Lingua remata en A

Achegámonos ao libro asinado por Teresa Moure Lingüística se escribe con A. La perspectiva de género en las ideas sobre el lenguaje (Catarata, 2021). A diferenza da súa obra literaria, o ensaio está escrito en lingua castelá e bascula con éxito entre o académico e o divulgativo, entre otras cousas, pola súa claridade e calidade expositiva malia o fragmentario dos obxectos de estudo que trata.

A escritora María Teresa Moure Pereiro (Monforte de Lemos, 1969).

A tese principal do libro consiste en poñer en evidencia, a través dun percorrido diacrónico pola disciplina, a ausencia de mulleres nas historias da lingüística. Para levar a cabo a hipótese de partida a autora aclara que a súa ansia non descansa tanto en rescatar do anonimato un numero indeterminado de mulleres excluídas pola historia, como demostrar o fundamental da achega femenina á investigación do feito lingüístico a través da presenza profusa, e non casual, de mulleres en ámbitos dese campo secundarizados ou tidos por marxinais, así como a relación que se estableceu historicamente entre metodoloxía e xénero; isto é, en como a visión patriarcal da disciplina levou consigo a preferencia por un tipo determinado de metodoloxías en detrimento doutras categorizadas como non científicas. Nas palabras da autora, o traballo «exige revisar la historia de la disciplina ordenando las nociones, las mentalidades, las influencias, los factores humanos y sociales que debieron entrelazarse para explicar la consideración marginal de ciertos sujetos y de determinadas temáticas» (p. 21). Unha revisión da disciplina desde o feminismo que, ao concebirse como historia das ideas, «permite superar la visión de los genios» (p. 45) propia da óptica patriarcal do mundo.

O libro está dividido en tres grandes partes. Na primeira, a autora explica o por que dunha hipótese «construída sobre a sospeita» e introdúcenos naquelas mulleres estadounidenses criptógrafas, as Code Girls, que colaboraron, durante a Segunda Guerra Mundial, no eido da intelixencia militar tras seren reclutadas en base a virtudes pretensamente femininas coma poidan ser o sixilo, a abnegación, a intuición etc. O exemplo das criptógrafas, no que estas encarnan de contraposición do traballo colectivo á idea de xenio carismático, sérvelle a Moure como paradigma para o enfoque xeral que emprega no resto de subcampos no que as mulleres xogaron un papel fundamental.

 

Na segunda parte, Moure debrúzase neses aspectos concretos. Realiza unha xenealoxía do papel das mulleres no eido da tradución, detense nas teorizacións das tradutoras feministas quebequesas dos anos oitenta e nas súas propostas sobre a tradución entendida como «produción activa». Con mención á disputa María Reimóndez-Rinoceronte editora, Moure debulla ese xeito intervencionista e conscientemente transgresor de entender a tradución. Un enfoque no que aparece como lícito que a muller tradutora corrixa a lingua sexista dos orixinais.

Detense Moure, por outra banda, no caso das primatólogas, auténticas pioneiras do que hoxe se coñece como zoosemiótica, nas que o antigo vencello entre o feminino e a animalidade reemerxía, tamén, nos prexuízos que moitas desas estudosas experimentaron por parte dos seus colegas varóns. Así mesmo, dentro desta segunda parte, Teresa Moure centra o seu foco no caso das antropólogas de principios do século XX que, nun principio baixo o mestrado de Franz Boas e as súas teorizacións antievolucionistas e atentas ao chamado «particularismo histórico», conseguiron facerse un oco malia que os seus compañeiros de profisión adoitasen desprestixiar os seus achados —nos que o cualitativo xogaba un papel importante— a través de tópicos sobre a intuición feminina, ademais das gratuitas e continuas referencias á vida privada e sexual das investigadoras como xeito de menoscabar os seus logros científicos.

Ruth Benedict, antropóloga norteamericana, nada en Nova York, discípula dos etnólogos Kroeber e Franz Boas.

Por último, Moure achégase ao que denomina «sociolingüistas feministas» para abordar o fenómeno, hoxe de plena actualidade, que pon o dedo sobre a chaga da violencia simbólica inserida nas estruturas cardinais da maioría das linguas. Unha carga ideolóxica que ás veces pasa desapercibida pero que é detectada polas mulleres que, como di Moure, son «lingüisticamente escrupulosas», toda vez que «desde niñas, debemos aprender a interpretar cuánto y en qué condiciones estamos incluidas en el supuesto hombre-genérico» (p. 202). Esta lingüística escrupulosa emenda a plana a todo tipo de academias encargadas de blindar unha suposta neutralidade da lingua que apenas ten como base a mera acumulación de séculos sen problematización.

Na terceira parte, Teresa Moure recapitula a revisión crítica da disciplina lingüística denténdose en determinadas figuras femininas que, malia teren de seu unha carreira científica recoñecida e recoñecible, pasaron, en moitas ocasións, como «señoras de». Aborda Moure o caso da parella George e Robin Lakoff, María Goyri e Ramón Menéndez Pidal, Carol Schatz e Noam Chomsky e Shirley Orlinoff e Charles Hockett. Ademais, pregúntase a autora pola ausencia de filiacións femininas na disciplina, isto é, pola anormalidade da figura da discípula. E remata reivindicando a persoa de María Moliner, estudosa «sin mentores ni tutelas», que creou un dicionario descrito por Gabriel García Márquez coma o «más completo, más útil, más acucioso, y más divertido de la lengua castellana» (p. 313).

A bibliotecaria e lexicógrafa María Moliner, autora do Diccionario del uso del español.

En suma, un traballo que interesará a aqueles e aquelas directamente relacionadas coa disciplina lingüística pero que, como boa lectura crítica dese corpus de coñecemento, encerra tamén interese para toda persoa atenta ao que a perspectiva feminista ten que dicir sobre unhas Ciencias Sociais que, no que respecta á cuestión do xénero, como no que respecta a outros aspectos como a colonialidade ou a clase social, gozou de demasiados anos de naturalización do non natural.

En Teresa Moure, pensamos, a coincidencia da súa condición de muller coa súa condición de cidadá consciente dunha nación subalternizada, actúa coma unha boa conxunción que dota a súa ollada de penetración crítica e sensibilidade cara o non canonizado.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail