Un bo trato para Galicia

Dicía Lord Palmerston que os países non teñen amigos nin inimigos, senón intereses. Galicia como vello país europeo non constitúe  ningunha excepción exótica. Na negociación do pacto de investidura do socialista Sánchez Pérez-Castejón o BNG tivo dous acertos importantes:

1. Primeiro amosar unha rapidez de reflexos pouco común na historia recente dunha organización moitas veces pexada pola falla de capacidade para decidir coa inmediatez que esixen uns nosos tempos máis gasosos ca líquidos. O venres 3 de xaneiro coñecíase o veto dos cántabros do PRC e a posibilidade certa do voto en contra da deputada canaria Ana Oramas (CC). O BNG acadou ese serán uns acordos sobre unha axenda moi mallada xa nas negociacións de semanas anteriores, malia que até o tremor de pernas socialista desa sexta feira había moitas propostas galegas pouco asumidas aínda polos de Ferraz.

2. Despois, priorizar unha axenda galega de intereses nacionais absolutamente nacional e interclasista. No informativo Bos días da TVG, o mércores 8, tanto o presidente da Confederación de Empresarios de Pontevedra (CEP) como o secretario xeral nacional de CC.OO.-Galicia coincidiron nas súas prioridades sociais e estas eran as pactadas polo BNG para investir a Sánchez o venres 3. O BNG priorizou os intereses nacionais (tamén das maiorías sociais) sobre os de clase, e amosou un fondo coñecemento dos problemas sectoriais do país para efectivizar as medidas precisas para a posta en marcha da axenda.

Malia estas positivas realidades, a complexidade da  formación das maiorías, os distintos intereses territoriais e sociais en xogo e a demostrada falla de sentido común (nomeadamente agravada dende as eleccións de 2015 até de agora) das esquerdas españolas coaligadas no novo Goberno, poñen en risco o cumprimento minimamente satisfactorio desta axenda e esíxelle ao BNG unha actitude vixiante e externa («éste non é o noso Goberno» dixo no debate de investidura o deputado do BNG Néstor Rego), ben afastada das adhesións de partidos que non partillan no novo Goberno, como Más País, Compromís e mesmo Nueva Canarias.

A AP9 ao seu paso pola ponte de Rande. Foto: Juantiagues (CC BY-SA 2.0).

Ampliarmos o autogoberno

No eido dos acordos concretos o pacto dispón transferir a totalidade de competencias pendentes no Estatuto (sic; o que cómpre transferir son os medios e servizos adscritos, pois a competencia perténcelle a Galicia dende a aprobación do Estatuto) e mais as competencias estatais reclamadas consensuadamente polo Parlamento no pasado.

Poucas cousas ilustrarán máis a lóxica trampulleira do unionismo que a constatación desta realidade: España leva incumprindo a lei con Galicia 39 anos!! Sectores da actividade pública atribuídos ao poder galego en virtude do Estatuto de 1981 están aínda retidos polo Estado. Son, basicamente,  as materias acordadas polo vicepresidente Anxo Quintana co Goberno do Estado na Comisión Mixta de Transferencias I(CMT) de decembro de 2008, e que foron inmediatamente arrumbadas no esquecemento por Núñez Feijóo e o responsábel sectorial Rueda Valenzuela. Nomeadamente museos, arquivos e bibliotecas de titularidade estatal (xa xestionados autonomicamente), xestión de bolsas de estudo e Inspección de Traballo.

Mais tamén se reflicte a transferencia de competencias estatais que foran obxecto no pasado de reivindicación consensuada dende o Parlamento de Galicia. Esta cláusula é susceptíbel de activar a transferencia ou delegación estatal, vía lei orgánica, ao abeiro do artigo 150.2 da Constitución, de competencias moi importantes. Dende logo, o tráfico e seguranza viaria (coa atribución da Policía de Tránsito) e a xestión da AP9, porque estas foron obxecto de cadansúa proposición de lei, aprobada por unanimidade polo Parlamento de Galicia. Rexeitada polo Congreso, no caso do tráfico, e caducada nesa cámara no caso da AP9. Mais na CMT deseñada no noso Estatuto, partillan cadansúa representación dos grupos parlamentarios todos do Pazo do Hórreo. Velaí que toda proposta de Galicia no pasado en sede de CMT (conselleiro Pita co ministro Sevilla (2004), vicepresidente Quintana co ministro Sevilla (2006), vicepresidente Quintana coa ministra Salgado (2007 e 2008) poida interpretarse, para os efectos do pacto de investidura, como «competencias que foron obxecto de consenso no Parlamento galego» . Son os supostos do salvamento marítimo, o ordenamento do litoral e xestión do dominio público marítimo-terrestre e da bacia Miño-Sil, a ordenación do sector pesqueiro en augas exteriores, a meteoroloxía e os institutos estatais de investigación mariña na Galicia.

CASA CN-235-300 (EC-KEL Rosalía de Castro) de Salvamento Marítimo do Ministerio de Fomento, con base no aeroporto de Lavacolla, durante o Festival Aéreo de Vigo. Foto: Contando estrelas (CC BY-SA 2.0).

En calquera caso, pactouse que sexa na bilateralidade da CMT onde se concreten os procesos correspondentes, prevéndose convocar este órgano no actual primeiro tmrimestre de 2020. Todo isto no horizonte do pulo «…ás reformas necesarias para adecuar a estrutura do Estado ao recoñecemento dos sentimentos nacionais de pertenza…», garantíndolle a Galicia o mesmo status ca Catalunya e Euskadi, no suposto de calquera modificación futura da estrutura territorial do Estado.

Infraestruturas básicas, ambientais e produtivas

Canda a transferencia prevista para o 2020 da AP-9, e mais a gratuidade do treito Vigo-Redondela, prevé garantírselles aos usuarios un mínimo do 100% da peaxe de retorno no caso de usuarios (tanto consumidores como profesionais) recorrentes. Subvención que habería fornecer a Administración do Estado tras a aprobación dos Orzamentos de 2020.

No eido das infraestruturas ferroviarias está prevista a modernización dos treitos A Coruña-Ferrol, Vigo-raia portuguesa, FEVE Ferrol-Xixón e Ourense-Lugo, a conexión ferroviaria dos portos exteriores de Ferrol e A Coruña e a garantía orzamentaria para a ampliación do Corredor Atlántico europeo co itinerario A Coruña e Vigo-Ourense-León.

Tren de CP cruzando cara Galicia na ponte internacional de Valença a Tui. Foto: Pedro Seoane Prado (CC BY-SA).

Tamén se contempla o reactivamento da dragaxe e recuperación da ría coruñesa do Burgo, a reversión e ulterior recuperación dos terreos de ELNOSA en Pontevedra e mais o traslado da planta de ENCE.

Capítulo importante é o da compatibilización da transición enerxética coas necesarias compensacións sociais e territoriais. Albíscase a incorporación  das centrais térmicas das Pontes e Meirama-Cerceda ás estratexias de reindustrialización das rexións mineiras, en igualdade de trato cos procesos até o de agora privilexiados de Aragón, Asturies e Castela e León. E infírese a participación dos sindicatos máis representativos do país nos órganos de supervisión da transición enerxética.

Así mesmo, ocupa un lugar privilexiado no acordo de investidura o Estatuto de Empresas Electrointensivas, coa finalidade de diminuír a factura eléctrica destas coa esixencia correlativa de investimentos destinados ás empresas para reducir o impacto ambiental e ampliar o emprego directo. Garántese tamén aquí a participación dos sindicatos máis representativos de Galicia. E recóllese o estudo dunha futura compensación tarifaria para todos os consumidores dos países produtores de enerxía, como Galicia.

Central térmica das Pontes de García Rodríguez. Foto: PepedoCouto (CC BY-SA).

Cómpre salientar tamén os compromisos dunha axenda reindustrializadora, con nomeada atención á industria naval, a participación do Estado no 50% dos custos do sistema de dependencia (prevista legalmente dende 2006 e nunca cumprida) e mais a creación de Xulgados de Violencia contra a Muller en Compostela, Lugo e Ourense.

Un bo trato

Tendo en conta as circunstancias da negociación, e o único voto que achegaba o BNG a avaliación do pacto ha ser positiva. Sen dúbida ningunha é un bo trato.

Mais é sabido que as persoas máis semellantes aos españois de dereitas son os españois de esquerdas. O PSOE, nomeadamente, ten unha dinámica moi característica de atender cando precisa dun e esquecer os seus compromisos cando xa non lle cómpre. Os compromisos adquiridos precisarán da súa execución, actualización e seguemento, nomeadamente na negociación da lei de Orzamentos de 2020 e posteriores. Para isto precísase dun BNG inequivocamente na oposición construtiva, representando intereses nacionais e interclasistas e alleo á dinámica dunha coalición progresista de goberno que constitúe, simplemente, un mal menor. Moito menor, si. Mais, de todos os xeitos, un mal menor.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail