As listas de espera en Galicia: máis de catro meses para ver ao anestesista e 490 días para unha endoscopia

A Coruña.- As listas de espera na sanidade pública de Galicia para obter unha consulta cun médico especialista, someterse a unha proba diagnóstica ou a unha intervención cirúrxica volveron incrementarse no primeiro semestre deste ano sobre as que había antes da epidemia de covid de 2020, segundo os datos publicados polo Servizo Galego de Saúde (Sergas) da Xunta.

En total, as listas de espera rexistradas o 30 de xuño superaban as 357.000 persoas. Tomando a poboación da comunidade –2,7 millóns de habitantes segundo os últimos datos do Instituto Galego de Estatística– iso supón unha ratio do 13,2%. En decembro de 2019 –os últimos datos antes da emerxencia sanitaria de hai cinco anos– os rexistros de pacientes en espera non chegaban a 313.000, é dicir, unha ratio por baixo do 11,2%.

Nalgúns casos e en determinadas áreas sanitarias as demoras xa superan os doce meses, como sucede en Lugo-A Mariña-Monforte cos estudos cardiolóxicos –379,4 días–; ou cos máis de 490 días –é dicir, máis dun ano e catro meses–  que se atrasa de media a realización dunha endoscopia otorrinolaringolóxica na área sanitaria de Vigo, a máis poboada da comunidade. En Lugo, ver un anestesista supón máis de catro meses de espera, mentres que en Vigo son máis de tres para unha cita de psiquiatría, e en Ourense, máis de cen días para unha consulta de oftalmoloxía.

Segundo os datos do Sergas, a espera media para unha intervención cirúrxica no total de Galicia son 70,1 días, é dicir, case catro días máis que os 67,1 de decembro de 2024 e os 53,9 días da mesma data de 2019, antes do covid. Se entón había 35.720 persoas agardando por unha operación, e cinco anos despois eran 45.839, agora –polo pasado xuño– suman 46.812.

Consultas externas

No caso das consultas externas, a demora baixou 3,5 días no último semestre –de 60,8 a 57,3 xornadas–, e pasouse de 196.267 pacientes en espera en decembro de 2024 a 193.336 en xuño de 2025. En decembro de 2019 eran 166.827 persoas e 41,5 días de espera media.

Para as probas diagnósticas, as listas tamén creceron no primeiros seis meses de 2025 ata superar os 117.000 enfermos. Eran pouco máis de 113.00 en decembro de 2024 e menos de 111.000 en decembro de 2019.

Para esas probas e estudos de diagnóstico, as súas listas son as que máis atrasos rexistran. Ademais dos dous casos xa citados, supéranse os seis meses de demora en exames como un potencial respiratorio (331,2) ou unha ventriculografía (304 días) na área sanitaria de Lugo; un estudo de sono en Pontevedra (338,7 días de media); un estudo de otorrinolaringoloxía en Santiago (258,9); unha ecocardiografía en Ferrol (183,6) ou un estudo alergolóxico na Coruña (182,2 días).

Con respecto ás consultas externas, a maior espera son os 146,4 días para unha cita co anestesista en Lugo, seguida dos 121,1 para un neurólogo en Pontevedra e os máis de 103 días para un oftalmólogo en Ourense. En Vigo, a consulta dun psiquiatra supón agardar máis de tres meses (93,2 días), mentres que en Santiago e Ferrol son máis de dous para ver un neurólogo, o mesmo que na Coruña para un urólogo.

Intervencións cirúrxicas

En canto ás intervencións cirúrxicas, supéranse os 136 días en otorrinolaringoloxía en Santiago, e son case cen para unha cirurxía pediátrica en Ourense e máis de 98 para unha de traumatoloxía na Coruña.

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, valorou positivamente este luns os datos das listas de espera en Galicia e defendeu a estratexia do Sergas cos mesmos argumentos que empregara o pasado venres o seu conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, quen explicou que a Xunta o estaba «facendo ben» porque lograra «conservar» os tempos de espera mentres aumentaba «a actividade» clínica e hospitalaria con respecto a exercicios anteriores.

O pasado sábado, o día despois de que a Xunta publicara os seus últimos datos sobre as listas de espera do Sergas, a plataforma SOS Sanidade Pública, que aglutina a contestación social na comunidade contra os recortes no sistema sanitario público, celebrou actos de protesta en varias localidades galegas para protestar contra a súa privatización e depauperación.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail