A Coruña.- O documental DEP (Destruír é o plan), que narra o desmantelamento progresivo do sistema público de saúde en Galicia desde a chegada de Alberto Núñez Feijóo á Xunta en 2009, foi nomeado na categoría de mellor longametraxe nos premios Mestre Mateo.
Eses galardóns, que entrega anualmente a Academia Galega do Audiovisiual, recoñecen ás mellores producións e aos profesionais técnicos e creativos que participan nelas.
«Gran sorpresa!, parabéns a todas as plataformas e a toda a xente que está a denunciar a terrible situación da sanidade galega e defendendo os nosos dereitos», asegurou SOS Sanidade, que produce a cinta e que convida a vela tanto na súa versión orixinal en galego como na subtitulada en castelán.
«A candidatura supón un gran respaldo para dar visibilidade á situación da sanidade, consecuencia da destrutiva e intencionada mala xestión da Xunta. Esperamos que sirva de reforzo para que todo o mundo poida vela e saiba realmente o que esta pasando, cal é a solución e por que temos que mobilizarnos para que as cousas cambien», engaden os portavoces da SOS Sanidade.
A gala dos Mestre Mateo celebrarase o 15 de marzo no Lalín Arena da localidade pontevedresa. Xunto a DEP están nomeadas na categoría de mellor longametraxe Cuñados, de Portocabo TV; Á procura da estrela, de Omen Audiovisual Societat Civil, Acariño Films e Maria Zimbro; As Neves, de Cósmica Producións e Aquí e Alí Films; O correo, de Vaca Films, Panache Productions, Anga Productions e A Compagnie Cinématographique; Heiwa, de Alejandro Pacheco; Honeymoon, de Pulsa Control Z e Acca Media; A parra, de Filmika Galaika e Tasio; Tratamos demasiado bien a las mujeres, de Ficciónn Producións, e Xustiza artificial, de Justicia Artificial AIE., Abano Producións, Tornasol Media e Ukbar Filme.