O BNG afea a Rueda que regalara con diñeiro da Xunta 500 entradas VIP para o concerto de C. Tangana

A Coruña.- A portavoz nacional do Bloque Nacionalista Galego (BNG), Ana Pontón afeou este mércores ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, que en plena crise enerxética e de inflación o seu Goberno destinase diñeiro público para proporcionar entradas gratis en zona VIP a personalidades do Partido Popular e as súas familias, para que acudisen este verán a eventos subvencionados co orzamento autonómico.

Durante o pleno celebrado onte no Parlamento de Galicia, Pontón referiuse ao concerto do rapero madrileño C. Tangana celebrado na noite do 23 ao 24 de agosto en Vigo, organizado pola empresa pública que xestiona o Xacobeo 2021-2022 e para o que se repartiron 500 invitacións gratis para a zona nobre do recinto.

Entre os beneficiados estaban o propio presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda; o da Junta de Andalucía, Juan Ramón Moreno Bonilla; o líder do Partido Popular, Alberto Núñez Feijóo, e a secretaria do partido na cidade, Marta Fernández Tapias. No recinto tamén estaba Marta Ortega, presidenta do grupo Inditex.

Nas fotos desa noite, nas que os altos cargos populares visten con vaqueiros e zapatillas deportivas, tamén aparece coa súa acreditación VIP na man a parella de Feijóo, Eva Cárdenas, e o seu exconselleiro de Sanidade e hoxe presidente da Autoridade Portuaria de Vigo, Jesús Vázquez Almuíña.

«Apenas cen días no coche oficial pero xa está desconectado da realidade dos galegos e das galegas, moi diferente da súa, de entradas gratis en palco VIP para asistir ao concerto de C. Tangana», díxolle a líder nacionalista ao presidente da Xunta.

Ana Pontón, o mércores no Parlamento de Galicia xunto á deputada Olalla Rodil. / Foto: BNG

«É unha tomadura de pelo que coa que está a caer usen as subvencións do Xacobeo para repartir entradas gratis entre cargos do PP, como o presidente de Andalucía ou o seu xefe de filas, o señor Feijóo», engadiu.

Roda non respondeu á acusación. Limitouse a dicir que as críticas responden a que ao BNG «lle molesta o Xacobeo, porque cren que é un éxito que se pode asociar ao Goberno» galego. «Cada vez que poden, aínda que tentan contelo, exteriorízano», engadiu.

Luzes-Público pediu á Xunta a lista de invitados VIP ao concerto, así como o custo que supuxeron esas invitacións para a sociedade que xestiona o diñeiro que a Xunta destina ao Xacobeo, e tamén o orzamento total do recital. O departamento de Comunicación de Rueda limitouse a contestar que «en todos os concertos é habitual que o promotor e os patrocinadores dispoñan dunha serie de invitacións».

Este medio insistiu diante a Presidencia da Xunta en que, á marxe dese hábito, quería coñecer quen foron convidados, que prezos terían pagado polas súas localidades se tivesen que abonalas e canto custou o evento. Ao peche deste artigo, a Xunta a non respondera.

Feijóo e Rueda, nunha imaze de arquivo

O prezo inicial das entradas oscilaba entre 39 e 49 euros, e o reducido do aforo do recinto onde se celebrou -o peirao de transatlánticos do porto de Vigo, con capacidade para 6.500 persoas- provocou que se esgotasen literalmente en minutos cando saíron á venda.

Se, como di o BNG, se repartiron 500 invitacións gratis da área con mellor visibilidade e acústica, e por tanto presumiblemente as máis cara, iso significaría que a promotora do concerto deixou de ingresar polo menos 24.000 euros polas da zona VIP. Os fans vigueses de C. Tangana que quedaron sen entrada tiveron que pagar por elas prezos que na revenda alcanzaron os 499 euros.

Feijóo gaña como senador 70.121 euros ao ano, aínda que como tamén ingresa nómina como presidente do PP, e tendo en cuenta o que declaraba o seu antecesor, Pablo Casado, o seu salario anual podería superar os 103.000 euros brutos.

Na súa declaración de bens no Senado informa de que ten máis de 938.000 euros en accións, contas e depósitos bancarios e fondos de investimento. A súa parella, Eva Cárdenas, foi directiva de Inditex e máis tarde e ata o pasado maio, asesora do presidente da compañía de cerámicas Sargadelos.

Pola súa banda, Alfonso Rueda ten un soldo de 84.700 euros anuais, e Juan Ramón Moreno Bonilla, de máis de 69.000 euros. A secretaria xeral do PP de Vigo, Marta Fernández Tapias, ingresa máis de 60.000 euros brutos ao ano como delegada da Xunta na cidade.

 

 

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail