A Coruña.- A asociación SOS Sanidade Pública, que agrupa xunto a sindicatos e partidos de oposición ás plataformas cidadás que defenden en Galicia os dereitos dos usuarios do sistema público de saúde, convocou unha manifestación este xoves pola tarde en Vigo para denunciar os recortes orzamentarios e a rebaixa da calidade asistencial da súa área sanitaria, así como as privatizacións en favor de empresas afíns ao Partido Popular.
En especial, a plataforma refírese á situación do hospital Álvaro Cunqueiro, construído e xestionado desde fai dez anos mediante unha fórmula de colaboración público-privada que segundo o Consello de Contas de Galicia provocou sobrecustos de 470 millóns de euros. Esa cantidade representa case un 40% máis sobre o proxecto inicial, que contemplaba moitas máis instalacións e servizos, –camas, quirófanos, salas de radioloxía, etcétera– das que finalmente se construíron e puxeron en marcha.
«Non pedimos nada imposible, queremos recuperar a xestión pública do hospital», asegurou o pasado martes o portavoz da plataforma en Vigo, Manuel González Moreira, quen sinalou que a manifestación, que partirá ás 19 horas da Praza de España, ten tamén por obxecto reclamar responsabilidades políticas polo sobrecusto detectado polo Consello de Contas, reverter a concesión privada e «reconstruír» a sanidade pública na cidade e a súa área sanitaria, ata conseguir que o 100% da prestación sexa pública.
Rato, De Guindos e o alcalde de Sanxenxo
O BNG denunciou onte que a fórmula público-privada foi ideada por Alberto Núñez Feijóo, quen modificou o proxecto inicial elaborado polo Goberno do PSOE e o BNG. Desa forma, asegura o Bloque, o PP convirtió a Vigo «no banco de probas da privatización da sanidade» galega que executa desde 2009. A portavoz nacional da formación, Ana Pontón, asegura que o fixo para beneficiar a sociedades vinculadas a altos cargos do PP, como os exministros Rodrigo Rato e Luis de Guindos; o alcalde de Sanxenxo, Telmo Martín; o exalcalde de Santiago Agustín Hernández de Rojas, e o exconselleiro Tomás Pérez Vidal.

Vigo, a maior cidade de Galicia con de 300.000 habitantes, pero a súa área sanitaria, que abarca unha trintena de municipios, cobre a preto do dobre de poboación. Ademais, ao redor de 116.000 persoas que teñen tarxeta do Servizo Galego de Saúde (Sergas) dependen con todo doutro hospital privado, Povisa, propiedade da multinacional Ribera Salud, coa que a Xunta mantén un contrato de servizos que se renova periodicamente desde hai decenios. O último acordo ofertado polo Sergas á empresa ascende a 195 millóns de euros para este ano e o que vén.
SOS Sanidade: «Non pedimos nada imposible, queremos recuperar a xestión pública do hospital»
Portavoces de SOS Sanidade lembran ademais que as privatizacións non serviron para mellorar a calidade asistencial, se se teñen en conta os últimos datos do Sergas sobre as listas de espera na área sanitaria de Vigo: cinco meses para unha consulta de rehabilitación, e máis de tres meses e tres semanas para unha primeira cita cun psiquiatra ou cun anestesista. Unha cirurxía plástica ou de traumatoloxía demóranse máis de 74 días de media, e para unha endoscopia otorrinolaringológica hai que esperar máis de 300 días.
Tanto a portavoz nacional do BNG como o secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, anunciaron o seu apoio á manifestación de SOS Sanidade e animaron á cidadanía para participar nela. Tamén o fixeron o alcalde de Vigo, Abel Caballero, e as alcaldesas doutros municipios da área sanitaria como Nigrán, Moaña e Cangas, do mesmo xeito que a secretaria xeral de Podemos Galicia, Isabel Faraldo, e a de Sumar Galicia, Verónica Barbero.