Non son nin fun nunca muller de ambigüidades. Érgome decote cada día máis radical en certos aspectos, mais, tamén, cada día máis crítica con discursos pechados e paquetes de medidas. As medias verdades están ben para os asuntos menores, pero cando se fala das cuestións máis transcendentes da actualidade, a contundencia adoita agochar unha parte incómoda da realidade. Incómoda, claro, segundo a quen se lle pregunte. Na era da hipérbole, e cunha guerra na porta da casa, é fácil desenfundar o dedo: se non es un prorruso xenocida, tes que ser, pola forza, un colaboracionista nazi. E, no abismo que fica no medio, xorden os monstros: «branquear», «romantizar», «invisibilizar», «normalizar».
«Temos a unha xeración enteira que está construíndo o seu pensamento, o seu marco mental e o seu proceder ante a vida en Twitter, temos políticos levando as súas tribunas públicas e aos seus programas e pactos de goberno mensaxes tirados da mesma rede social»
Non sei quen erra e quen acerta; a miña única certeza é que, como mínimo, merecemos un nivel de debate mellor. Ben sei que a vida real discorre no 1.0, no universo que agarda fóra das redes sociais, pero unha cousa é innegable: temos a unha xeración enteira (ou varias) que están construíndo o seu pensamento, o seu marco mental e o seu proceder ante a vida en Twitter. Nin máis nin menos: temos políticos levando ás súas tribunas públicas e aos seus programas e pactos de goberno mensaxes tirados da mesma rede social. Temos xornais e noticiarios televisivos abrindo páxinas e informativos con polémicas da plataforma. Temos cargos públicos e de responsabilidade emitindo comunicados e posicionamentos oficiais a través do espazo virtual do paxariño. E isto comporta, entre outros moitos, un problema fundamental: reducimos o pensamento e a reflexión a un espazo limitado e insuficiente para as grandes cuestións. 280 caracteres (xa foron menos) é todo o que podemos abarcar. E a vida, e o debate, a complexidade toda do universo, quedan atrapadas nesas pequenas caixiñas, ao arbitrio de quen as bota e de quen as le, agardando a que alguén as recolla. E así vaise conformando o discurso, o pensamento, a realidade.
«Reducimos o pensamento e a reflexión a un espazo limitado e insuficiente para as grandes cuestións. 280 caracteres (xa foron menos) é todo o que podemos abarcar. E a vida, e o debate, a complexidade toda do universo, quedan atrapadas nesas pequenas caixiñas»
As redes masivas en xeral, e Twitter en particular, gardan unha particularidade que cómpre ter en conta se lles queremos reservar un lugar tan preponderante na sociedade: este tipo de plataformas representan un bo termómetro da sociedade, mais tamén un nefasto espello. Podemos asomarnos ás pequenas caixiñas e obter unha mostra aproximada dos debates ou asuntos que dominan a conversa, pero coidado con querer extrapolar as conclusións á vida real. «En Twitter soy presidente del Gobierno», que diría Alberto Garzón, antes de firmar o peor resultado electoral da historia do seu partido.
Simplificar os grandes temas en aras da máis efectiva transmisión da mensaxe ten as súas fortalezas, pero coido que son máis as eivas de reducir ao absurdo todos os matices e a complexidade da axenda. É importante non esquecer que todos os posicionamentos teñen os seus ecos na realidade. Véxase un exemplo: nestes días, unha coñecida activista e xornalista feminista foi tildada de «amiga de violadores» e «blanqueadora de maltratadores» por entrar no directo dun coñecido streamer ante centos de miles de usuarios (a meirande parte deles, adolescentes varóns) para falar da cultura da violación e explicarlle ao streamer (e, de paso, a eses centos de miles de adolescentes varóns) por que non está ben asediar de xeito sistemático ás rapazas máis bébedas das discotecas.
«Pois seica, tendo en conta os ecos que terá na sociedade un e outro proceder, é máis construtivo formar e instruír contra un determinado tipo de condutas que insultar, illar e demonizar a quen as normaliza dende unha plataforma de tales dimensións»
Pois igual este é o mellor xeito de utilizar o altofalante do devandito streamer. Pois seica, tendo en conta os ecos que terá na sociedade un e outro proceder, é máis construtivo formar e instruír contra un determinado tipo de condutas que insultar, illar e demonizar a quen as normaliza dende unha plataforma de tales dimensións. Non en van, cando se fala de consentimento, respecto e empatía, na busca de solucións apélase máis á educación previa de quen pode danar que ao seu castigo cando o dano xa foi feito. «Eduquemos para non violar, e non para non ser violadas», pero cando alguén trata de educar, e o fai dende os espazos (masivos) deses que tanto precisan desa formación, os mesmos que apelan á necesidade de educación falan de «branqueo». Algo non cadra. Como non cadra, nunha escala máis extrema da realidade, que os mesmos que avogan pola derrogación da prisión permanente revisable estean en contra de impartir cursos e formación en contra da violencia de xénero aos homes condenados por delitos desta natureza. Que me expliquen, daquela, cal é o seu plan para o mañá, para o despois.
«Eduquemos para non violar, e non para non ser violadas», pero cando alguén trata de educar, e o fai dende os espazos (masivos) deses que tanto precisan desa formación, os mesmos que apelan á necesidade de educación, falan de «branqueo»
Se as redes sociais son agora, e cada día de xeito máis acusado, o noso principal terreo de socialización, penso que podemos facer un esforzo colectivo por transformalas para ben. Seica non aplaudir a Volodímir Zelenski na súa intervención non converte a ninguén nun prorruso, nin o xeito de facelo rebaixa a quen así procede á categoría de colaboracionista nazi. Quizais utilizar os espazos e os altofalantes de quen agrede para facer pedagoxía contra a agresión non é tan mala idea, nin converte a ninguén en amiga de violadores. Quizais estimular o pensamento crítico supón formar o espectador para dubidar da versión oficial dos feitos, pero tamén das lecturas fáciles e maniqueas que agroman das posicións contrarias a estas.
Agardar dez segundos antes de botar unha homilía desas de 280 caracteres para tratar de escoitar, entender e interiorizar as posicións do de enfronte nada ten que ver coa equidistancia ou coa neutralidade, senón coa reflexión. E se o prezo é asumir certo conflito cos propios preconceptos ideolóxicos, coido que é o mínimo custo do que nos podemos facer cargo.