilanova de Lourenzá. Foi o seu primeiro mitin, que culminou ao grito de «Viva Galicia Ceibe!» Sete décadas despois (dise rápido: «sete décadas despois»), deixaba a presidencia da Real Academia Galega. Asumiu esa tarefa tardiamente e nun único mandato, coa pretensión de dinamizala e abrila á sociedade, aínda que se laiaba de que non o conseguira: «Mostreime contrario ao sectarismo e abrín as portas, e agora os que eu fixen que entraran convertéronse eles en sectarios á súa vez».

Entre un e outro momento, moitos meandros de grande importancia para o devir cultural e político do país. A súa etapa con máis proxección cara ao futuro foi a da intensa dinamización cultural na longa noite, no tempo en que recibía as chamadas ameazantes.
Non dá para resumir aquí con xustiza todo canto promoveu, mais debemos lembrar o seu papel activo, a pé de rúa ou na sala de máquinas, para tentar que latexase de novo algunha vida editorial e xornalística en galego. Para comezar, recordemos que o Día das Letras Galegas de 2023 está dedicado á persoa que ideou o Día das Letras Galegas.

A súa Escolma da poesía galega propiciou tamén un intenso debate con aqueles que non querían que houbese unha literatura autónoma escrita neste idioma. O seu labor como divulgador, xunto co de Ricardo Carvalho Calero como investigador, foron diques de contención medulares para unha idea que hoxe nos parece en boa parte asumida, mais que o é grazas a que houbo quen batallou por ela.

O seu rol de anduriña para comunicar a Galiza das catacumbas coa Galiza da América axudou a que a ditadura tivera que encaixar algúns golpes simbólicos. De feito, tardou en haber máis de dúas persoas que mantiveram contactos directos habituais entre os dous espazos: el e Valentín Paz-Andrade. Foi Del Riego, por exemplo, o que portou dunha beira á outra en 1954 o texto da Denuncia diante a UNESCO da perseguizón do idioma galego polo Estado Hespañol. Isaac Díaz Pardo tamén atribúe ao seu voo de anduriña a chegada ás mans de Luís Seoane daquel pasquín que comeza «Sea patriota. No sea bárbaro»…, posibilitando que se puidera expor a infamia.

Son moitos máis os fitos que lle debemos. Espero que este Día das Letras sirva para lembralos e honralos, e tamén para coñecermos mellor, sen simplificacións, a súa evolución política. Nos seus últimos anos, considerou «absurda» a táctica de galeguizar os partidos españois, e explicaba que esa era unha teima de Ramón Piñeiro de que discordaba, pois suporía que as grandes decisións as tomase Madrid. Nas conversas con Perfecto Conde explica que «Piñeiro era un home que xa naceu vello» e que «era un gran coñecedor dos problemas e sabía afrontalos, pero nunca resolvelos». No entanto, Del Riego previamente participara na disolución do Partido Galeguista no interior, presidiu o PSG como partido de cadros, candidatouse por esta formación en 1977 nunha agrupación electoral promovida polo PSOE e compareceu con Piñeiro para evitar que varias figuras históricas do PG (como Ramón Martínez López, Valentín Paz-Andrade e Avelino Pousa Antelo) resucitasen o partido como un proxecto autónomo tras o franquismo. Que sería da cultura galega sen proxectos políticos propios para a nación galega?

O Día das Letras pode ser unha grande oportunidade para aprendermos, para avaliarmos e para proxectarmos un futuro que conmemorar.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail