Exrei nun reino de noxo

Lin un artigo no The New York Times que me revolveu as entrañas. No reino medieval onde foi refuxiarse o delincuente exrei deste país, xa sabemos que as mulleres, os gais, trans e mais xente queer teñen os mesmos dereitos ca os ratos de laboratorio. Mais o que non sabía eu é que, nesa terra, as mulleres migrantes que quedan preñadas sen estaren casadas non poden parir nun hospital do reino. Tampouco poden traballar. Esas mulleres migrantes e solteiras teñen que parir na rúa ou na casa, se é que aínda teñen un teito. A maioría delas veñen de Kenia, outro país no que o patriarcado é lei. Así mesmo, as mulleres solteiras e embarazadas que son cidadás de Kenia tampouco teñen dereitos. Di o NYT que moitas delas queren ser deportadas, mais so poderán facelo soas, porque os seus fillos non teñen documentos. O goberno de Arabia Saudita non proporciona papeis, como un certificado de nacemento aos nenos destas mulleres. Non poden rexistrar os rapaces. É coma se non existisen, porque Arabia Saudita non recoñece a cidadanía de nacemento. Para nacer saudita tes que ter sangue de Almanzor. O fascismo é así.

Na embaixada de Kenia nese reino medieval culpan as mulleres de quedaren embarazadas en vez de traballar e, como o embarazo fóra do matrimonio é un tabú, non lles dan a posibilidade de regresar ao seu país. Mentres, os nenos crecen e crecen sen educación, sen pediatras, sen dereitos…

Segundo o NYT moitas de esas mulleres e os seus rapaces xúntanse na beira dunha gasolineira na capital, Riyadh, onde un home que traballa alí deixa que carguen o teléfono sen cobrarlles nada e onde os camioneiros lles dan comida. Os nenos medran nunha illa entre a autopista e a estación de servizo. Para os traficantes de menores e pedófilos do mundo, este reino ten que ser un soño feito realidade.

Teño ardor de estómago pensando que estes rapaces viven nas rúas do mesmo país onde o Juan Carlos goza dunha vida de Pachá. Estas mulleres foron alí para traballar de limpadoras, de babysitters... Algunhas foron violadas e outras quedaron embarazadas dalgún desgraciado a sabendas de que unha muller solteira e preñada nese reino é un cero á esquerda. Pregúntome como pode o exrei de España vivir nun país onde isto é a orde do día. Como pode este desvergonzado voar a Galicia con impunidade absolutista para xogar aos barcos con catro monicreques lambecús e logo volver a ese reino noxento? É unha vergoña. Só por vivir nun reino desta catadura moral, o goberno socialista debería prohibirlle a entrada no noso país. O ostracismo, o desterro político, ten que ser de novo un castigo para aqueles aos que a lei dunha monarquía constitucional, descendente dunha ditadura, non ten valor para levalos aos tribunais. Xa que o exrei escolleu vivir nunha terra medieval, tamén debería morrer e ser enterrado nese reino de noxo.

[Imaxe de cabeceira: Juan Carlos en Sanxenxo, nunha imaxe dun documental da TVG]

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail