Morreu Costa

O letal Whatsapp de Pereiro devólveme con nostalxia aos iniciáticos anos 80, nos que José Manuel Costa exercía de cronista dun tempo efervescente na fronteira entre o adeus á longa noite de pedra franquista e a entusiasta benvida a unha modernidade postergada.
Heterodoxo membro fundacional do xornal El País e primeiro director daquela mítica Radio El País desde a que se impulsaron proxectos como o «Madrid me mata» de Moncho Alpuente, Costa defendía con obstinada lealdade uns principios non adscritos a etiqueta algunha que non fose a súa paixón pola vangarda cultural.
Paixón que algúns podían confundir ás veces con altanería, pero á que profesou sempre unha radical fidelidade ata o extremo de converterse á vez en profeta e anxo caído daquel Madrid que pretendía emular o Berlín de Bowie e Lou Reed. E que Costa retratou coma ninguén.
Foi pioneiro de consagrados experimentos mediáticos como Radio 3 e súa carreira abarcou un amplo espectro de cabeceiras: desde o suplemento cultural en ABC, xornal no que foi correspondente en Londres e Berlín, desde onde adiantou o fenómeno das novas vangardas centroeuropeas que popularizaría a película Good bye, Lenin, ata Público ou Diario.es. A súa presenza como DJ nos garitos berlineses, que compaxinaba coa corresponsalía de ABC, di moito da súa actitude vital.

Desembarco das forzas atroces do noroeste na UIMP (1986). De esquerda a dereita: Lois Pereiro, Juan Cueto, Fermín Bouza Álvarez, Manolo Ramón, Antonio Colinas, Luís Racionero e José Manuel Costa.

José Manuel Costa figura por partida dobre na miña memoria sentimental. Polo xornalismo e pola música. Coñecino da man de Suso Iglesias alá polo 79, nos tempos en que o mítico Penta non era aínda o templo da movida madrileña que el impulsou, nin Antonio Vega tiña unha praza ao seu carón. Pero todo canto daquela acontecía naquela marea quedaba rexistrado no fabuloso arquivo artístico que Costa atesouraba na súa casa do popular barrio de Tetuán.
Cando esa modernidade prendeu como un inesperado incendio en Galicia – coa banda sonora de Siniestro Total, Os Resentidos, Golpes Bajos ou Radio Océano que asombraba en Radio 3 e levou a Cambio 16 a adicarlle unha portada co título de «Máis alá do telón de Grelos», Costa foi un imprescindible compañeiro de viaxe. Como colaborador dos primeiros concursos de rock nunha Coruña que espertaba de décadas de letargo cultural ou nas páxinas de La Naval, escaparate literario e xornalístico desa Galicia emerxente que Costa, de orixes galegas, axudou a propagar tamén en cabeceiras que marcaban tendencia como La luna.

Cando a modernidade prendeu en Galicia, Costa foi un imprescindible compañeiro de viaxe, colaborador dos primeiros concursos de rock na Coruña ou nas páxinas de La Naval

Coincidín con Costa na redacción do semanario madrileño El Independiente a finais dos 80. Eu deixaba atrás os primeiros anos de xornalismo en Galicia e a militancia punkarra en Radio Océano; Costa, desafiuzado por teimudo dun imperio comunicacional, reandaba a súa carreira.
Unha noite invitoume á súa casa. Estaba tamén Antonio Vega, que xa evidenciaba os seus graves problemas de saúde e andaba afastado dos escenarios. José Manuel levouno ao seu sancta santorum e mostroulle algo: era unha entrada do primeiro concerto de Nacha Pop. Eu contemplaba con discreción a emotiva escena cando José Manuel volveu remexer naquel museo, sacou algo e díxome: «Seguro que non o tes». Era o improvisado cartel dunha das primeiras actuacións de Radio Océano na Coruña que lle mandara anos atrás. Todo estaba naquel arquivo.
O martes, nun ensaio con vistas á presentación do disco recopilatorio de Radio Océano que o selo Subterfuge publicará a finais de maio, falabamos de reencontrarnos con Costa nun foro que compartiría con Diego Manrique e Jesús Ordovás para rememorar aqueles tempos. Apenas unhas horas despois, chegaba a fatal noticia.
Unha das primeras cancións de Radio Océano fala da vida coma unha interminable road movie na que o corazón se transforma nun motor de coche que atravesa a escuridade cun elegante desprezo do odiado «the end». A próxima vez que a toquemos, vai por el.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail