Eufemismos neoliberais

Un eufemismo segundo o dicionario da RAG é unha expresión suavizada dun concepto que, dito de maneira clara e directa, podería molestar a alguén. «Pasar a mellor vida» é un eufemismo por «morrer». Vemos co exemplo da Academia que esa metáfora eufemística que pretende «suavizar» a realidade diríxese a un público particular, a unha comunidade ideolóxica concreta, neste caso o da xente que acredita na vida alén da morte –para min, que son atea, non significa nada–. Escolle, entre as posibles alternativas para ese colectivo ao que se dirixe, a máis positiva, optimista: unha vida mellor non será no inferno, nin sequera no purgatorio. Anuncia que esa persoa que morreu está no ceo. Así que a súa vida humana mereceu o premio do dios. Velaí a función de suavizar, desdramatizar, consolar, conxurar o medo á perda, ordenar o caos… porén, a realidade fáctica é a da morte, a fin. O resto é, ou chega a ser cando se instala, unha realidade mental: un relato.

O sistema capitalista neoliberal no que vivimos fabrica continuamente os seus propios eufemismos de supervivencia. Da súa supervivencia. Axúdanlle a ordenar o caos do que se alimenta, a desdramatizar situacións de crise que provoca a depredación e a conxurar o medo da xente ao futuro previsible. A supervivencia do sistema depende da capacidade que teña para crear un relato que interprete en clave positiva e optimista ou oculte a súa característica principal, que é o saqueo. Un relato que coloca ás persoas críticas fóra da comunidade da xente «normal», que as sinala como esaxeradas, catastrofistas e antisociais, que cuestiona os seus motivos e coñecementos.

O sistema capitalista neoliberal no que vivimos fabrica continuamente os seus propios eufemismos de supervivencia. Da súa supervivencia

En 1987 a ONU publica o Informe Brundtland (Our Common Future) que define un dos eufemismos modernos do sistema: o desenvolvemento sostible. Propón a idea de que é posible satisfacer as necesidades do presente sen comprometer as das futuras xeracións. Cando fala de desenvolvemento, podemos ler crecemento. Cando de necesidades do presente e das xeracións futuras, enténdese que do benestar básico da humanidade toda. Mais como as imos satisfacer se as desigualdades non fan máis que medrar? O informe de 2022 de World Inequality Report mostra que o 10% da poboación ten o 72% da riqueza global. Como non comprometer o futuro se sobrepasamos o punto de non retorno no deterioro planetario? Este ano esgotamos os recursos anuais da Terra no mes de xullo.

O milagre que se nos ofrece é o da multiplicación dos pans e os peixes do Evanxeo, agora en formato laico e global. A fantasía de que a poboación mundial pode acadar un nivel de benestar (consumo) similar ao que naquel tempo de finais dos 80 tiñamos como moito un 10% dos 5.000 millóns de habitantes do planeta (este martes 15 de novembro chegaremos aos 8.000 millóns). Malia as advertencias de que o nivel de consumo daquela reducida minoría era xa de por si imposible de manter, que a alternativa era reducir ou morrer, dende a ONU subscribiron este eufemismo para consolarnos ou calarnos: non vos preocupar, por unha combinación de progreso e compromiso, sen renunciarmos a nada importante, todo se vai resolver. Pasaremos a mellor vida.

O milagre que se nos ofrece é o da multiplicación dos pans e os peixes do Evanxeo, agora en formato laico e global. A fantasía de que a poboación mundial pode acadar un nivel de benestar (consumo) similar ao que naquel tempo de finais dos 80 tiñamos como moito un 10% dos 5.000 millóns de habitantes do planeta

Outra idea que conxura o medo ao futuro é a do cambio climático. Explicábase hai uns días Ayuso: cambio climático houbo sempre, non hai para tanto barullo, xa iremos resolvendo. O negacionismo reinterpretando o eufemismo. Cando adozamos deste xeito a realidade a quen evitamos molestar? E sobre todo, a pregunta clave ante a dúbida, quid prodest? Damos a oportunidade ao populismo de ultradereita de facer esa interpretación na defensa do sistema neoliberal de depredación. Se cadra non estamos a usar a terminoloxía adecuada para etiquetar o que está a pasar: un quecemento global antropoxénico que está a destruír rapidamente os recursos e o entorno natural que precisamos para sobrevivir como especie. O «ándeme yo caliente y ríase la gente» gongorino non aplica aquí e agora.

Pasar a mellor vida no canto de morrer, desenvolvemento sostible no canto de depredación e desigualdade, cambio climático no canto de destrución do medio ambiente. Podemos abrazar os eufemismos, aferrarnos a eles e confiar en que un ser superior nos vai vir salvar. Ou podemos aceptar a crúa realidade: non chove, están mexando por nós. Algo temos que facer.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail