Ence, a empresa que encheu Galicia de eucaliptos e contaminou durante anos a ría de Pontevedra

A xustiza pon en dúbida a viabilidade da industria pasteira creada por Franco, privatizada por Aznar e á que Rajoy prorrogou ata o 2073 a concesión para permanecer en terreos públicos

A Coruña.- Se a vostede lle ofrecesen un fantástico electrodoméstico ou unha estupenda viaxe por facer unha determinada operación comercial, seguro que pensaría que a publicidade está auspiciada por un banco que persegue os seus aforros ou por unha operadora de cable que quere colocarlle unha longuísima permanencia. Pero se lle dixésemos que a tentadora oferta vén dunha gran industria papeleira que quere comprarlle madeira, creríalo?

Pois é verdade. En Galicia sucede desde hai anos. «Tes un monte de eucalipto? Se nos vendes a túa madeira poderás levarche magníficos agasallos: un televisor, tres días nun balneario, unha bici de montaña. Chámanos». Detrás da oferta está Ence, a compañía líder en Europa na produción de pasta de papel que contaminou durante lustros con mercurio a ría de Pontevedra e que fomentou que o país se teña convertido no último medio século nun deserto verde de eucaliptos.

Ence regala televisores por comprar madeira dese árbore, das máis baratas do mercado, para fabricar pasta de celulosa, que logo exporta a Europa e que retorna a España procesada como tisú, papel de xornal e cartón de embalaxe. Os seus accionistas gañan millóns de euros ao ano cunha actividade que apenas deixa valor engadido en Galicia -Ence ten outra fábrica en Asturias, aínda que a súa sede está en Madrid, e exporta o 90% da súa produción-. Pero o seu negocio na comunidade está seriamente ameazado. Hai quen opina que chegou ao seu fin, contra o parecer da Xunta, do PP e dos traballadores, e co visto e prace do Concello de Pontevedra, gobernado polo BNG, das asociacións ecoloxistas e de boa parte da cidadanía desa cidade e de toda Galicia. E o máis importante: co aval da xustiza.

Oferta comercial na web de Ence para comprar madeira a particulares

A Audiencia Nacional anulou o mes pasado a prórroga que o Goberno de Mariano Rajoy outorgou a Ence para seguir outros 55 anos ocupando 615.000 metros cadrados de terreos públicos -uns cen estadios de fútbol- en réxime de concesión en Lourizán, a escasos tres quilómetros do centro de Pontevedra e afectando seriamente á vida da cidade, ao turismo e á actividade marisqueira. A concesión expiraba no 2018, e Rajoy, pontevedrés de nacemento, foi declarado persoa non grata polo Concello da cidade por estendela ao 2073, cando o seu Executivo estaba en funcións tras perder a maioría absoluta nas eleccións xerais de decembro do 2015.

A oposición galega cualificou a prórroga de decisión «corrupta» e de «atropelo democrático». O Concello, Greenpeace e a Asociación pola Defensa da Ría de Pontevedra anunciaron que recorrerían. E gañaron. Segundo os xuíces, Ence non puido demostrar que a única localización posible para a súa actividade sexa a ocupación case ad eternum deses terreos públicos. E esa é unha condición legal imprescindible para manter a concesión. Se o Tribunal Supremo dá firmeza á resolución, a papeleira terá que irse.

Ence é o acrónimo da Empresa Nacional de Celulosas, fundada por Franco en 1958 e privatizada por Aznar no 2001. O seu maior accionista é Juan Luís Arregui, fundador de Gamesa e un dos cen homes máis ricos de España. A compañía é un dos máis lustrosos exemplos de portas xiratorias que poden atoparse nos sectores industriais con máis impacto ecolóxico. No seu consello de adminsitración sentan Isabel Tocino, primeira ministra de Medio Ambiente de Aznar ata menos dun ano antes de que este privatizase a sociedade; e Carlos del Álamo, primeiro conselleiro de Medio Ambiente na Xunta de Manuel Fraga.

Camión recollendo madeira de eucalipto tras unha tala / Foto: Ence

Resulta paradigmático que dúas personalidades con semellante relevancia na defensa do medio ambiente traballen para unha empresa que durante anos encheu a ría de produtos tóxicos e cuxa agresiva estratexia para abaratar o custo da madeira multiplicando a oferta infestou literalmente Galicia dunha especia arbórea invasora que acabou con miles de hectáreas de bosques autóctonos.

Vaiamos por partes. Primeiro, a contaminación na ría. Ence asegura que os seus procesos son actualmente completamente respectuosos co medio. Pero un informe que a propia empresa enviou á Xunta en febreiro deste mesmo ano alerta de que os niveis de mercurio nas augas subterráneas dos terreos que ocupa na ría disparáronse nos últimos meses. A causa, asegura Ence, estaría no desmantelamento de Elnosa, a empresa química que foi da súa propiedade ata o 2005 e que ata o seu clausura no 2018 producía o cloro co que se branqueaba a pasta de papel.

Ence, insistimos, di que xa non contamina nada. Pero a Asociación para a Defensa da Ría de Pontevedra considera esa explicación unha burla. «Tanto nas balsas de decantación de Ence como na chamada “canle perimetral”, no que Elnosa vertía antes de facelo nas balsas, hai concentracións moi elevadas dese metal pesado», afirman na asociación. «O informe confirma a enorme contaminación por mercurio non só nas augas subterráneas do complexo industrial de Lourizán, senón, tamén, a posible incidencia desa contaminación nos traballadores de Ence, nos veciños e nas augas da ría, onde estaría a chegar o mercurio transportado pola augas de choiva que se filtran a través do terreo», engaden.

Cadro de retribucións dos conselleiros de Ence nos anos 2019 e 2020 / Fonte: Ence

Imos coa segunda parte. A que explica os agasallos con viaxes e televisores por vender madeira de eucalipto, unha especie orixinaria de Australia que chegou a Galicia en 1850 da man de Rosendo Salvado, misioneiro benedictino. Trátase dunha especie invasora de crecemento moi rápido que en dez anos xa pode alcanzar un tamaño apropiado para a produción madeireira. Dotado de inmensas raíces e capaz de alcanzar os noventa metros de altura, adoita impoñerse en pouco tempo a calquera especie autóctona, pois é moito máis eficaz á hora de captar auga, luz e nutrientes. Tamén arde como un misto, e a súa enorme envergadura contribúe a expandir os incendios.

Galicia converteuse no que algunhas asociacións ecoloxistas chaman un «deserto verde» poboado por esta especie, que modifica sensiblemente os solos afectando severamente á biodiversidade doutras especies vexetais e, con ela, á fauna dos bosques. A agresiva política comercial de Ence encheu de ecualiptales miles de hectáreas de espazos agrarios cuxos propietarios ven nesa actividade un negocio rápido e seguro -entre 22 e 35 euros por tonelada de madeira desa árbore-, sen advertir que así promoven tamén a invasión de carballeiras, piñeirais e fragas en montes públicos ou de man común, onde os eucaliptos impoñen a lei do máis forte nun dicir amén.

Ence deféndese argumentando que a reforestación con esa especie axuda a combater o cambio climático. Pode ser. E se é así, deberían darlles aos seus conselleiros e á Xunta unha mención internacional como egrexios protectores do planeta desde este recuncho da Península. O plan forestal de Galicia de 1992 prevía que no 2030 se chegaría ás 245.000 hectáreas de eucaliptos. Doce anos antes, no 2018, superáronse as 420.000 hectáreas. Segundo un informe do Observatorio da Sustentabilidade, España ten xa máis superficie de eucaliptos que Australia, o seu territorio de orixe. En Galicia está o 80% do total estatal.

Tala e limpa de eucaliptos / Foto: Ence

O ano pasado a ex ministra de Medio Ambiente Isabel Tocino e o ex conselleiro de Medio Ambiente da Xunta Carlos del Álamo ingresaron como «conselleiros independentes» (sic) de Ence 123.000 e 122.000 euros cada un en concepto de retribución fixa, dietas e asistencias ás reunións do consello. O conselleiro delegado, Ignacio de Colmenares, levou 1,26 millóns, sen contar o que puidesen renderlle as máis de 288.000 accións que posúe da sociedade. O ano pasado Ence declarou perdas como consecuencia da caída do prezo internacional da pasta de papel durante o confinamento. Pero entre os quince conselleiros do grupo levaron ese ano 2,719 millóns. Coma se a crise non fora con eles. No 2019 levaran 2,754 millóns. Máis de 180.000 euros de media.

Se o Tribunal Supremo valida a anulación da prórroga que Rajoy concedeu á empresa á que asesoran o seu compañeiros de partido, talvez terminouse o negocio. E Ence quizá deixe de facer do monte e das rías galegas un escaparate do 1,2,3.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail