Nostián, a decadencia do gran proxecto verde da Coruña

O persoal da planta de tratamento e reciclaxe de lixos denuncia na Inspección de Traballo a insalubridade e inseguridade das súas condicións de traballo e a deterioración progresiva das instalacións.

A Coruña.- Os traballadores da planta de reciclaxe de lixos da Coruña que xestiona a empresa Albada presentaron unha denuncia na Inspección de Traballo polas condicións de inseguridade e insalubridade nas que aseguran se ven obrigados a desenvolver a súa tarefa.

Segundo o comité de empresa, o mal estado das instalacións provoca inundacións en varias zonas, onde se acumulan os detritus mesturados coa auga embalsada e se producen pingueiras e choivas recorrentes sobre os cadros eléctricos e as zonas de paso e de traballo. O sistema de ventilación, que debería garantir a eliminación de partículas perigosas nas áreas de traballo, está estragado desde hai sete anos, e as súas bocas de aspiración, desconectadas.

Os traballadores, sen convenio colectivo desde xaneiro de 2020, acaban de denunciar que a factoría deixou de reciclar o lixo que os coruñeses segregan nas súas casas, xa que a escaseza de persoal provoca que unha das dúas liñas de separación dos residuos non conte co persoal necesario para facelo.

A empresa, pola súa banda, nega que exista circunstancia algunha que poña en perigo a saúde ou a seguridade dos seus empregados, sostén que a planta recicla aínda máis que antes e atribúe as denuncias a unha «estratexia sindical de falsas acusacións» dirixida a presionar á dirección para negociar o novo convenio.

A planta de Nostián foi no seu día un ambicioso proxecto verde que pretendía facer da Coruña una das cidades pioneiras na reciclaxe de residuos, despois de que o seu anterior modelo de tratamento de lixos, que non consistía noutra cousa que nunha colosal entulleira de 200.000 metros cúbicos nos arredores da cidade, se viñese literalmente abaixo en 1996.

Bocas de aspiración do circuito de ventilación sen conectar na planta de Nostián.

A planta custou preto de 50 millóns de euros, financiouse con fondos da UE e inaugurouse baixo o Goberno do socialista Francisco Vázquez como unha moderna instalación, capaz de reciclar e minimizar as verteduras de materiais inorgánicos e de empregar a materia orgánica para producir compost de uso agrícola e biogás para alimentar a iluminación pública.

Aos poucos meses da inauguración, un dos digestores de gas explotou. Apenas sete anos despois, constatouse que a capacidade de reciclaxe era moito menor da esperada cando se completou o enchido dos tres depósitos para rexeitamentos imposibles de recuperar, que segundo o proxecto inicial debían durar tres décadas.

Nostián recibe ao redor de 200.000 toneladas anuais de residuos da Coruña e outros oito municipios da comarca que suman 400.000 habitantes. Desde 2008, a maioría dese lixo se traslada unha entulleira doutro municipio. E os depósitos da planta esgotados en 2007 nin sequera foron selados.

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia ordenouno en varias ocasións e a Xunta de Galicia abriu expedientes e impuxo sancións, pero tanto Albada como o Concello, que preside a socialista Inés Rey, non dan acordado o reparto dos máis de 3,2 millóns que custaría clausuralos e evitar filtracións tóxicas.

Os problemas entre empresa e Concello pasaron en varias ocasións polos tribunais. En 2009, a compañía reclamou 32,5 millóns por sobrecustos de xestión, e en 2019, ao expirar a concesión, o Goberno de Rey interveu a planta e ordenou a Albada seguir xestionando o servizo en réxime de prórroga forzosa nunha actuación que a xustiza considerou ilegal pero con sentenza tamén pendente de firmeza.

Auga, lixo e lodo na nave de reciclaxe de Nostián.

O resultado é que aquel proxecto verde que comprometeu hai case un cuarto de século aos coruñeses para separar os seus lixos en casa para reciclalos, producir abono agrícola e gas ecolóxico, atópase en plena decadencia. E as imaxes do interior de Nostián mostran un aspecto de deterioración e descoido que lembran demasiado ás dun vertedoiro convencional.

O presidente do comité de empresa de Albada, Hadrián Canosa, asegura que as instalacións «caen a pedazos» e que o tellado da zona de pretratamento leva anos en pésimas condicións. «Presentamos varias denuncias en Traballo tras a que se lle indicou á empresa que debía reparalo, pero só poñen parches que non resolven o problema». «Chove sobre o persoal que traballa nesa nave, sobre as zonas de paso, sobre as escaleiras e sobre un cadro eléctrico», engade. Tamén sobre o lixo acumulado no interior das instalacións.

Canosa advirte de que a situación estendeuse a outras zonas da planta que tamén estan sufrindo inundacións «por falta de mantemento preventivo e correctivo», e que o circuíto de aspiración que debería eliminar as partículas en suspensión polo risco biolóxico que supón o material co que se traballa, está avariado desde 2015.

Nostián é de titularidade municipal, pero está xestionada pola unión temporal de empresas entre a alemá Babcock Comunal e Urbaser, a firma que a multinacional chinesa Firtion Investments adquiriu en 2016 ao conglomerado societario de Florentino Pérez.

Inundación nuha das naves da planta.

A pesar da denuncia dos traballadores, Albada asegura que non hai ningún feito relevante que poña en perigo a súa seguridade nin a súa saúde. «Temos pingueiras desde hai quince anos e vanse facendo reparacións a medida que xorden os problemas, que en calquera caso non afectan a ningún cadro eléctrico porque toda a instalación eléctrica está deseñada para traballar á intemperie a pesar de estar a cuberto», indica a empresa.

Con respecto ao sistema de ventilación, Albada asegura que a avaría non supón tampouco «risco ningún nin para a hixiene nin moito menos para a saúde» de quen desempeña o seu labor nun recinto «onde se traballa en réxime de portas abertas e con suficiente ventilación natural». E advirte de que na orde do día da reunión que acaba de propoñerlle o comité de saúde e hixiene dos traballadores «non se fala para nada do sistema de aspiración».

Albada está a traballar en réxime de prórroga obrigatoria desde que en 2019 expirase a concesión de vinte anos outorgada polo Concello. O Goberno local prometeu que o prego de condicións da nova licitación estará listo este outono e que o concurso se presentará o próximo ano.

«A empresa non pode facerse cargo de reformas estruturais da planta porque desde hai dous anos xa non é a concesionaria», explican fontes de Albada, que engade que os traballadores «pretenden que o novo prego de condicións da futura concesión inclúa o novo convenio». «E iso teñen que negocialo co Concello, non coa empresa».

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail