Este artigo tamén está dispoñible en: Castelán
Se vostede só mira prensa galega estará convencido de que O Noso Alberto é coma Braveheart, pode que máis alto e máis guapo que Mel Gibson pero igual de firme e contundente contra da tiranía e a inxustiza de gobernantes amorais. Non diga simplemente Feijóo, diga BraveFeijóo. «No habrá quita para las comunidades que se endeudaron. La presión de Feijóo obliga al PP a renunciar a un trato discriminatorio con las que cumplieron» titulaba La Voz de Galicia na súa portada do martes de entroido (13/2/18). «Condonar, perdonar o dejar sin efecto la deuda va en contra de cualquier principio moral» disque sentenciou, case bíblico, O Noso Alberto rematando a discusión.
Se tamén lle dá por consultar a prensa de fóra, ou mesmo escoitar a radio coma se facía no final da ditadura con Radio Andorra, estará moi desconcertado porque terá lido e escoitado, mesmo nunha emisora tan de orde e tan dos bispos como a COPE, que esa mesma noite o ministro de Facenda do Goberno central, un tal Cristóbal Montoro, declarou que se aos baróns do PP lles facía felices que non se dixera «quita» que por el encantado, pero que ía haber reestruturación porque había que facela.
Non se amotinen aínda. O triunfo lingüístico acadado polo Noso BraveFeijóo é incontestable e non merece ser desmerecido. O Noso Alberto é un estratego e agora tenos a todos exactamente onde quería. Primeiro hai que gañar a batalla das ideas e dos conceptos e xa despois se gañará a dos cartos e a dos dereitos. A vitoria lingüística e morfolóxica é a antesala da vitoria fiscal final. Fáltavos visión, menos mal que a O Noso Alberto sóbralle.
Así pois non vai haber quita pero vai haber reestruturación, que é coma unha quita pero cun nome máis fino, para que nas rexión máis endebedadas co Estado, dende Castela A Mancha a Andalucía ou dende Murcia a Valencia, o propio PP e o PSOE poidan seguir alimentando as maquinarias electorais que os teñen mantido no poder décadas. A cambio, as galegas e os galegos poderemos presumir cheos de razón que facemos o que eles non fan: pagamos as nosas débedas. Apencamos cos nosos recortes en sanidade, educación ou dependencia coma machotes, en vez de andar chorando polo mal financiados que estamos. Para iso viñemos ao mundo os galegos e para iso votamos masivamente o PP: para sufrir en silencio e ser solidarios cos que non son tan responsables e tan sufridos coma nós.
Apencamos cos nosos recortes coma machotes, en vez de andar chorando polo mal financiados que estamos
BraveFeijóo levaba semanas avisando, polo civil e polo penal, que non vai tolerar que se castigue as que cumpren, coma Galicia, para recompensar as que incumpren sen que a ninguén, nin á oposición nin á prensa libre, se lles ocorrera preguntarlle por que o tolerou até o de agora e durante máis de sete anos caladiño coma se estivera xogando ás agachadas.
O único resultado visible e cuantificable de tanto esforzo fiscal e tanto fetichismo do déficit coma levamos papado é que O Noso Alberto podía presumir en Madrid de cadrar as contas, mentres aquí triplicaba a débeda pública galega que lle deixara o Bipartito pese a incumprir sistematicamente os seus orzamentos a base de pechalos en xullo ou en setembro para dicir que gastaba sen gastar, multiplicar as listas de espera na Sanidade polos recortes, baixar o soldo dos funcionarios e traballadores da Xunta, recortar e retrasar as axudas á discapacidade, converter os provedores da Xunta en cobradores do frac sen frac e con retrasos de meses nos seus cobros, e paralizar o investimento en obras e infraestruturas públicas.
A parte de todo isto, alguén sabe que máis vantaxes nos trouxo ser tan ben cumpridos e tan bos pagadores?
Este artigo tamén está dispoñible en: Castelán