A Coruña.- A oposición galega anunciou que levará ante a comisión do Parlamento autonómico que investiga os contratos da Xunta a empresas vinculadas á contorna de Alberto Núñez Feijóo as adxudicacións feitas ao irmán da man dereita do actual presidente, Alfonso Rueda.
Segundo publicou este luns eldiario, Joaquín Cuíña, irmán de Beatriz Cuíña, secretaria xeral da Presidencia de Rueda e quen leva ocupando postos de responsabilidade na Administración autonómica desde que Feijóo gañou a súa primeira maioría absoluta en 2009, levou máis de 780.000 euros nos últimos sete anos mediante 272 asignacións a dedo.
Trátase de contratos menores que se tramitaron sen concurso e corresponden á mediación no rexistro de marcas comerciais dunha vintena de organismos da Xunta, como a Axencia de Turismo de Galicia, a entidade Portos de Galicia e o Instituto Galego de Vivenda e Solo.
«[Rueda] ten que dar explicacións ante un caso gravísimo que o salpica directamente […] utilízanse recursos públicos dunha forma absolutamente espuria para beneficiar a empresas vinculadas a altos cargos do Partido Popular», dixo onte a líder da oposición, Ana Pontón, portavoz nacional do Bloque Nacionalista Galego (BNG).
«Mirar para outro lado»
Nunha nota de prensa enviada por ese partido, Pontón tamén reclama ao presidente da Xunta que aclare se vai cesar a Beatriz Cuíña «ou vai tentar tapar [o caso] e mirar cara a outro lado». Considerou que se trata dun motivo máis para que Rueda compareza na comisión de investigación do Parlamento de Galicia que estuda as contratacións irregulares da Xunta.
O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, anunciou que pedirá a comparecencia nela de Beatriz Cuíña, e que en función da evolución dos traballos da comisión non descarta pedir máis testemuños de responsables da Xunta, indicou o partido noutro comunicado. «Non se trata de calquera cargo, é unha persoa da máxima confianza» do presidente, advertiu o portavoz socialista.
Empresas vinculadas á contorna de Feijóo
O mes pasado, o BNG anunciou a creación da comisión, coa oposición do PP, para investigar as contratacións irregulares da Xunta que, tal e como veu publicando Luzes-Público, beneficiaron con asignacións millonarias a empresas vinculadas á contorna de Feijóo desde que este accedeu á Xunta hai 15 anos.
Entre elas figuran os máis de 54 millóns adxudicados a Eulen, cuxa directora para Galicia e o noroeste de España é a súa irmá, Micaela Núñez Feijóo. Inclúense aí dous contratos por preto de 4 millóns tramitados pola prima de ambos, Eloína Núñez Masid, desde a xerencia dos hospitais púbicos de Santiago.
Tamén os preto de 20 que levou Universal Support, a empresa coruñesa de telemárketing cuxo director comercial é o cuñado do líder do PP, Ignacio Cárdenas.