Coa alerta da COVID-19 todo mudou. Ao comezo ninguén o cría moito. Custounos a todos entender a gravidade da pandemia. Despois dun tempo a nosa perspectiva mudou e, con ela, a nosa forma de vida. Teletraballo, confinamento, deixar de lado os bares e as festas… Mais tamén na forma de estudar.
O Ministerio de Educación xa tomou medidas hai tempo, facendo todo o posíbel para a accesibilidade do estudantado a Internet (cousa que me parece bastante complicada en Galiza, mais ben…), e atrasando e baixando a materia da EBAU, nunha orde ministerial.
No caso universitario xa é outro cantar. Do recentemente constituído Ministerio de Universidades aínda estamos esperando que se pronuncie, que faga —polo menos— unhas declaracións de ánimo ou a típica retórica de «estamos a traballar niso», mais nin sequera.
Esta semana saía o reitor da Universidade da Coruña, Julio Abalde, nunha entrevista no diario Nós, garantindo que ningún estudante ía perder o curso. Claro. Non imos perder o curso, mais os cartos seguro que máis dun si.
Primeiro, as practicas obrigatorias que teñen que facerse (por normativa da UDC) antes de agosto na maioría das facultades. Hai que pensar que as enxeñerías ou as ramas sanitarias as teñen de forma obrigada. Cando as van poder facer? Por outra banda, tamén hai que lembrar os graos que teñen ditas prácticas coma no caso da facultade de Comunicación Audiovisual como materia optativa, quen a colleu ao comezo de curso sen realizalas tampouco vai poder presentar o TFG.
Outro caso interesante é o dos estudantes de mestrado. Alguén se decatou de que existimos? Que temos fechadas todas as bibliotecas? No meu caso particular, faime moita graza porque non paran de mandarnos «ensaios» e demais material. Con que? Con artigos de Wikipedia e un libro enviado en PDF que xa non dispón de normativa de dereitos de autor pola súa, máis que antiga, edición?… Que non a entende, en moitos parágrafos, nin o mellor técnico da Biblioteca do Arquivo do Reino de Galiza!
Non se poden facer unha idea da ansiedade que provoca que nos dean máis traballo por «culpa da dispensa obrigada ás clases», e eu estou nun sistema semi-presencial, non quero saber o que estarán a pasar os estudantes do sistema presencial arcaico e hermético que xa de por si deixa pouco tempo para facer outras cousas. Á UDC isto vénlle de novas porque fixo unha implantación moi arcaica do Plan Bolonia. Un plan que se recolle nos primeiros termos do Parlamento Europeo para garantir que os estudantes poidan ter unha ensinanza dinámica na que poidan facer outras formacións complementarias en idiomas, outras áreas de coñecemento pola súa conta ou, mesmo, traballar. Isto é mentira. E chega esta alerta e a solución dos profesores é meter máis traballos dos que xa tiñamos postos no último mes de curso, ou facer clases en liña con ferramentas que van e veñen porque, sexamos xustos, Galiza en infraestruturas ten un nivel 1 de desenvolvemento. Non temos as mellores fibras ópticas e as liñas están saturadas. Participamos nunha aula por webcam, con até cinco estudantes tendo que saír e entrar polo menos tres veces pola caída da rede da aula virtual.
Como ben dicía Carla Green no seu Facebook «estamos nunha situación na que nos encontramos rogando mediante correos electrónicos que se retrasen as convocatorias» porque «un fin de máster require algo máis que fontes electrónicas: necesitamos bibliotecas, non podemos avanzar e, se aínda non sabemos até cando vai chegar isto, non alcanzo a comprender porque se insiste en manter uns prazos insostibles para os nosos intereses».
Na xa citada entrevista o propio rector afirmaba: «Eu creo que teremos que facer cambios». Para cando Don Julio Abalde? Porque a intención da Universidade de Vigo é atrasar todas as convocatorias até, se for preciso, setembro.
A que espera para pasar de crer —xa que levamos un mes confinados e sen bibliotecas— a actuar?; e pensar, de paso, un pouco máis no alumnado que estamos pendentes das defensas dos nosos TFGs e TFMs. Por exemplo, as miñas tocan en xuño e xullo. Vou ter que pagar por unha convocatoria extraordinaria por non darme tempo a presentalo nesas datas?
Que a UDC actúe xa! Que atrase as convocatorias, por este ano, como eran anteriormente (xullo e setembro), polo menos aos que temos de defender investigacións rigorosas, porque precisamos de materiais bibliográficos, materiais que non sempre podemos obter a través de Internet, e axuda directa dos nosos titores para estar ben preparados nas nosas defensas.
Queremos actos, don Julio, non crenzas.