O modelo tradicional (patriarcal) de Xustiza responde a un mal (o delito) con outro mal (a pena). Así, o que ofrece ás mulleres que piden protección penal fronte á violencia sexista é o castigo dos agresores, sempre que –nun proceso duro e hostil para elas– se puidera demostrar a comisión dun feito prohibido. Pero a miúdo, as mulleres non queren o castigo dos homes cos que conviviron e, en todo caso, non só buscan o castigo. Buscan retomar as rendas da súa vida e, para iso, reclaman a reparación do dano sufrido.
1 Pode o sistema penal conseguir esa reparación? Unha sentenza condenatoria proclama publicamente que o sufrimento inferido á muller é inxusto e intolerable e iso supón «facer xustiza». Ao negar a impunidade do feito, a condena reconforta a vítima e atribúe a responsabilidade ao agresor; ten un importante efecto simbólico. Pero, polo xeral, fronte ao tópico da vítima vindicativa, elas senten que máis pena non significa máis satisfacción. Non é doado traducir a dor e o dano causado en días de prisión ou en euros de multa; a cuestión é máis complexa. Con frecuencia, o que se castiga non é o que máis fixo sufrir á vítima; as definicións penais non captan o significado que os feitos tiveron para ela..
2 É útil o sistema penal como instrumento de resolución de conflitos interpersoais? O sistema penal (só) castiga a quen incumpre a lei. Os protagonistas do xuízo son o Estado que acusa e a persoa acusada. A vítima ten un papel moi secundario, pero hai unha medida que está pensada para compensala polo dano sufrido: a responsabilidade civil. Aínda que a lei di que «a reparación do dano poderá consistir en obrigacións de dar, de facer ou de non facer», en xeral, concrétase nunha indemnización económica, que é o modo en que a nosa sociedade valora os prexuízos sufridos. Certamente, o diñeiro é unha reparación moi limitada, pero a nivel simbólico é un recoñecemento importante. Respecto diso, xuristas feministas denunciaron as pequenas cantidades que se acordan en sentenzas por violencia sexista fronte a outras indemnizacións (por ex., por lesión ao honor dun futbolista famoso).
3 Unha pena, máis ou menos grave, e unha indemnización económica (a reparación que pode ofrecer o sistema) son o recoñecemento do dano causado? O proceso penal establece a culpabilidade polo delito cometido, pero trátase dunha responsabilidade imposta desde unha instancia externa ao suxeito. E ese castigo non asumido adoita alimentar a visión indulxente cara a si mesmo do infractor, que se sente inxustamente tratado. No xuízo, o acusado ten un papel pasivo (é xulgado, é castigado), non se pretende que recoñeza o dano causado nin, moito menos, que o asuma. É máis, o máis frecuente é que o procesado non chegue nin sequera a ter conciencia do sufrimento e os prexuízos que causou á vítima. Tampouco nos procedementos con «conformidade», mecanismo moi utilizado nos xuízos por violencia sexista, prodúcese o recoñecemento do dano. Nesas condenas, o acusado confórmase coa pena (porque dese xeito consegue unha rebaixa) e, para iso, acepta os feitos que se lle imputan, o cal non significa que coñeza o que os seus actos supuxeron para a muller e, moito menos, que o asuma ou se arrepinta. Só acepta o castigo imposto, aínda que no seu foro interno o considere inxusto ou excesivo. Non implica que senta pesar polo que fixo nin que pida perdón. E isto non dá satisfacción moral á muller.
4 Hai outras vías para acadar o recoñecemento do dano causado? A diferenza do que ocorre no proceso penal, o recoñecemento do dano causado é o punto de partida da Mediación penal, pero esta forma de xustiza restaurativa está expresamente prohibida para todos os casos de violencia de xénero . É certo que, a miúdo, a mediación non pode darse, porque hai desigualdade entre as partes (por ex., en casos de violencia psicolóxica exercida durante anos, que destrúe a autoestima da muller). Con todo, a prohibición absoluta, ignorando que nin todas as manifestacións de VX son iguais, nin todos os agresores o son, nin todas as mulleres resultan afectadas do mesmo xeito, nin teñen os mesmos recursos, supón un deses automatismos da lei, que, ao ignorar a vontade das mulleres, provoca xusto o contrario do empoderamento supostamente perseguido.
