O exjefe de Seguridade de Adif culpa o maquinista do accidente do Alvia

As vítimas lembran a Andrés Cortabitarte que un ano antes do sinistro autorizou a desconexión do sistema de freada automática que evitaría o sinistro.

A Coruña.- O exdirector de seguridade na circulación do Administrador de Infraestruturas Ferroviarias (Adif), Andrés Cortabitarte, culpou este xoves o maquinista de Alvia do accidente ocorrido hai nove anos na curva da Grandeira, en Angrois (Santiago), no que morreron 80 persoas e outras preto de 150 resultaron feridas.

Cortabitarte e o condutor do tren, José Francisco Garzón, son os únicos acusados no xuízo que se celebra en Santiago desde a semana pasada, e a Fiscalía pide para eles catro anos de prisión por outros tantos delitos de homicidio e lesións por imprudencia profesional. O testemuño do exresponsable de seguridade de Adif, que debía comparecer xusto despois do maquinista, foi aprazado o xoves pasado, despois de que o mércores fose agredido polo pai dunha das vítimas.

Varios avogados das vítimas consideran que esa decisión da xuíza Elena Fernández Currás, irmá de Marta Fernández Currás, secretaria de Estado de Orzamentos no Goberno de Mariano Rajoy, permitiu aos seus defensores preparar a súa declaración a propósito de cal era a versión de Garzón e a estratexia do fiscal e do resto de acusacións particulares.

«Se (o maquinista) frease catro segundos antes, non estabamos aquí agora. Estamos aquí por catro segundos», declarou exdirectivo de Adif

Segundo asegurou Cortabitarte durante o interrogatorio deste xoves, o sinistro debeuse en exclusiva ao descoido do maquinista, que atendeu unha chamada no móbil corporativo e non advertiu que estaba a chegar á curva de Angrois a unha velocidade de 179 quilómetros por hora, cando o límite nese tramo era de 80. O acusado tamén negou que fose a súa responsabilidade que non houbese un sistema automático de freada que impedise que un erro humano derivase nun accidente tan grave. Un sistema que se instalou en Angrois pouco despois do sinistro.

«Iso non pode facelo, é ilegal», dixo Cortabitarte referíndose á chamada que atendeu Garzón, na que un compañeiro advertía de que nunha parada posterior debía facilitar o desembarque de varios pasaxeiros con necesidades especiais. Esa chamada durou 100 segundos.

«Se frease catro segundos antes, non estabamos aquí agora. Estamos aquí por catro segundos», engadiu. O exdirectivo de Adif asegurou que na rede ferroviaria española hai 1.800 curvas das mesmas características que a da Grandeira «ou mesmo peores», e que era imposible «prever» que o Alvia pasase por ela «a máis de 160 quilómetros por hora», a velocidade a partir da cal Adif sabía que o tren podería descarrilar.

Cortabitarte afirmou que na rede ferroviaria española hai «1.800 curvas» como a de Angrois

Cortabitarte engadiu que o maquinista atendeu a chamada sen levantar o pé do pedal de «home morto», que tería diminuído automaticamente a velocidade. «É impensable que alguén, no sitio máis importante dunha liña, estea a dicirlle ao tren que está ben, enganando co sistema de home morto mentres vai falando por teléfono».

Con respecto á súa propia responsabilidade no accidente, negou tela porque, segundo asegurou, non estaba entre as súas funcións avaliar os riscos da vía, a pesar de que foi el quen asinou o certificado de seguridade da liña, e de que ao xuíz instrutor si lle recoñeceu que el era o máximo responsable da seguridade.

Sobre o certificado, Cortabitarte restoulle importancia dicindo que era «un máis» dos oito que se levantaron antes da posta en funcionamento da liña, e que só tiña por obxecto garantir que no control, mando e sinalización da infraestrutura se cumpriu «a normativa».

Concentración de vítimas do accidente do Alvia en Angrois na Cidade da Cultura, onde se celebra o xuízo | Foto: Plataforma de Vítimas do Alvia.

A versión de Cortabitarte contradi a do maquinista, quen na súa declaración recoñeceu que se despistara por culpa da chamada, pero quen lembrou que el e outros compañeiros advertiran reiteradamente a Adif do perigo que supoñía que A Grandeira non dispuxese dunha baliza de seguridade que impedise que un erro humano derivase en traxedia.

Tanto a Fiscalía como as acusacións das vítimas comparten esa opinión, que tamén sostén a Axencia Ferroviaria Europea, e lembran ademais que un ano antes do accidente Adif autorizou a desconexión do sistema de seguridade ERTMS na liña Santiago-Ourense, porque provocaba atrasos e incumprimentos horarios, xa que as balizas fallaban con frecuencia e freaban automaticamente o tren en varios tramos.

Ademais, sosteñen que o Alvia era un tren de alta velocidade que, segundo a normativa de seguridade, nunca debería circular sen ese sistema e que a desconexión do ERTMS, polo tanto, foi ilegal.

A Plataforma de Vítimas do Alvia 04155 asegurou onte nun comunicado que trasladou ao seu avogado o acordo da súa última asemblea, que considerou que Cortabitarte, máximo responsable da seguridade de Adif, debería ter avaliado e xestionado «o risco de exceso de velocidade no tramo do accidente». «Tiña que garantir que a liña era segura. Non o era».

As vítimas cren que Cortabitarte tiña que ter avaliado o risco de Angrois. «Tiña que garantir que a liña era segura. Non o era»

«Trasladamos esta decisión ao noso letrado para que, en base ao desenvolvemento das sesións do xuízo oral, a teña en conta no momento procesual oportuno á hora de elevar as conclusións a definitivas e determinar as penas que finalmente se soliciten a cada un dos acusados», conclúe o comunicado.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail