Busco a beleza
na forma das patacas
irregulares
—Luz Pichel.
Naquel ano de 2018 multiplicábanse os sinais desacougantes dun «lento afundimento» de Galicia. ¶ Segundo todos os indicadores, o país atlántico achegábase cada vez máis á condición de «xacemento catastrófico». ¶ Mais non era visto así por moita da propia xente galega. ¶ Esa é unha das características dos lentos afundimentos e dos xacementos catastróficos. ¶ Que non se deixan ver doadamente dende dentro da deriva. Por dicilo ao xeito popular fisterrán, hai que «meterse fóra» para velos. ¶ Existen na percepción biolóxica os chamados «estándares base cambiantes»: un irse afacendo á degradación, de tal xeito que perdemos a memoria ecolóxica. ¶ Ademais, non faltan os que pensan, contra o que diga a lei da gravidade, que se unha pedra ou unha sociedade caen é porque elixen caer, nun liberal e até festeiro derrubamento. ¶ Mais de súpeto hai algo que abanea todo o escenario de cartón pedra e non hai propaganda nin miraxe que impida ver a catástrofe. ¶ Aturamos o afundimento do sistema financeiro galego, o espolio das entidades do aforro popular. ¶ Aturamos a enxurrada contra o idioma galego no sistema educativo. ¶ Aturamos a maior recuada demográfica de Europa. ¶ Aturamos a desfeita ecolóxica, a invasión da nosa natureza polo Partido Único do Eucalipto. ¶ Todo era distopía en Galicia. Mesmo a única alternativa de futuro era medieval: a vella peregrinación á necrópole de Compostela. ¶ Até que se foi espallando a noticia sísmica de que Galicia ficaba sen patacas de seu. A peste dunha couza que se virou imparábel por ineficacia. Por non pór a tempo unha verdadeira emerxencia. ¶ Unha Galicia sen leiras de patacas no século XXI? ¶ Isto é caer máis aló do fondo. ¶ «Cando os animais falaban…». Así comezaban os contos populares. Daquela Galicia de 2018 ficará un arrinque narrativo de terra de terror: «Cando en Galicia se perderon as patacas…».