O pasado escravista da Coruña

Escrituras notariais, censos municipais e partidas sacramentais das parroquias confirman a presenza de veciños de raza negra traballando como escravos na cidade da Coruña dende antes da febre escravista do XIX, da que xa existen numerosas investigacións. Estes primeiros servos chegaran cos seus propietarios, que eran altos funcionarios retornados á metrópole unha vez rematadas as súas encomendas na Administración de Ultramar. Dende 1764, cando a vila coruñesa pasa a ser a base dos Reais Correos Marítimos –o servizo estatal da correspondencia con Indias, que tamén admitía pasaxe e mercadorías– os escravos domésticos foron aparecendo da man dos capitáns dos navíos do intercambio postal coas entón colonias americanas.

Cando, en 1778, A Coruña se converte nun dos trece portos privilexiados para o libre comercio con América, a pulsión escravista tamén será detectable entre os comerciantes asentados na praza, para os que seren propietarios dun negro ou dunha negra era a xoia que coroaba a coroa do seu ascenso social. A documentación custodiada nos arquivos locais –medio centenar de casos, entre 1735 e 1812– permite escolmar un feixe de documentos cos que reconstruír compras, alugueiros e vendas da poboación negra escravizada, tamén detalles sobre a súa liberdade.

Cédula de Carlos III para a creación do actual Consulado da Coruña

As pegadas no bautismo
As historias son moitas. En xullo de 1735, o párroco de Santiago (a Cidade Vella era, entón, a zona na que asentaba a elite coruñesa) bautizou a Joseph Francisco Ignacio Antonio Joachin de San Benito. O padriño deste rapaz foi Joseph Ygnacio Romay, rexedor municipal, quen, dez anos máis tarde, fará bautizar «despues de averle catequizado, a un negro adulto que se hallaba a su servicio», co nome de Joseph Antonio.

De agosto de 1769 é a partida bautismal de Yrene Antonia, na que o párroco de Santiago acredita ter bautizado «con agua llamada de Socorro a una niña, de nacion negra y esclava de doña María Cejudo y Aldana, viuda de don Marcos de Bergara, coronel de los Reales Exercitos y governador de Puerto Rico».

O documento notarial da venda da escrava María, por moito que sexa unha escritura da máxima formalidade legal, deita unha certa dúbida de se non sería un amaño para desfacerse dunha muller que, casualidade, tivo un fillo «mulato». Juan Bautista Larragoiti, armador de buques, era o dono desta muller negra, María, adquirida en Montevideo, «que la retubo en su compañía en esta ciudad, sin que hubiese cometido crimen ni delito que la hiciese acreedora a pena corporal». Explica a escritura notarial que «deseando enagenarla, la dirigio a disposicion de don Matias Medán, del comercio de La Havana y según abiso que ahora tiene del indicado Medàn, le dice allarse en la necesidad de casar a la dicha negra, que ya tiene una cria que pariò en la mar, que es un mulatico a quien se le puso por nombre Pedro». Así as circunstancias, María quedou vendida a Matias Medán. A escritura remata sinalando que a venda consistiu en 300 pesos fuertes, é dicir, 6.000 reais.

As idas e voltas de Manuel
En setembro de 1813 comparecen o tal Juan Bautista Larragoiti, como garante testamentario, e Josefa de Uriarte, como viúva de Antonio Larragoiti, para escriturar a venda de Manuel, un escravo negro que comprara en Montevideo o defunto Antonio. En vida do seu amo, Manuel residiu na vivenda familiar, pero Juan Bautista, o vendedor da preñada escrava María, e Josefa de Uriarte decidiran tirarlle lucro á propiedade herdada e colocaran a Manuel como mozo do bergantín El Palomo, que navegaba a Puerto Cabello (hoxe, Venezuela). Aló mandaran a Manuel, «con el goze de cinco pesos (100 reais) mensuales, que deben venir a la caja de la testamentaria, deduzidos los gastos de bestir y mas precisos, por ser dicho negro propio de la misma testamentaria».

Mirando polos intereses dos catro fillos do defunto Antonio Larragoiti, o irmán e a viúva venden a Manuel a don Pedro de Vera co pago de 8.000 reais. Aos dous días desta compra, o armador Pedro de Vera outorga plenos poderes a Josef de Garay, capitán da fragata Fortuna, para a venda deste home no prezo «conveniente». O 14 de novembro de 1790 Manuel, despois de pasar por tantas mans, é finalmente vendido a don Josef Antonio Beguedano.

A posible salvación de Francisco

Pedro del Barco é un nome con peso profesional de seu: foi o capitán da María Pita, a nave que levou ata América o equipo médico da Real Expedición Filantrópica da Vacina, aquela que foi a primeira campaña transcontinental de sanidade na historia da Medicina. Entre a tripulación do navío foi Francisco, un dos dous escravos negros de Pedro del Barco. Ía de segundo cociñeiro e o seu salario era de 160 reais mensuais, retribución que, tratándoo como un ben moble, pararía nas arcas do propietario do «obxecto», neste caso, da persoa arrendadora. O tal Francisco recibira a súa Confirmación no catolicismo en 1774, na igrexa parroquial de Santiago, de mans do arcebispo de Compostela, na mesma cerimonia na que tamén foron confirmados os propios fillos de Pedro del Barco, o que remarca a vida conxunta e a normalización dos escravos no cotiá daquelas grandes familias.

Da mesma idade ca o escravo Francisco era o segundo escravo de Pedro del Barco, Joseph Laureano, que fora mercado, con 30 anos, en 1789, por Francisco Antonio Avello, capitán dos Reais Correos Marítimos, en Montevideo, por 6.000 reais. En febreiro de 1793, despois de catro anos, «en que le hà servido bien y humildemente», o capitán Avello «dà en venta real perpetua, a Pedro del Barco, que compra para si mismo, su muger y los suios, el mulato esclavo Joseph Laureano, en la cantidad de 2.600 reales».

A escritura notarial introduce unha matización «humanitaria» da que ata se podería deducir que os posibles ingresos salariais de Joseph Laureano irían ao seu propio peto ou a unha carta de aforros que lle custodiase o dono, con vistas a ir facendo caixa para poder comprar a súa propia liberdade. No documento faise constar que a mingua de 3.400 reais entre a compra orixinal e a venda a Pedro del Barco «es a favor del motivado esclavo, atendiendo a los buenos servicios que el vendedor hà recibido del referido esclavo».

Cartas de liberdade
Da mesma maneira que había xente de moitos caudais que, entre as súas derradeiras vontades, non deixaba nada para obras pías –fóra dunha boa presa de misas polo eterno descanso da súa alma–, tamén había homes e mulleres que, nos seus testamentos, deixaban importantes fortunas para soster mosteiros, construír hospitais ou crear fundacións que achegan fondos a mozas sen recursos para poder entrar no mercado matrimonial coas súas propias dotes.

Neste eido das derradeiras vontades humanitarias entra un punto que Joseph Vitorio de Lago incorporou ao seu testamento de 1806: «À su esclavo negro llamado Antonio le dejava por dicho testamento 200 reales; tamén era su voluntad que se costease enseñarle oficio, mantenerlo asta aprenderlo y lo nezesario para su uso, todo lo que rreboca mediante ya esta aprendiendo el de sastre, pero deja en su fuerza la livertad absoluta que le tiene concedido por el citado testamento».

Nas cartas de liberdade de escravos e escravas adoita aparecer patente que estas manumisións son recompensas en agradecemento polos leais servizos prestados. É o caso de José Joaquin Ynclán y Araujo, conselleiro da Súa Maxestade, que fora xuíz decano da Real Audiencia de Santa Fe, hoxe Bogotá, capital do vicerreinado de Nueva Granada. En 5 de xuño de 1803, o prócer acude á escribanía de Rafael Nogueira para outorgar carta de liberdade a unha «mulata», Ana Maria Basurto, que forma parte da súa compañía. Segundo a documentación rexistrada no protocolo notarial a rapaza fora mercada no que hoxe é Colombia. O exdecano dos xuíces do máis alto tribunal de Nueva Granada liberou, pois, a Ana María Basurto en recompensa do que tilda de «amor» dos últimos trece anos, dado, «con toda fidelidade e sumisión». Explica o xuíz xubilado que, se ben ela podía ter reclamado quedar e ser vendida en Santa Fe, acompañou á súa familia ata a Coruña. Así os feitos, Jose Joaquin Ynclan executa a promesa que lle tiña feita a Ana María: a súa liberación.

Aquelas persoas escravas domésticas foron aparecendo da man dos capitáns dos navíos do intercambio postal coas entón colonias americanas

A tradición dos claríns negros

Na acta do pleno municipal do 9 de xaneiro de 1804 está escrito que se nomea clarinero municipal a Benito Palermo de Quirós, que quedou por riba dun veciño Elviña que tamén aplicara ao mesmo posto de traballo no Concello. O Arquivo Municipal da Coruña amosa como este «Benito», era de orixe escrava: «Benito de Palermo, negro de nación, natural de Guinea, con la mayor veneración y respecto debido, expone a V.S.S. [vuesas señorías] que, haviendo venido a España desde el Guarico frances, bajo la esclavitud de don Fernando Quirós, capitan de navio de la Real Armada, quien, en vista de los buenos servicios y arreglada conducta, le ha dado por libre. Mediante la plaza de clarinero de esta ciudad se halla vacante por muerte de Juan Rial, que la servia rendidamente, suplica a V.S.S. se sirvan admitirlo al goce y exercicio de dicha plaza, que desempeñarà con la mayor exactitud».

Adxúntase, ademais, a famosa carta de liberdade, a que lle permite a Benito solicitar este posto: «Don Fernando Bernaldo de Quirós y Miranda, capitan de navio de la Real Armada, doi libertad a mi negro Benito de Palermo y le entrego la escritura de compra (…) para que con estos documentos pueda hacer constar en cualquier parte que es libre», en enero de 1795.

Daquela, o salario do home do clarín era de 1.460 reais anuais –doce pagas de 121 reais– cunha asignación anual de 120 reais para vestiario. Era un posto relevante, xa que o pregoeiro municipal cobraba só 66 reais en cada paga; a reitora de expósitos do Hospital da Caridade, por engadir outro exemplo, cobraba só 50 reais e unha libra de pan.

Benito de Palermo Quirós morre aos sete meses de ter accedido ao posto de clarín municipal e, no seu lugar, o concello nomeou, o 3 de agosto de 1804, a Bernardo Vaamonde, veciño de Santiago. A acta municipal de 8 de xullo de 1804 acredita o que debeu ser o derradeiro servizo público do clarín Benito. Ese día entraba na cidade Francisco de Taranco, o novo capitán xeral do Reino de Galicia, cuxa recepción, dan testemuño as crónicas, foi preto da antiga ponte de Monelos, ao redor das cinco da tarde, benvido por unha comitiva co clarín a cabalo, o noso Benito.

Aquí, desglose dos comerciantes negreiros da Coruña, de L.Alonso. Abaixo, sinatura de Pedro del Barco, comerciante e navieiro, e a edificación actual sobre o solar da súa casa na rúa Real coruñesa.


A elección de negros libertos para o posto de clarín municipal era unha práctica habitual da Corporación local, xa de antes da incorporación de Benito Palermo. Se estas contratacións falan da súa integración na vida cidadá, non menos esclarecedoras son as actas matrimoniais entre negros libertos e veciñas coruñesas.

O antecesor de Benito Palermo, o que tamén fora escravo, Juan Rial, procedía da colonia de Sacramento (hoxe, Estados Unidos) e foi liberado polo seu dono, Lorenzo Rial, veciño de Santiago. Na altura de 1800 e vivindo na Coruña, o viúvo Juan Rial contraerá segundas nupcias cunha coruñesa, Juana de Castro.

Máis atrás no tempo, na acta municipal de 11 de xullo de 1765, consta que, despois da morte de Jose Manuel Lisboa, «negro clarinero de esta ciudad», admitiuse a Manuel Pereira, tamén un liberto. «Y que habiendose muerto su antecesor tisico, se inutilizo su librea y clarin, por lo que se acordò seguir una representacion al Real Consejo Supremo de Castilla, a fin de disponer del caudal para vestirle como corresponde a los criados de la ciudad, uniformado con su librea y comprarle un nuevo clarín».

Segundo unha partida matrimonial da coruñesa parroquia de Santiago, Manuel Pereira, na tramitación da súa voda con Andrea González, coruñesa viúva, tivera que acreditar ser negro liberto, diante do xuíz para que esta voda fora permitida polo bispado de Compostela.

A prohibición da escravitude en Inglaterra en 1808 relanzou o tráfico desde o porto coruñés. Entre 1816 e 1820 e, malia os intentos do Trienio Liberal en rematar coa trata escrava, desde A Coruña saíron 25 expedicións negreiras, que levaron a Cuba 6.854 persoas (estímese en 110.000 as que se transportaron desde España neses anos). O máis activo comerciante (foron del a metade das expedicións) foi Juan Francisco Barrié D’Abadie (bisavó de Pedro Barrié, conde de Fenosa). Outros nomes son Bartolomé de las Casas, José Blanco, Marcial Francisco del Adalid (avó do músico do mesmo nome e apelido), José Arias, Francisco Romeu, José Mens, Manuel Sierra, Jaime Dalmau, González del Valle, Antonio Santiago de Llano, Martín de Torres Moreno; moitos presentes no rueiro da Coruña. Con posterioridade, o meirande emprendedor do ramo sería Juan Menéndez Fuertes, levando escravos a Cuba e traendo azúcar. Herdaría o seu negocio (e casaría coa súa viúva, Modesta Goicuría) outro prócer, Eusebio da Guarda, que tamén fixo transportes a grandes traficantes como Antonio López, Marqués de Comillas. Mais cabe lembrar, como apunta Rafael Lema, que naquela época na cuestión da trata non existían case diferenzas entre os absolutistas e os constitucionalistas, era un negocio normalizado dentro daquela vida comercial.

Un «pioneiro» na trata: o caso do comerciante Jerónimo Hijosa

A vida de Jerónimo Hijosa representa como un benfeitor social tamén podía formar parte dun comercio de escravos que, naquelas alturas do XVIII e XIX, aínda era considerado como unha parte máis da vida comercial. Hijosa (Medina de Rioseco, Valladolid, 1723-A Coruña, 1803) naceu nunha familia de «hijosdalgos notorios». Chegou á Coruña en 1751, tras os pasos do seu irmán Francisco; sete anos despois, casa con Josefa Rodríguez del Castillo, viúva dun coruñés de moitos posibles, coa que terá tres filas e un fillo. Polo precipitado da súa morte, Hijosa non recibiu sacramento ningún nin deixou testamento escrito.

A importación de cereal foi a súa primeira actividade comercial e acabou sendo o principal abastecedor de fariña para os fornos locais. Informacións recollidas na época din que, en anos de malas colleitas, fixo un esforzo por conter os prezos nas importacións de gran. Jerónimo Hijosa apuntalará o control do negocio do pan con dous muíños de vento −nunha concesión de terreo municipal, en Santo Amaro− con materiais importados de Francia, e mais coa adquisición dun forno en Santo Tomás.
O servizo ao público foi un eido que cultivou con acerto: gañou contratas para abastecer de carne á cidade e para subministrar os materiais cos que artillar e fortificar os portos galegos.

A promoción da captura, secado e salgado de abadexo, pescada, congro, raia e sardiña convérteno, dende 1768, nun adiantado da industria conserveira galega. En Santa Uxía de Ribeira montou unha factoría experimental en 1774, que foi seguida nese ano por unha fábrica en Porto do Son e unha terceira en Bueu. Para poñer en marcha estes enxeños de salgadura, trouxo xente que coñecía o método de salgadura de Terranova. O seu obxectivo era erguer unha alternativa de peixes secos e salgados fronte ao bacallau, que daba bo diñeiro a Inglaterra, e a salgadura industrial da sardiña.

Vista do porto e da ensenada da Coruña contra finais do século XVIII.

Este home foi o primeiro entre os seus pares: Comisario Honorario de Guerra, prebenda real polos servizos á Coroa; Prior do Real Consulado, institución para fomentar a agricultura, as ciencias aplicadas e a formación profesional e director da Real Compañía Marítima, creada por Carlos III para buscar caladoiros e financiar a compra de buques e aparellos.

Propietario de 21 navíos que, para La Habana e Montevideo, levaban viño, augardente, tecidos, porco e peixe salgado; de aló traían sal, azucre, café, tabaco en po e coiros. Dono de 40 herdades agrícolas repartidas por San Amaro, Oza, Elviña e Visma; tamén de 24 casas no barrio da Pescaría, tamén na Coruña. Unha actividade mercantil comercial que repercutía directamente nas arcas da Coroa: «vivo persuadido de que, entre 1752 e 1761, he contribuído a S.M. con más de 100.000 pesos», diría sobre os seus negocios (é dicir, 2.000.000 de reais). Entre 1765 e 1775, polas mercadorías que lle transportaran os buques dos Reais Correos Marítimos, pagou ao servizo postal da Coroa 2,3 millóns de reais.

Vista da catedral de La Habana, Cuba, a finais do século XVIII.

O negocio dos escravos

Dono de catro escravos e asegurador de expedicións negreiras, Hijosa interviña, coa acomodada naturalidade que lle permitía a súa fortuna, na política municipal, na conservación e restauración de templos ou no financiamento dun hospital de beneficencia. Era rexedor perpetuo da Coruña, un cargo que lle mercara por 10.000 reais, en 1783, a Ambrosia Vicenta Osorio e, como «prohome» ou «patricio» da época, foi fabriqueiro da coruñesa parroquia de San Xurxo. En 1791, como detalle, puxo 8.000 reais para construír a igrexa de Santo Estevo de Morás. No libro de contas do Hospital da Caridade, cando o centro de beneficencia que fundara Teresa Herrera aínda estaba en obras, o tesoureiro do Hospital anota este ingreso de 1794.

Nun temperán maio de 1773, Hijosa, como armador do Spiritu Santi, con destino á Habana, rexistra un poder notarial, a favor do capitán Vicente da Fraga, para que venda −«en los precios que se le ynsignuará y que el tenga por conveniente»− dous negros da súa propiedade: eran Francisco Montevideo e Pedro López, que viñeran de Montevideo como escravos dos coruñeses Francisco Larrea e de Pedro de Llano.

Vinte anos máis tarde, o censo de veciños da Coruña amosa que de dar lustre á casa do número 36 da Rúa Real, ocupada por este empresario, a esposa, dous fillos e o caixeiro da empresa, tamén se encargaban tres doncelas, unha criada −Isabel Zendal, futura reitora da Casa de Expósitos, en 1800; futura enfermeira da Expedición da Vacina, dende 1803−, un escravo e unha escrava.

Hijosa adquirira o escravo, en agosto de 1793, «para si, su muger, hijos y erederos por quantia de 3.600 reales» . O vendedor fora Luis Corniu de Liverniere, un pasaxeiro do bergantín Hiderbaly, de paso pola Coruña. Na escritura notarial, o escravo, con pasaporte expedido en New Orleans, é descrito como «negrito, de 13 años, por bautizar y nacido en Congo; negro fino, ojos ydem, nariz chata, una cicatriz sobre el ojo izquierdo, orejas abujereadas con sus cerquillos en ellas de plata, pelo crespo y talla de una braza, dos tercias y quatro lineas; sano y rrobusto, sin enfermedad conocida ni dolor de corazon; que no es borracho ni fugitivo ni tieneotro mal vicio». No documento, o vendedor manifesta que os 3.600 reales nos que vendeu o escravo «es su lexitimo precio en la actualidad, mediante a allarse todavía bozal, sin civilizar e instruir en la Doctrina Christiana y mas misterios de nuestra Santa Fe Catholica, y por lo mismo mas no vale». Pola súa banda, Jerónimo Hijosa «ofrece mantenerlo, vestirlo y calzarlo, educarlo e instruirlo en la Doctrina Christiana y mas misterios de nuestra relixion». En xaneiro de 1802 −un ano antes da súa morte−, Jerónimo Hijosa vendeu a Antonio Silbestre Parraguirre, oficial de Correos Terrestres na cidade, unha escrava negra co nome de Ana, de entre 32 e 33 anos, por 4.000 reais. Hijosa, por certo, negouse a pagar a débeda relacionada cun seguro das súas naves San José e Nuestra Señora del Carmen que tres anos atrás conducían un posible cargamento de escravos negros ata Cuba, con orixe en África. Aquel barco negreiro, comandado por José Briñas, foi apresado pouco despois de saír do Senegal, é probable que por corsarios ingleses.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail