A pendemia sacou á luz as debilidades históricas do capitalismo español, agravadas pola constante aplicacións das polícias de austeridad dos últimos anos e aplaudidas polas élites español.
De súpeto, coma quen di, volvemos estar inmersos nunha crise económica de incerta duración e preocupantes, aínda que imprevisíbeis, consecuencias. Certo é que, ao igual que acontecera alá polo 2008, a crise económica ligada á aparición da Covid-19 non é un fenómeno exclusivo das nosas latitudes. Porén, de novo igual que hai unha década, a crise económica semella manifestarse no Estado español con singular virulencia e intensidade se o comparamos co acontecido nos países da nosa contorna. Lonxe de ser cousa do azar, a irrupción da pandemia non fixo máis que sacar á luz, unha vez máis, as debilidades históricas do capitalismo español, desta vez agravadas pola inclemente aplicación das políticas de austeridade ao longo da última década, deseñadas polas institucións europeas, mais recibidas con entusiasmo polas elites españolas.
Nestes anos semellaba que a gran crise era xa cousa do pasado. As oportunidades de emprego volvían medrar, malia seren sistematicamente de baixa calidade e peor remuneración; as grandes magnitudes económicas, dende o PIB ás cotizacións da bolsa de valores, mantiñan unha senda ascendente que prometía estenderse nos vindeiros anos; e, pouco a pouco, ía callando no imaxinario colectivo que os anos marcados polo espallamento sen fin do desemprego, dos desafiuzamentos e do empobrecemento masivo eran xa cousa de tempos pasados. Porén, do mesmo xeito que as expansións capitalistas teñen ben pouco de milagreiras, por moito que por estes lares sexa costume cualificalas de tal xeito, as posteriores caídas non teñen tampouco nada de sobrenatural. Ben ao contrario, as carencias e debilidades subxacentes, que as épocas de crecemento tenden a agochar, irrompen na escena social con inusitada forza unha vez que a capacidade de seguir medrando se ve interrompida. Como sinala o xeógrafo británico David Harvey, toda crise económica atopa a súa explicación máis inmediata na particular senda de crecemento que a precedeu.
As febles bases da recuperación
Pasado o ano 2014, a economía española semellaba atoparse ben asentada nunha nova senda expansiva. Como corolario, repetíasenos que as duras medidas de axuste aplicadas polo Goberno liderado por Mariano Rajoy deran finalmente os seus froitos, a pesares da desconfianza manifestada polos principais axentes sociais, e das súas tremebundas consecuencias sociais, encarnadas na proliferación de xente sen traballo e de casas sen xente. Certamente, os sucesivos programas de axuste conseguiron o seu obxectivo a curto prazo, isto é, a recuperación dos beneficios empresariais a costa das condicións laborais da clase traballadora, e a volta do crecemento económico a costa de afondar, aínda máis, nas tradicionais debilidades do capitalismo español.
En primeiro lugar, o capitalismo español acentuou a súa especialización produtiva na provisión de servizos de baixo prezo e calidade, principalmente vencellados a unha actividade turística que nas últimas décadas xa asolagara as diversas costas de formigón e cemento. Os baixos prezos hostaleiros, xunto cunhas políticas públicas interesadas en incrementar a cantidade das visitas estranxeiras antes que a calidade das mesmas, deu lugar a un espectacular crecemento das cifras de turistas chegados ao estado español: dos 50 millóns alá polo 2008 pasouse, no prazo dunha década, a máis de 80. Malia que, no curto prazo, o pulo da actividade turística foi quen de compensar a fraqueza do seu tecido produtivo, especialmente no relativo á produción industrial, era cuestión de tempo que as consecuencias do monocultivo turístico se fixeran sentir con forza. En segundo lugar, o mercado laboral español sufriu un novo programa de ataque aos dereitos dos traballadores da man das sucesivas reformas laborais de 2010 e 2012, respectivamente. En consecuencia, a negociación colectiva ten cada vez menos marxe de acción, mentres que a precariedade laboral comezou a se estender por todo o corpo social sen distinción de idade ou sexo. O abaratamento do despido, a proliferación de novas figuras de contratación temporal, e o estancamento salarial que lle veu aparellado, favoreceron a progresiva recuperación dos niveis de emprego. Sen embargo, son precisamente estes incentivos á contratación de novos traballadores os que favorecerán que, chegado o tempo de vacas fracas, estes mesmos traballadores se vexan expelidos dos seus postos con rumbo cara ás oficinas de emprego.
En definitiva, as duras medidas de axuste levadas a cabo no Estado español durante a década que seguiu á Gran Recesión non deron lugar á aparición dun novo modelo produtivo, ben cara a un máis diversificado e competitivo internacionalmente, ou ben cara a un modelo máis xusto e solidario. Máis ben, o que aconteceu foi o contrario. Por unha banda, afondouse no carácter periférico do capitalismo español, manifestado no seu baixo nivel de desenvolvemento produtivo en comparación cos países do centro de Europa, así como na súa especialización en sectores, coma aqueles singularmente vencellados á actividade turística, caracterizados pola súa elevada temporalidade, baixas remuneracións, e unha limitada capacidade para ofertar algo máis alá que baixos prezos. Por outra banda, levouse a cabo un ataque continuado a aquelas institucións máis directamente implicadas no mantemento e na sustentabilidade da vida, tanto nun senso social coma nun estritamente biolóxico: no ámbito sanitario, ás numerosas privatizacións de hospitais e demais institucións sanitarias de propiedade pública é preciso engadirlle unha carencia continuada de novos investimentos, mentres que, no ámbito dos coidados de longa duración, non soamente se abandonaron ata hai nada os compromisos públicos co acordado na Lei de Dependencia de 2006, senón que tamén se incentivou a entrada masiva de fondos internacionais no sector das residencias de maiores, institucións dedicadas en exclusiva á maximización dos seus lucros nun eido no cal o coidado e protección da vida deberían ter prioridade absoluta.
A chegada da Pandemia
A irrupción da pandemia puxo fin abruptamente á senda de crecemento anterior. Malia que todos os países, en maior ou menor medida, se viron forzados tanto a introducir algún tipo de restrición á mobilidade persoal (e, por extensión, á continuación da actividade económica), así como a levar a cabo medidas de gasto extraordinarias, as súas consecuencias no estado español víronse agrandadas por mor das idiosincrasias propias do seu modelo de crecemento. En primeiro lugar, a súa desorbitada dependencia da actividade turística amosouse singularmente fatídica nun contexto marcado tanto pola restricións internacionais de movementos como pola caída xeral das rendas derivadas da actividade económica. En segundo lugar, o excesivo peso dos contratos temporais no mercado laboral español, malia teren favorecido a recuperación dos niveis agregados de emprego nos anos previos, concédelle ás empresas a posibilidade de axustar o volume das súas respectivas forzas de traballo ás novas condicións sen ter que incorrer en custos extraordinarios. É suficiente con non firmar un novo contrato. A precarización das relacións laborais nos últimos anos serviu para incrementar un pouco máis o carácter procíclico do mercado laboral español, isto é, cando as cousas van ben contrátase moito coa expectativa de que, unha vez comecen a vir mal dadas, se poida despedir sen practicamente custo algún.
En terceiro lugar, a íntima relación existente entre as políticas de austeridade, por unha banda, e a protección da vida, por outra, maniféstase agora de xeito particularmente cruel. Temos un sector sanitario con carencias dos recursos tecnolóxicos, monetarios e, sobor de todo, humanos, necesarios para facer fronte a unha emerxencia sanitaria destas proporcións. Por outra banda, o infame trato recibido polo sistema público de coidados, carente tanto de financiación coma de capacidade de cobertura, e en gran medida en mans de fondos internacionais pouco preocupados pola vida dos seus clientes, resultaron nunha traxedia humana que non será sinxelo esquecer. A maiores, estes problemas víronse acrecentados, aínda máis, pola feble base industrial da economía española, incapaz de producir os instrumentos e equipamentos precisos, véndose así na obriga de acudir a uns mercados internacionais próximos ao colapso interno. Finalmente, a capacidade de incorrer en novas roldas de endebedamento por parte do Estado central aparece agora severamente recortada, véndose pois forzado (en ausencia dunha acción concertada polo resto de países europeos a tal efecto) a someter as posibilidade de recuperación da súa economía ao inclemente beneplácito do capital financeiro internacional. En resumo, son precisamente a fraxilidade produtiva da economía, por unha banda, e a debilidade das súas institucións de protección social, pola outra, o que explica tanto a singular virulencia da presente recesión coma as incertas vías de recuperación que se abren ante nós.
E agora, que?
A marxe de acción da que dispoña o Estado español nos vindeiros meses para introducir cambios significativos na súa economía vai depender en gran medida das decisións que se adopten a escala europea. No caso de acordar finalmente algunha modalidade de mutualización da débeda pública por parte dos diferentes países europeos (por exemplo, mediante a emisión de bonos comunitarios), o Estado español veríase con capacidade de incorrer en roldas de endebedamento moi superiores ás que lle correspondería no caso de verse na obriga de acudir en solitario aos mercados internacionais de débeda pública. O máis probable é que se materialice un escenario intermedio, isto é, a creación dalgunha forma de financiamento común cuxo reparto veña ligado á imposición de condicións, máis ou menos estritas, aos países receptores.
A curto prazo, tórnase preciso continuar coas medidas de contención do desastre económico e social como as liñas de crédito especial ás empresas ou os ERTEs, aínda que a súa perpetuación máis alá do verán resulta unha quimera, debido tanto á intensidade da caída da actividade económica como á difícil situación financeira que atravesa o Estado español. Por iso mesmo, é imprescindible comezar a sentar as bases dun novo marco de convivencia e desenvolvemento social. Ao meu ver, o programa de reconstrución terá que incorporar as seguintes cuestións. En primeiro lugar, é preciso reverter o espolio fiscal levado a cabo polas elites españolas nas últimas décadas, o que implicaría elevar a progresividade do imposto sobre a renda, loitar contra a fraude xeneralizada no relativo ao imposto de sociedades, así como volver a introducir o imposto de patrimonio. En segundo lugar, cómpre afondar na diversidade interna da estrutura produtiva española, limitando a súa tradicional dependencia dos sectores do turismo e da construción, en prol dunha nova axenda industrial enfocada á produción de insumos básicos para a protección e coidado da vida. De xeito intimamente relacionado, tórnase necesario democratizar o acceso a bens básicos para o mantemento da vida coma a enerxía, a auga, ou a vivenda, actualmente dominados por oligopolios onde se atopa, lucra e protexe unha parte substancial do bloque de poder español. En terceiro lugar, cómpre reverter os sucesivos ataques aos dereitos dos traballadores levados a cabo nos últimos anos, de cara non só a mellorar as condicións de vida de todos aqueles aos que non lles queda outra que vender o seu tempo, senón tamén para atenuar a tradución das crises económicas en termos de desemprego e, por extensión, en maior dureza da crise. Finalmente, resulta máis necesario ca nunca establecer un sistema público de coidados con cobertura universal, que desligue o goce dunha vida digna dos recursos, tanto económicos coma afectivos, dos que cada quen dispoña, ao mesmo tempo que lles permita ás mulleres levar a cabo proxectos de vida autónomos sen estar subordinadas a unhas responsabilidades de coidados que as reaccionarias construcións sociais dos xéneros lles seguen a asignar.
Un programa que tivera estes obxectivos ben seguro que daría lugar a unha virulenta reacción por parte dos poderes establecidos. A día de hoxe, a defensa dunha vida digna de ser vivida, así como das condicións e requisitos materiais que a fan posible, choca de pleno coas ambicións dunhas elites acostumadas a depender dos resortes estatais para defender os seus privilexios, e cuxa fonte de poder radica precisamente nese dominio case que absoluto dos sectores económicos mais directamente na reprodución social da vida. Ou ben as nosas vidas, o ben os seus dividendos. Esa é a cuestión.