Movementos sociais que non o son: do 15M ao Nunca Máis

Hoxe, quince de maio, cúmprense sete anos dunha das mellores cousas que lle teñen pasado á democracia do Estado español. En 2011 moita xente volvíase consciente de que, detrás do sentido común que trouxo a II Restauración Borbónica, existía unha gran dimensión de cinismo e violencia. Por exemplo: a democracia-mercado como único marco admisible de convivencia e organización do común, a determinación do posible e o imposible, e porque algunhas cousas como parar un desafiuzamento que eran imposibles, de repente un día eran posibles; ou de que maneira a cultura mediática obrigaba a manter un determinado espazo de discusión, e como os fenómenos que se van a producir nas nosas prazas discuten ese principio.

Sendo o 15M a gran fenda que vimos aparecer no muro do réxime do 78, este engarza con outros movementos-acontecementos previos do século XXI nos que tamén se gritaba iso de «non nos representan».  Foron o Nunca Máis, o No a la guerra de 2003, ou todo o sucedido nos días posteriores aos atentados do 11M. Momentos nos que a realidade oficial dos medios de comunicación e do seu exército de xornalistas, opinadores e intelectuais orgánicos, que dominan os marcos interpretativos da realidade dende a «transacción», non tiveron a capacidade de dominar a interpretación destes eventos. Acontecementos como as acampadas masivas nas prazas e nas rúas de todo o Estado, organizadas por cidadáns independentes capaces de coorganizar e poñer en funcionamento, a través de Internet, unha cultura alternativa.

Diferentes sensibilidades puideron encontrarse en espazos abertos para discutir politicamente problemas comúns, e facerse preguntas sobre as formas de organizar a vida en común fóra do posible autorizado

Por razóns históricas os contextos nos que se arma unha cultura alternativa no Estado español e Galicia sempre teñen que ver coa combinación de tres vectores: o primeiro, de experiencias históricas, é dicir, unha cultura que é capaz de pensar historicamente e de convocar elementos que veñen de atrás; un segundo vector popular, algo que potencialmente pode implicar na participación cultural a moita xente máis aló dos grupos de letrados; e un terceiro vector é o feito de que é autónoma, que non está institucionalizada.

Procesos de creación de cultura fóra do Estado, pero tamén das tecnocracias letradas que xestionan toda a cultura do Estado. Un proceso que vén sucedendo moitas veces nos últimos tempos e que en Galicia sucedera xa nos anos trinta, ou nos anos setenta con moita forza. E sen lugar a dúbidas, moitas das cousas que aconteceron en torno a ese xigantesco 15M que foi o «Nunca Máis», é que claramente se logrou reactivar eses tres vectores.

Quen era o suxeito que clamaba contra a catastrófica xestión do Prestige, do «No a la guerra», ou do 15M? Todas e ninguén, calquera. Diferentes sensibilidades puideron encontrarse en espazos abertos para discutir politicamente problemas comúns, e facerse preguntas sobre as formas de organizar a vida en común fóra do posible autorizado.

Todo este radicalismo democrático volveu a brotar este último oito de marzo, no que as rúas se tornaron novamente vehículo de expresión, e canda as feministas organizadas uníanse miles de mulleres interpeladas por unha folga que ía máis alá do laboral e alcanzaba a todas as formas de opresión. Unha mobilización masiva que actualizaba novamente un dos lemas máis clarividentes do feminismo, o formulado por Kate Millet e que indica que «O persoal é político». O persoal é político porque as vidas de todas están absolutamente condicionadas por estruturas patriarcais -materiais e simbólicas-, que atravesan corpos, identidades, relacións e institucións.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail