Feijóo mantén a súa xira polas primarias do PP mentres xestiona por teléfono os efectos da crise en Galicia

A oposición critica que manteña a súa viaxe para presentar a súa candidatura en pleno paro dos transportistas e mentres a inflación e os prezos do combustible afogan a familias, traballadores, autónomos e empresas

A Coruña.- Se a oposición cre que Galicia non se pode gobernar a golpe de teléfono, Alberto Núñez Feijóo quere demostrar que si. Mesmo ás portas dunha etapa de economía de guerra polas consecuencias da invasión rusa de Ucraína, o aínda presidente da Xunta ve factible xestionar as necesidades da súa comunidade autónoma mentres fai campaña de primarias polo Mediterráneo.

O presidente da Xunta, que o día en que se postulou para suceder a Pablo Casado asegurou que non deixaría o seu cargo ata abril, iniciou o pasado venres unha viaxe de dez días por toda España para presentar a súa candidatura para presidir o Partido Popular. Iso obrígao a centrar as súas mensaxes e aparicións públicas en asuntos de calado estatal, a pesar de que a guerra está a deixar problemas moi particulares en Galicia e que non atopan o amparo, sequera declarativo, do máis alto cargo da Administración autonómica.

As conserveiras están a quedar sen aceite para envasar os seus produtos, boa parte da frota de altura está amarrada a porto porque os prezos do carburante fan que a súa saída non sexa rendible, e miles de familias ven afogadas pola inflación e os traballadores temen de novo polos seus empregos. En varios polígonos industriais da comunidade rexistráronse este luns escenas de tensión entre condutores e os camioneiros que se sumaron ao paro indefinido pola subida dos combustibles.

Ana Pontón, nunha rolda de prensa na sede do BNG en Santiago nunha imaxe de arquivo / Foto: BNG

Mentres BNG e PSdeG presentaban baterías de propostas concretas para paliar os efectos da crise e dar saída ás necesidades de empresas e familias, o Grupo Parlamentario do PP na Cámara galega limitábase a anunciar senllos plans que se aventuran demasiado sectoriais e de efectos pouco inmediatos: un para o sector cultural e outro con actuacións destinadas a implantar a marca «leite de pastoreo».

Segundo informou a cadea Ser, o portavoz parlamentario do PP, Pedro Puy, asegurou que tamén acordara telefonicamente con Feijóo unha iniciativa con medidas específicas contra a crise, aínda que o PP non detallou o seu contido. Fontes próximas ao Executivo galego si indicaron que o presidente se mantén ao tanto a diario «polo móbil» das novidades que lle van comentando os seus conselleiros e especialmente os seus dous vicepresidentes, Alfonso Rueda e Francisco Conde.

Durante a fin de semana, a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, e o secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, acusaron a Feijóo de despreocuparse da situación en Galicia e pedíronlle que dimita xa e permita a Galicia ter un Goberno a pleno rendemento.

Valentín González Formoso / Foto: Deputación de A Coruña

«A subida dos prezos ten ás galegas e aos galegos ao límite, pero Feijóo está de campaña para unhas eleccións ás que só se presenta el», dixo Pontón. González Formoso, pola súa banda, esixiu ao presidente galego que dea «prioridade» a Galicia por encima dos seus intereses persoais.

A viceportavoz do BNG no Parlamento de Galicia, Olalla Rodil, presentou este luns as propostas dos nacionalistas para paliar os efectos da crise: rebaixar o tipo do Imposto sobre o Valor Engadido (IVE) na alimentación e a electricidade; reducir o imposto sobre hidrocarburos; subir os salarios, prestacións sociais e pensións, e activar un plan urxente de axudas para os sectores pesqueiro e agrogandeiro.

O portavoz parlamentario do PSdeG, Luis Álvarez, fixo o propio coas do seu grupo: axudas directas para empresas e autónomos; subvencións específicas para o sector agrario e para a pesca; e bonificacións ou exencións de peaxes para os transportistas nas vías de pago de titularidade autonómica.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail