Medrar

A Consuelo e Julio.

Chega unha idade na que sabes que se teu pai ou túa nai te chaman en horas non habituais, algo pasou. Ás veces unha caída, algunhas a tensión, outras un malestar estraño. As mellores son aquelas nas que devolves a chamada agoniada e a resposta é «o móbil fixo cousas raras dentro do peto». Medrar era que os teus seres queridos se convertesen en usuarios máis ou menos habituais de hospitais. E menos mal que sempre nos quedará o hospital, penso.

Lembro as ganas que eu tiña de medrar. Saír con rapaces, ir de festa, vivir soa. Vivir rápido. Agora quero que o tempo se deteña. Ás veces, quero poder volver atrás e observar a meu avó levando as vacas ao prado ou a miña avoa recollendo os ovos do niñeiro. A ambos sorrindo con ganas cando a súa neta maior dicía algunha parvada ou facía algunha falcatruada. Non, sorrindo non: botando a rir con ganas, inclinando a cabeza cara atrás e poñendo a man no estómago. Lembro ese son das gargalladas e sei que será o último que esquecerei de ambos, porque as voces e as caras, algunhas, xa foron esvaecéndose.

E é que medrar era lembrar as cousas que xa non poderemos facer cos que marcharon. Pasear. Acompañalos a visitar outros familiares que están peor, porque non saen da casa, da cama. Apertalos. Bicalos. Escoitalos. Iso é o que máis me pesa. Canto tempo perdín oíndo parvadas na tele, no Instagram, no Twitter, e que pouco falei cos que xa non están. Supoño que é unha cousa habitual, pensar en todo iso que che quedou por facer e que sabendo o que agora sabes, cambiarías.

Medrar tamén é camiñar sobre o gume que separa o «calquera tempo pasado foi mellor» e «o futuro é noso». Caer de ambos lados, unha morea de veces. Entender que o futuro non sería sen o pasado, que se estamos aquí hoxe é por obra e graza do que vivimos ata o momento. Das persoas que nos acompañaron no camiño, mesmo cando collemos atallos que resultaron ser lameiras.

Medrar tamén é esquecer todo o anterior e vivir só no presente, no inmediato. E non sentirte culpable por iso, pero ao segundo seguinte si. Medrar é pensar nos «e se…», arrepentirse, aprender, desaprender e volver caer.

E mentres medras non es consciente de todos eses ollos que te observan no proceso. Que te queren, que te sosteñen, que te botan de menos na distancia. Todo o mundo perdeu un avó ou avoa, é lei de vida. Non por iso deixa de ser un transo menos triste. E eu agora penso, neste proceso que me toca facer, en se eu sería tamén un apoio para eles nalgún momento. Se os querería o suficiente, se os sostería o suficiente, se os botaría de menos o suficiente. Supoño que agora nada é suficiente, e que iso tamén é medrar. Supoño que lembrar a miña avoa dándome chourizo ou ofrecéndome ovos fritidos porque sabía que non me gustaba o cocido, e a meu avó coidando as ovellas ou subido no tractor, non é suficiente. Ou si.

Espero que para miña avoa fose suficiente verme na misa do seu enterro, sabendo que eu só entro nas Igrexas para admirar a arquitectura. Que fosen suficientes aqueles risos que lle saquei cando ás súas palabras «aprobaches todos os exames da carreira porque recei moito por ti» eu respondín «avoa, a ver, aprobei porque estudei coma unha cabrona, aquí Deus non ten nada que ver». Riu e dixo: «pero eu axudei». Nin ela mesma foi consciente da verdade que había nesas palabras.

Espero que para meu avó sexa suficiente saberme rezando algunha oración desas que me meteron na cabeza na infancia e que xa nunca se foi. Se iso o fai feliz, foi un lavado de cerebro ben aproveitado. Que fosen suficientes os silencios compartidos mentres a memoria xogaba cada vez máis ás agochadas con el. Aínda que ningún deles vaia coñecer a miña filla, a súa bisneta, espero que marchasen sabéndose suficientes. Sabéndose imprescindibles e imborrables.

Cando miña nai me chamou a unha hora non habitual este luns lembrei aquela nena que quería medrar tan ás présas. Desexei viaxar ao pasado e á vez que o tempo transcorrese o máis rapidamente posible para pasar unha viaxe e un enterro canto antes. Pensei, tamén, que non estaba para escribir nada e que tiña que avisar á persoa responsable na Luzes de que esta semana non habería artigo. Logo lembrei que a finais do 2022 miña nai me pedira un texto para deixarlle á avoa na tumba no cabodano e eu, que estaba nun mal momento, fun incapaz.

Daquela non, pero hoxe si. Adeus, avoa. Adeus, avó. Medrar tamén era aprender a despedirse.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail