O poder do feminismo

Era complexo mais fíxose. As expectativas de que as mobilizacións do 8 de marzo, Día internacional das mulleres, superasen as históricas manifestacións de 2018 eran difíciles de cumprir mais fíxose. E iso foi o resultado do traballo desenvolvido durante moito tempo polo movemento feminista organizado arredor de Galegas 8M.

Tendemos a crer, especialmente dun tempo a esta parte, que a espontaneidade está detrás do éxito das cousas e déixenme dicir que non. De maneira que, aproveito para lles dar as grazas ás decenas, centos de mulleres que traballaron por todo o país na manifestación do 3 de marzo en Lugo e tamén nas masivas manifestacións do 8M.

De feito, proporcionalmente, Galiza foi o país que congregou as manifestacións máis multitudinarias do Estado. Tomando como referencia a cidade de Vigo, con menos de 300 mil habitantes, o 8 de marzo saíron á rúa 100 mil persoas, de acordo cos datos achegados pola Policía –pouco sospeitosa de inflar as cifras. Iso representa máis dun terzo da poboación.

É evidente que o feminismo ten acumulado nos últimos anos un importante apoio social. Tense convertido nun movemento transversal, certamente, aglutinador de persoas ben diversas e moita mocidade.

Ogallá continúe aumentando o seu poder revolucionario e transformador, fortalecendo o carácter obreiro da data, promovida por Clara Zetkin como xornada de loita fronte á opresión que sufrimos como mulleres e á explotación como traballadoras.

Vídeo realizado por O Salto Galiza.

Por iso foi tan importante a convocatoria dunha folga feminista de 24 horas no noso país –de novo Galiza á vangarda; situar no punto de mira as reformas laborais e das pensións que están detrás do empobrecemento e precariedade das mulleres; denunciar a pasividade e hipocrisía política dos gobernos que as aprobaron e non derrogaron mais que corren a pór un lazo lilá na chaqueta cando ven chegar o 8M ou mesmo acoden ás manifestacións. Visibilizar a fenda salarial (do 30% en Galiza); a dupla xornada (no traballo e na casa), os teitos de vidro e chans pegañentos; a reprodución do rol patriarcal e machista de nai-coidadora que sostén as máis do 90% das reducións de xornada por razóns de conciliación solicitadas por mulleres fronte apenas un pequeno feixe de homes que asumen hoxe en día que coidar de crianzas e persoas dependentes é tamén a súa responsabilidade.

En Galiza, cando cumpres anos, acostumamos dicir: «de hoxe nun ano e de aquí a aló moitas veces». Que non pase un ano, compañeiras. Nin un ano máis. Que as masivas mobilizacións do 8 de marzo, que evidenciaron o poder do feminismo, se tornen nunha riada transformadora que o remova todo.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail