Galicia conta cun total de 200 especies ameazadas, unhas 74 en perigo de extinción e outras 126 consideradas vulnerables. A transformación dos seus hábitats, a ausencia de plans específicos de protección e a proliferación de especies invasoras fai temer polo seu futuro e polo bo estado da biodiversidade no noso país. Mais ningunha delas provoca tantas tensións, conflitos e sentimentos encontrados coma o lobo, un dos maiores exemplos da difícil relación entre o home e a conservación da natureza.
Habitante dos montes galegos desde tempos inmemoriais, o lobo suma seguidores e detractores por igual. O seu papel clave no equilibro dos ecosistemas naturais contrasta coa súa condición de eterna fonte de conflitos, derivada fundamentalmente dos danos causados á gandería. A súa presenza ao longo do século XX estivo seriamente ameazada pola persecución á que foi sometido e, a pesar de ser durante séculos unha especie abundante en boa parte da Península Ibérica, Galicia é hoxe unha das poucas comunidades do Estado español nas que o lobo segue a ser un habitante máis.
«O lobo é unha parte imprescindible dos nosos ecosistemas, baluarte da biodiversidade do territorio e un patrimonio natural e cultural de todos os galegos». Así o cre Serafín González, presidente da Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN) que desde hai décadas leva reclamando a protección total do lobo en Galicia. A súa afirmación é indiscutible, mesmo para a propia Administración que, ademais de recoñecer que o lobo é unha «peza clave no equilibrio dos ecosistemas naturais», sostén que se trata dunha das especies máis emblemáticas da cultura galega, dando orixe a numerosas lendas e infinidade de topónimos no noso territorio. Incluso un dos sectores máis afectados pola presenza do lobo en Galicia, o dos gandeiros, defende que este cumpre coa súa función: «O lobo é un gran depredador que exerce o control sobre outras especies como o xabaril ou o corzo, evitándonos así grandes danos nas colleitas», asegura Xosé Darriba, do sindicato Unións Agrarias (UUAA).
Onde están entón as diferenzas insalvables que fan do lobo un animal en eterna disputa? A resposta é clara: na súa xestión, enfrontando os que defenden unha caza cinexética cos que apostan por unha blindaxe total a través dunha xestión sostible.
Considerado unha especie de «interese humano» pola Administración, o lobo está lonxe de ser incluído no Catálogo Galego de Especies Ameazadas e en Perigo de Extinción, aínda que si é obxecto dunha «atención especial», tal e como recoñece o Plan de Xestión do Lobo Ibérico en Galicia aprobado en 2008. Esta condición non o exime de estar entre as especies a cazar no noso territorio. Unha circunstancia que a Xunta de Galicia só autoriza «despois de constatar incuestionablemente a existencia de danos e con plenas garantías de conservación da poboación desta especie». Esta situación levou a numerosos ambientalistas, ecoloxistas e expertos a pedir a equiparación do lobo con outros grandes depredadores como o oso pardo ou o lince ibérico, animais que tras ser considerados feras durante anos, son hoxe un dos maiores exemplos de conservación. Petición que xa é realidade nestes momentos ao sur do río Douro, blindando así os escasos exemplares que aínda se conservan na Mancha, Estremadura e Andalucía.
Para a Dirección Xeral de Conservación da Natureza da Xunta de Galicia existen dous motivos que xustifican a autorización das batidas do lobo: número de exemplares e estragos causados. Os últimos datos dispoñibles para a nosa comunidade sobre a distribución e estima de poboación do lobo correspóndense ao período 1999-2003. Estes datos apuntan á existencia de 68 grupos familiares, que se corresponde cun número que oscilaría entre os 420 e os 620 lobos. Deste xeito, Galicia tería o 26% da poboación española desta especie, só por detrás de Castela e León, que rexistra o 53% con 150 grupos estimados. Non obstante, desde Conservación da Natureza apuntan que ao longo das últimas décadas se levaron a cabo monotorizacións periódicas das poboacións do lobo, baseadas nuns casos na localización e seguimento das mandas e noutros na procura de indicios da especie, tales como excrementos ou rascaduras. Os traballos realizados nos últimos tres anos (2013, 2014 e 2015) estimaron a existencia de 90 mandas reprodutoras de lobos (14 delas compartidas con outras comunidades e Portugal). Con estas cifras como referencia, a Administración galega considera que o lobo goza «dun estado de conservación saudable» polo que «non nos atopamos ante unha especie tecnicamente ameazada que obrigue á ampliación dun réxime de protección distinto ao actual».
En canto aos estragos causados, Conservación da Natureza cifra en 8.567 o número de reses mortas entre o 2010 e o 2015, cunha media anual que se sitúa ao redor dos 1.400 exemplares perdidos. Estas cifras son as que levaron á Administración a autorizar batidas puntuais naquelas zonas onde se rexistraron un maior número de ataques, sempre con fins cinexéticos e de control da especie.
Esta postura choca de fronte coa defendida por ambientalistas e ecoloxistas, que apostan por medidas alternativas á caza para realizar unha correcta xestión da poboación do lobo sen que isto afecte á gandería. «A xestión do lobo está en mans dos cazadores». Así de rotundo se amosa Fins Eirexas, portavoz executivo da Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galicia (Adega), quen critica os métodos «pouco científicos» das mostraxes realizadas pola Xunta. «A realidade é que non hai datos oficiais. Barállanse cifras máis ou menos atinadas que, en ningún caso, deberían dar pé a incluír o lobo na listaxe de especies a cazar», profunda Serafín González, desde a SGHN.
Adoptar métodos de prevención como o acompañamento por parte de mastíns, promover que o gando durma baixo cuberto, proporcionar valor engadido aos produtos de zonas lobeiras e á actividade turística derivada desta especie, e asumir solidariamente os custos de conservación do lobo serían algunhas desas medidas alternativas á caza apuntadas polos ambientalistas. Medidas recollidas nunha Proposición Non de Lei (PNL) presentada en marzo de 2016 polo grupo parlamentario Podemos-En Comú Podem-En Marea no Congreso dos Deputados, na que se reclama a protección do lobo ibérico en toda España «por motivos ecolóxicos, científicos, sociais, culturais e éticos».
Todas elas son unha realidade nalgúns territorios do Estado, demostrando así a súa viabilidade. Unha das máis salientables é a asunción dos custos derivados da conservación do lobo por parte da sociedade, o que se traduce en indemnizacións rápidas e xenerosas para os gandeiros afectados e a posta en marcha de axudas de carácter permanente ás explotacións gandeiras presentes en territorios con presenza do lobo. Actualmente, a Xunta xa destina importantes partidas para paliar os danos provocados no gando. Na última convocatoria, con data de decembro de 2015, esta cantidade ascendía a 360.000 euros, triplicando segundo a Xunta o consignado na anterior orde. Pero para os ambientalistas, a conservación do lobo non pode quedar á vontade de cada Administración, polo que reclaman un sistema de axudas único para todo o Estado, que cubra os gastos dos gandeiros e permita compatibilizar a existencia do lobo e o gando no mesmo territorio.
Os protagonistas deste conflito téñeno claro: «Non estamos ante un problema de loita polo territorio», defenden desde UU.AA., que recordan que o home e o lobo teñen convivido durante anos en pé de igualdade. «No rural estamos a favor da conciliación e desde hai anos colaboramos na concienciación dos habitantes do rural para evitar unha percepción negativa do lobo», segura Xosé Darriba. Por este motivo, ademais de axilizar o pagamento das axudas e eliminar a burocracia, desde UU.AA. reclaman tres medidas adicionais para acabar coa tensión no rural: un censo real da poboación, para saber cal é a situación do lobo en Galicia; a reintrodución dos comedeiros nos montes —zonas habilitadas para levar o gando morto ou comida para que os lobos coman e non ataquen o gando—, prohibidas a raíz da crise das vacas tolas; e buscar un equilibrio nas zonas de conflito real, como na comarca do Deza ou no Macizo Central.
A presenza de mastíns tamén é desde hai anos algo frecuente en moitos rabaños. Incluso de burros, animais dos que a experiencia demostra que protexen o gando como se fose a súa propia familia, enfrontándose aos lobos dunha forma tan dura que convence os cánidos de buscar unha presa máis fácil e menos arriscada. A pioneira en Galicia foi Casa Grande de Xanceda, un dos maiores produtores de lácteos ecolóxicos do Estado, que en 2009 decidiu apostar pola presenza de burras para impedir o ataque dos lobos.
O turismo lobeiro tamén é unha realidade. A Reserva Nacional de Caza da Serra da Culebra (Zamora) é pioneira neste tipo de turismo, onde se calcula que xera case medio millón de euros anuais. «O turismo de natureza é un bo instrumento de conservación, sempre e cando se realice dunha forma profesional, regulada e ordenada», asegura Javier Talegón, biólogo experto en lobos e promotor do Ecoturismo Llobu, situado en plena Serra da Culebra. Javier puxo en marcha esta iniciativa no 2013 xuntando o seu amor por este animal e a súa formación académica co obxectivo de contribuír a cambiar a percepción que a sociedade ten do lobo.
Cal é o atractivo deste tipo de turismo? Talegón teno claro: «O lobo é un animal de gran beleza, intelixencia e capacidade de supervivencia e é moi difícil de observar tras anos de persecución e de adaptación á nocturnidade para pasar desapercibido». Non obstante, ademais da observación a distancia, o visitante que acude a Ecoturismo Llobu leva a cabo diferentes actividades que lle permiten adquirir unha visión máis completa sobre este animal: hábitat, historia, supervivencia, ameazas, diferenzas con outros animais… «O noso obxectivo é que as persoas se acheguen á ecoloxía e á conservación da especie», asegura Javier Talegón quen alerta dos perigos de non realizar correctamente esta actividade. «Os lobos non se ven sempre e as persoas que veñen aquí sábeno. Hai que respectar determinadas zonas e determinados momentos do ano, polo que a observación non é a parte central do turismo do lobo, senón un complemento que ás veces se dá e ás veces non», apunta.
Coas posicións tan enfrontadas, o lobo seguirá estando no punto de mira. Mais a súa situación, pese á súa polémica, non é a única de gravidade. Galicia conta actualmente cun total de 200 especies incluídas no Catálogo Galego de Especies Ameazadas ou en Perigo de Extinción. Especies que, nun futuro non moi distante, poderían desaparecer dos nosos ecosistemas.
A alteración dos hábitats, cun uso intensivo do territorio e unha elevada densidade de poboación, é unha das principais causas de desaparición da nosa biodiversidade. «Comparado con outras zonas do Cantábrico, o estado de conservación dos espazos naturais e das especies en Galicia é peor. Ás veces, moito peor», asegura o profesor Pedro Galán, do departamento de Bioloxía Animal, Bioloxía Vexetal e Ecoloxía da Universidade da Coruña.
Esta alteración e degradación dos hábitats afecta á flora e á fauna por igual, poñendo contra as cordas a moitas especies. Este sería o caso de varios exemplares de serpentinas, que en Galicia se concentran case exclusivamente na zona de Melide. «A planificación de varias infraestruturas están a poñer en perigo a catro ou cinco exemplares distintos de serpentinas que só se dan aí polo tipo de solo, nocivo para moitas especies polo seu alto contido en metais pesados», explica Santiago Ortiz, profesor de Botánica da USC e un dos autores do Atlas y Libro Rojo de la Flora Vascular Amenazada de España, publicado en 2004. Na mesma situación estarían varios endemismos da zona da Capelada como a crepis noboana, especie cuxos pouco máis de 1.000 individuos se atopan nos acantilados da ría de Cedeira. No caso da fauna, o profesor Pedro Galán, especialista en anfibios e réptiles, sinala o estado crítico no que se atopan o sapo de esporas e o sapoconcho europeo que, a pesar de estar catalogadas como especie vulnerable e en perigo de extinción respectivamente, o seu futuro non é moi prometedor.
Xunto a esta situación crítica, os expertos advirten que en moitas ocasións o coñecemento que hai sobre a bioloxía e a demografía das especies é nulo. «Non hai datos actuais e contrastados das poboacións e a súa tendencia demográfica, polo que da maior parte das especies descoñecemos cal é a súa situación». Así o asegura Jesús Domínguez, profesor do Departamento de Zooloxía e Antropoloxía Física da USC, quen apunta un segundo problema: a inexistencia de plans de conservación e xestión das especies incluídas no Catálogo de Especies Ameazadas de 2007, vitais para garantir a súa preservación. «As especies incluídas no catálogo están formalmente protexidas. Pero a realidade é que nestes anos non se fixo nada por elas», apunta Domínguez. Unha afirmación que corrobora Santiago Ortiz, para quen a existencia dalgunhas especies a día de hoxe se debe a unha «pura casualidade».
Así o apuntan tamén desde o movemento ecoloxista, que acusa á Xunta de «desleixo» e «falta de sensibilidade ambiental». Desde Adega, Fins Eirexas recorda que das 200 especies incluídas no Catálogo de Especies Ameazadas, só catro contan cun plan de conservación ou xestión en vigor: o oso pardo, a píllara das dunas, a escribenta das canaveiras e o sapoconcho galego. «É absolutamente ridículo», asegura Eirexas. «Catro plans en 9 anos. A este ritmo, teremos todos en 3016», apunta Serafín González desde a SGHN, para quen o catálogo galego é ademais «a todas luces insuficiente». Para Adega, non obstante, o máis preocupante non é xa que 196 especies estean «desprotexidas de facto», senón que carezan tamén de protección indirecta. Eirexas refírese aos Plans de Ordenación dos Recursos Naturais (PORN) e aos Plans Reitores de Uso e Xestión (PRUX), vitais para garantir a boa conservación dos nosos espazos protexidos, e dos que carecen boa parte dos parques naturais galegos. «Corrubedo, que é parque natural desde 1992, ten un PORN que se limita a inventariar as especies que alí se atopan, mentres que o de Xestión, case 25 anos despois, segue en redacción», asegura. A Administración galega recoñece a tardanza que, desde a Dirección Xeral de Conservación da Natureza, explican polo traballo que leva a «adaptación das propostas técnicas (achegadas polos especialistas na bioloxía das especies) por parte dos técnicos de conservación da Administración, o que implica tamén a participación de sectores administrativos e sociais implicados nas posibles medidas de conservación».
A pesar desta situación, Jesús Domínguez gaba a existencia dalgunhas excepcións como son o caso de certas aves —a píllara das dunas, a escribenta das canaveiras ou o mazarico— nas que a unión da sociedade, a universidade e a administración está posibilitando un seguimento dos individuos de cada especie para poder paliar así a súa grave situación.
Na deficiente conservación da biodiversidade galega hai que engadir un terceiro factor: a proliferación de especies invasoras. Un dos casos máis paradigmáticos é, para Jesús Domínguez, a presenza do visón americano que, coa súa introdución no Parque Nacional das Illas Atlánticas, ten en xaque ao cormorán moñudo. Ou o cangrexo americano, un voraz depredador de larvas de anfibios autóctonos como as ras pardas, a piques de desaparecer. No caso da flora, Santiago Ortiz non ten ningunha dúbida: de todas elas, a máis nociva é o eucalipto. Esta afirmación é compartida por Pedro Galán, para quen a súa plantación masiva, a costa moitas veces de hábitats naturais, provoca unha importante degradación do medio dificilmente reversible.
Unha tríade nociva —degradación do hábitat, ausencia de medidas de protección e proliferación de invasoras— á que hai que sumarlle unha cuarta: a falta da concienciación por parte da cidadanía. Unha combinación explosiva que leva a algunhas especies a estar sempre no foco da polémica e a outras, directamente, á súa extinción.