Tampouco debe ignorarse que, malia a prohibición absoluta, na realidade estanse facendo mediacións sen ese nome, tanto para obter a conformidade no xuízo (pactando entre avogados –a miúdo sen formación adecuada– e sen intervención da muller), como para chegar a acordos de divorcio. Respecto diso hai que recordar que a maioría das mulleres que saen dunha relación violenta non van pola vía penal, senón pola civil, aceptando a miúdo condicións de divorcio moi inxustas para perder de vista o maltratador.
5 En que consiste a Mediación penal? A mediación é só un dos instrumentos da Xustiza Restaurativa (XR), que é un concepto moito máis amplo. Cabería indagar noutros mecanismos de resolución de conflitos nos que non ten por que darse a confrontación directa da muller co seu agresor. O esencial da XR é partir dos danos e necesidades que o delito produciu na vítima, así como a participación activa daquela e do agresor para elaborar un acordo sobre a reparación. Para logralo, a flexibilidade é fundamental e existen múltiples instrumentos, con diferente grado de participación das partes: Conferencias do grupo de achegados, círculos sentenzadores, paneis restaurativos, etc. Ata dentro da idea de mediación, as dinámicas poden ser moi distintas: desde a utilización de vítimas ou infractores «substitutos» (ex. encontros dun agresor con mulleres superviventes que non sexan a súa parella, ou viceversa), á utilización de medios telemáticos ou diálogos non simultáneos (con gravacións).
Igualmente, aínda que a mediación penal que se utiliza no noso sistema desenvólvese en xeral antes do xuízo, para ter un efecto de atenuación na pena, o certo é que os encontros restaurativos poderían darse tamén logo da condena, por exemplo para facilitar (ou non) a suspensión ou ata durante a execución da pena de prisión ou á saída desta, para favorecer a reinserción social. Todas estas modalidades de XR poderían realizarse sen incorrer na prohibición legal e sería moi convinte, para rescatar o que a XR ten de reparador para a muller: expresar os seus sentimentos, sentirse escoitada e apoiada, que el coñeza (e recoñeza) o dano que lle causou, para asumilo e desexar non telo feito; para pedir desculpas… e, sobre todo, para comprometerse a non reiteralo.
6 Que sucede cos tratamentos aos agresores? Fálase moi pouco do tratamento dos agresores, cando é unha medida reclamada por moitas mulleres. Baixo as críticas –ás veces moi superficiais– a este tipo de resposta, percíbese un xuízo negativo (outro máis!) ás que o solicitan, entendendo que optan por manter a relación. En efecto, hai mulleres que non queren romper (e haberá que aceptalo, respectando a súa autonomía e o seu ritmo), pero moitas que xa saíron do maltrato, non queren que lles pase a outras. A garantía de non repetición é un elemento fundamental da reparación e este aspecto estase descoidando. Aínda que a lei penal impón cursos obrigatorios para acceder á suspensión ou ás penas alternativas á prisión, o certo é que logo non se aportan os recursos necesarios para que esas intervencións sexan eficaces, nin se garante a formación feminista das terapeutas. Aínda así, estanse obtendo resultados e, se descende o nivel de reincidencia, xa é un avance, no que haberá que profundar.
7 As cuestións pendentes. Quedan moitas cuestións pendentes. Unha delas, o papel dos grupos de superviventes. O apoio mutuo e o acompañamento de quen pasou o mesmo é de gran axuda para as mulleres que queren reaccionar fronte á violencia (que é o primeiro e máis difícil dos pasos). E ao revés, empoderarse tras unha experiencia traumática e apoiar a outras mulleres pode resultar moi enriquecedor. Favorecer a organización deste tipo de colectivos, con financiamento e con formación, é tamén unha vía de recoñecemento social e de reparación simbólica. E hai moitas outras.