Para que serve o galego?

A primeira vez que intentei expresarme en galego tiña catorce anos, recén chegada de Cuba. Non coñecía a familia de aquí, en particular, a miña avoa Xosefa Fernández Millares. Meu avó, Xosé Porteiro Irimia, morrera pouco antes e non me deu tempo de preguntarlle polos devanceiros, nin de que me levase persoalmente ata o pedregal onde nace o Miño, ou saber daquel bisavó que se alistara no exército carlista, tampouco de como facía aquelas zocas tan xeitosas que todo o mundo lembraba, ou da fabulosa historia daquela súa irmá que lle botou un meigallo e lle fixo perder varias colleitas e ver morrer as súas vacas máis prezadas. Pero tiven durante tres anos -logo morreu- a nai do meu pai que nacera en Santalla, na Ribeira de Piquín. Casou con aquel mozo lanzal e máis novo ca ela, de Candedo, preto de San Martín de Lúa. Meu pai, Xesús, foi o fillo máis vello pero cando sendo un rapaz viu o cepelín cruzar o ceo, metéuselle na cabeza que quería ser piloto, marchou a Madrid para facer o servizo militar como voluntario en aviación e xa non regresou.

Xosefa e toda a familia de Candedo emigraran cara a Vigo a principios dos anos 60. Instaláronse no Calvario, na rúa Sagunto, e puxeron unha leitería no número 55 nunha contorna poboada por numerosos paisanos que conformaban un ecosistema migratorio daquel Lugo marabilloso que seguía instalado no neolítico (e non é un eufemismo). Ela falaba un castrapo que contiña un dez por cento de castelán e un noventa por cento de galego. Esforzábase por facerse entender cando comezabamos a conversar porque eu tiña moitas preguntas e ela todas as respostas. Un diálogo noso podía comezar tal que así: «Oooola,  miña nena. Vamos dar un paseíño ata o Calvario… sí, a calle esa de más enriba, para ver de comprarte unos zapatos. Onte vin unos que te me gustaron moito para ti. Ainda que tinían algo de tacón de máis, oh!»; eu abría moito os ollos -e tamén as orellas- porque daquel relato quedaba fóra de xogo cos ontes, os aíndas, as atas, e máis unha misteriosa orde sintáctica. A frustración medraba cando repetía a pregunta a algunha persoa maior da contorna:  logo de fruncir o entrecello reprochábame que perdera o tempo querendo saber galego, sendo eu una señorita que viña dunha gran capital como La Habana, e que na súa casa non lles permitían falarllo ás súas fillas porque era cousa de xente bruta.

Meu pai quixo saber por que estudaba galego. Varias décadas despois teño para min que se non podía comunicarme coa miña avoa era o mesmo que se non a tivese; que debeu influír que non tiña complexos previos e identifiquei en todo o seu valor unha lingua diferente

Era pouco doado entender de que ía aquilo cando ademais carecía das referencias da Historia de Galiza e do contexto político. Un día parei diante da vidrieira dunha libraría atraída pola portada limpa e fermosa dun libro que se chamaba Galego I. Entrei, preguntei, e fun mercando sucesivamente os II e III. Foi todo un achádego saber que había un método para aprender o que entendín, ao cabo, que era un idioma. Non tan complexo coma o ruso que estudabamos na Habana cando facía secundaria no Instituto Pedro Lantigua, pero case tanto coma o inglés que comezara a estudar desde moi cativa na Academia Pitmman da Calzada del Cerro. Había un vocabulario moi extenso, sintaxe propia, frases feitas, e sobre todo, moitas obras escritas: poemas, relatos, novelas… Sentín tanta ledicia coma curiosidade. Debruceime tardes enteiras sobre unha mesa na biblioteca da Caixa de Aforros Municipal de Vigo, e coa miña amiga Dorotea Bárcena comecei a tratar a mozos e mozas antifranquistas que falaban galego entre si: como a miña avoa, as miñas tías e as veciñas do barrio! Pero falabamos de política, de literatura ou de filosofía. De súpeto, todo tiña sentido.

Daquela, meu pai, que observou todo este proceso sen intervir, quixo saber por que o facía. Non lembro a resposta pero varias décadas despois teño para min que se non podía comunicarme coa miña avoa era o mesmo que se non a tivese; que debeu influír que non tiña complexos previos e identifiquei en todo o seu valor unha lingua diferente da que me gustaba a musicalidade, os xiros, a riqueza léxica e os distintos sotaques. E porque me permitiu ler, desde dentro, a Celso Emilio e a Rosalía.

Non tardei moito en entrar no mundo do xornalismo e elixín o galego como lingua de traballo; así coñecín persoalmente a grandes figuras coma Cunqueiro, aquel Celso Emilio que devorara, Alonso Montero, Queizán, Fernández del Riego, Fernández Mato, Alvarez Blázquez, e tamén a xente nova  comprometida na reconstrución dunha idea de Galiza que quedara interrompida en 1936, como Freixanes, Bieito Ledo, Uxío Labarta, Blanca Lorenzo, Malós Cabrera, Miguel Murado, e moi especialmente, Vítor Vaqueiro a quen lle debo un eterno agradecemento pola paciencia coa que me axudou a perfeccionar e manexar con soltura a fala e a escrita.

Se cadra é por iso que me produce tanta mágoa a sistemática desertización léxica, e o desuso do legado que me deixou Xosefa, a avoa de Santalla. E sinto que non estamos facendo abondo para termar, e facer medrar, os talentos da parábola. Tanto recentes informes da Real Academia Galega, e máis do Consello da Cultura, coma os pésimos recursos que ofrecen tradutores tipo Gaio, da Xunta, ou doutras institucións, deixan ás claras esta carencia.

A miña xeración é testemuña dunha evolución histórica que non pretendo negar, pero comparto con Freixanes unha frase lapidaria: «a este paso, o futuro cada vez máis próximo do galego será o mesmo ca o do latín».

E se sabemos que o galego non é algo inútil que se poda deixar nun faiado coma se fose roupa pasada de moda, algo grande teremos de facer para evitalo, non si?

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail