Este artigo tamén está dispoñible en: Castelán
O outono trae a gran estafa do ano: róubannos unha hora e chegan noites que son tardes e tardes que xa son noite. Intento desafiar o negro do ceo con vestidos e abrigos de cores mentres busco refuxio na luz das pantallas. Nestes meses a actividade dos profesionais galegos do cinema é inmensa. Antes de que Abel Caballero transforme Vigo nunha cidade sen estrelas, na que fosforescentes a granel coman a bóveda celeste, veremos focos nas rodaxes espalladas polas vilas do país, cuartos de edición onde se polen secuencias e salas que nos alimentan de historias: o firmamento do audiovisual.
Ler o guión de Alfonso Zarauza e Jaione Camborda para a película Ons foi un agasallo de confianza. O ambiente que crean sobre o papel enchoupa. Despois dalgúns atrancos para empezar a filmación, Zarauza, patrón desta deliciosa singradura, acendeu o motor rumbo a unha das paisaxes máis descoñecidas para o celuloide: a illa de Ons. Este parque natural será protagonista, xunto a Morris e Miguel de Lira, dunha viaxe na que se respira en galego.
Na sala de máquinas andan Dani de la Torre e os seus con La unidad, que poderemos ver en 2020. Son seis episodios sobre o impacto das operacións terroristas internacionais, un tema que levo anos reclamando para a ficción española, pero que nunca parecía oportuno. Nathalie Poza é a responsable da unidade de investigación do yihadismo neste relato de suspense, con guión de Alberto Marini e Amelia Mora, apoiado en testemuños de profesionais da loita antiterrorista. Unha serie valente e arriscada que se exhibirá nunha plataforma de pago e terá como coprotagonistas a Luis Zahera e a Carlos Blanco, non sabemos aínda se no lado dos bos ou dos malos.
Tamén en edición, o hospital polo que pasa todo o rodado para gozar da mellor saúde, ingresou Néboa. Isabel Naveira máis Enma Suárez son investigadoras da Garda Civil nesta serie de suspense creada e dirixida para TVE por autores galegos. A nosa costa norte viste de entroido mentres a brétema encobre asasinatos envoltos en lendas. As primeiras imaxes (que xa tiven a sorte de ver) impactan.
A aposta de Margarita Ledo é Nación, um sítio onde pousar a cabeça, título do poemario do autor portugués Manuel Antònio Pina: un fermoso verso de partida nunha longametraxe que conta a historia de mulleres do mar e do agro que chegan á industria. Margarita sabe afondar na intimidade e o sentir das mulleres galegas, como xa demostrara na ficción A cicatriz branca (2012).
Con María Solinha, Ignacio Vilar avanza un paso máis nas historias populares e métenos no mundo fantástico de 1600 para contarnos o relato da famosa viúva de Cangas acusada de bruxería e queimada pola Inquisición.
Eloy Enciso abraiou no Festival de Locarno con Longa Noite. Acabada a Guerra Civil, as relacións entre veciños, na Galicia rural, xa non son as mesmas. O regreso de Anxo a casa xera desconfianza entre os achegados de ambos bandos, vencedores e vencidos, obrigados a convivir e a lembrar. Eloy retrata eses primeiros anos do franquismo baseándose en testemuños en primeira persoa. Traballou no texto e rodou sen facer ruído, sen actores coñecidos que atraesen máis cámaras que a súa, pero aínda resoa o estrondo do Boccalino D’Oro ao mellor director que trouxo para casa.
Dándolle ao maxín andan os irmáns Pepe e Jorge Coira, xunto a Araceli Gonda, para armar a segunda tempada de Hierro. Estes días voaron á illa coa xefa de produción, Ana Míguez, para localizar as novas tramas. Son só algunhas das ficcións con sangue galego en marcha.
Nos cines, ademais da premiada O que arde, de Oliver Laxe, temos, pola gracia de Alejandro Amenábar, Mientras dure la guerra, onde o vigués Santi Prego, un actor polo que sinto quilos de admiración, viste as galas e a pel do dictador. Fronte a el, o mestre republicano Atilano Coco, interpretado polo sempre atinado Luis Zahera.
Vendo toda esta nómina de proxectos e realidades marabillosos, sinto un orgullo enorme e ganas de desexarlle bo outono aos traballadores do audiovisual galego: bo outono para os meus!
Este artigo tamén está dispoñible en: Castelán