Arrepíanseme os pelos

Poderíase dicir máis alto, pero non máis claro: a conta atrás cara a irreversibilidade do cambio climático dá doce anos para chegar ao colapso. Así o ven de confirmar Nacións Unidas a través do Grupo Intergobernamental de Expertos sobre o Cambio Climático que fala xa, abertamente, de catástrofe ambiental, convoca unha Revolución Verde e incide en que temos evidencias abondo de catástrofes que son consecuencia da falla de acción dun pasado moi próximo. Vénse avisando, seriamente, desde que nos anos 70 se tivo confirmación científica da influencia dos hábitos de consumo e do abuso dos recursos naturais que estabamos a crear en todo o planeta. O informe deixa claro que o cambio climático xa está a acontecer e o que vén despois será peor, agás que se tomen, urxentemente, medidas políticas de ámbito global. Entre outros cambios anunciados xa daquela, confirmáronse os anuncios dun quecemento global nun 1º, o aumento do nivel do mar e a veloz diminución do xeo mariño no Ártico.

A noticia foi case en paralelo a fenómenos meteorolóxicos que semellaban vir para confirmala, como as inundacións que asolaron as illas Baleares. Case simultaneamente, o terrible furacán Michael sobre Miami ven de producir perdas estimadas en oito mil millóns de dólares USA, só en perdas de bens asegurados. Pero despois dos laios e condolencias polas mortes e danos materiais, todo seguerá igual. Sorprende que preocupe máis a evolución da liga ou as pequenas disputas de poder de ámbito local, nacional, ou mesmo continental, cando estamos caendo nun burato negro cunha inconsciencia incualificábel. Sabemos que o cambio climático non é un fenómeno exclusivo do noso tempo, pero si temos a certeza de que nesta ocasión é a nosa pegada sobre o planeta quen o está a producir, e que somos nós quen poderíamos frear as causas da mutación que se aveciña.

 

Inundacións en Galveston (Texas, EUA) a consecuencia dun furacán

Mais non semella que esteamos dispostos a reinventar modelos sociais, económicos ou  estratéxicos, para  garantir dereitos básicos para a vida como a alimentación, a  saúde, a biodiversidade ou a auga, se iso supón perda na nosa comodidade, e serve para o lucro dos capitais a nivel mundial. As novas paranoias globalizadas din que xa hai moito diñeiro en movemento para a «salvación» dun grupo de poderosos dispostos a sobrevivir ao fin que se aveciña. Eu aínda non cheguei tan lonxe no meu desasosego, pero recoñezo que a falla de resposta racional a evidencias científicas incuestionábeis faime pensar que hai razóns que descoñecemos porque nestes tempos dispoñemos de medios tecnolóxicos e científicos abondo, pero o seu reparto e manexo non é equilibrado.

Por Galiza circula unha auténtica paixón pola moda da conversión en Galifornia, pero eu xa non teño vergoña por confesar que sinto medo da proximidade daquel novo mundo feliz que nos prometían os adiantos tecnolóxicos

Por certo, non vin este asunto entre as prioridades do recente pacto de goberno entre PSOE e Podemos para dar marxe de saída a uns orzamentos aos que lle acae ben o adxectivo de social, pois mesmo que figura «o desenvolvemento do modelo de transición enerxética e a revisión dos beneficios das eléctricas», semella máis orientado á xustiza social ca unha acción prioritaria sobre o medio ambiente. Oxalá estea trabucada porque non sei para que sociedade estamos a traballar cando a marxe de futuro é tan exigua, e pregúntome por que non somos quen de reaccionar. Pola miña parte, alén de seleccionar os refugallos para aplicar as recomendacións sobre o lixo na reciclaxe caseira, non sei moi ben que máis podo facer, nin sinto que forme parte dos intereses das persoas coas que me relaciono decote. É unha cuestión da que se leva falado moito pero sobre a que non se reflexiona abondo no plano individual ou convivencial.

Como teño o privilexio de poder laiarme desde este cuarto que me prestan en Luzes, quérovos dicir que estou seriamente preocupada, e abofé que son unha chafa festas, porque por Galiza circula unha auténtica paixón pola moda da conversión en Galifornia, pero eu xa non teño vergoña por confesar que sinto medo da proximidade daquel novo mundo feliz que nos prometían os adiantos tecnolóxicos e científicos, convertidos en consumíbeis efémeros. Para colmo, ando facendo limpeza xeral -con vinagre, para non emitir gases a atmosfera; con panos  lavábeis, por non utilizar os de usar e tirar; con caixas de cartón para os papeis que rebordan os andeis e recipentes de vidro que están por todas partes; e para ese plástico que nos asolaga cando queremos reducilo a un tamaño máis pequeno para metelo noutra bulsa do mesmo material e levalo ao contedor correspondente-  …Dicía que nesas andaba, cando atopei no estante dos libros «a conservar» unha primeira edición cunha páxina marcada e unhas liñas suliñadas con lápis. Arrepiáronseme os pelos: «É unha guerra que se fundamenta na dominación das persoas, en tanto que demandantes de bens de consumo que nos farán a vida máis cómoda, que nos farán sentir máis fermosas, e que nos farán dependentes deste sistema porque promete levarnos ao mundo feliz».

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail