A Coruña.- A Xunta de Galicia empezou a executar un plan para reducir artificialmente as listas de espera cirúrxicas na sanidade pública extraendo das mesmas aos pacientes que rexeiten ser operados en hospitais situados en áreas sanitarias distintas ás que lles corresponden.
Así o aseguraron a Luzes-Público fontes médicas do Servizo Galego de Saúde (Sergas), que advirten de que os enfermos que acepten a oferta para ser intervidos noutros centros deberán asumir os gastos de transporte seus e dos seus acompañantes, a risco de quedar excluídos das listas e de ver incrementado así, se rexeitan a proposta, o tempo de espera para ser intervidos.
A Xunta non quixo confirmar nin desmentir a información, nin tampouco valorar o feito de que o plan para suprimir a eses pacientes das listas de espera polas que se miden os tempos máximos legais de demora e as garantías fronte ao seu incumprimento estea a aplicarse a poucos meses das eleccións autonómicas. Estas estaban previstas para xullo do 2024 aínda que é probable que se adianten ao próximo mes de marzo.
Segundo puido saber Luzes-Público, o director e a subdirectora de Asistencia Sanitaria do Sergas están a celebrar reunións cos xefes de servizo dos departamentos cirúrxicos de todos os hospitais públicos da comunidade para informalos do novo modelo de «lista de espera única», do que as fontes oficiais do Sergas aseguran que se axusta á legalidade autonómica e estatal.
Galicia conta na actualidade con sete áreas sanitarias ao redor das súas maiores cidades −Vigo, A Coruña, Ourense, Santiago, Lugo, Pontevedra e Ferrol−, con catorce hospitais de referencia adscritos a elas e que cobren outras tantas zonas xeográficas.
46.000 persoas esperando unha intervención
Segundo as últimas listas publicadas polo Sergas, en Galicia hai máis de 46.000 persoas esperando unha intervención cirúrxica. A media de demora son 74,8 días, aínda que en case unha trintena de servizos supéranse xa os tres meses. A eles súmanse outros 215.000 enfermos que esperan unha media de 66 días por unha consulta dun especialista, e outros 91.000 que deben agardar unha media de 91,3 días por unha proba diagnóstica.
A demora media para unha operación son 74,8 días, aunque en moitos hospitais e servizos se superan os tres meses
As anteriores son as listas do que o Sergas cualifica como «pacientes en espera estrutural», definidos á súa vez como aqueles «que nun momento dado están en situación de ser atendidos e a súa espera é atribuible á organización dos recursos dispoñibles».
Fronte a estas están as listas de pacientes en espera non estrutural, definidos como aqueles cuxa intervención se apraza por razóns non atribuíbles ao sistema, como por motivos clínicos, por decisión xustificada do propio enfermo ou, tamén. porque este rexeitou ser derivado a centros privados.
Agora, o Sergas entenderá que un enfermo non está en espera estrutural, e que por tanto a súa demora non está suxeita ás garantías legais desta, cando non acepte ser operado a outras zonas distintas a aquela na que reside.
Gastos de transporte e estancia
Así, un paciente de Lugo ao que se lle ofreza operarse en Vigo deberá elixir entre arriscarse a ver demorada a súa intervención no seu centro de referencia ou asumir pola súa conta os 380 quilómetros de viaxe de ida e volta ao outro hospital −polo traxecto máis curto por estrada son máis de dúas horas de coche e 21,40 euros de peaxe de autoestrada, iso sen contar cos custos de estancia que deban asumir os seus acompañantes−.
No caso dun enfermo de Verín (Ourense) que acepte ser operado en Ferrol serían 520 quilómetros ida e volta, cinco horas e vinte minutos de coche e 32,70 euros de peaxes. Se fose un paciente de Pontevedra intervido na Coruña, serían tres horas, 370 quilómetros e 27,70 euros respectivamente.
O Sergas fai públicas as listas de espera estruturais, pero non as non estruturais. Segundo a oposición, os sindicatos médicos e as asociacións de pacientes e usuarias, iso permite á Administración sanitaria ocultar a situación real da sanidade pública mediante datos falseados á mantenta para simular unha boa xestión.
Luzes-Público preguntou á Xunta por isto extremos, pero o Sergas limitouse a responder que cumpre coa normativa autonómica, á súa vez «aliñada» coa legalidade estatal.