O burato negro editorial da política galega

Con «Aquí pasou o que pasou» como título, a Fundación Luzes organizou o seu particular debate pos-electoral. A frase, pronunciada por Manuel Iglesias Corral, deputado de AP, como resumo e denuncia das manobras contra o presidente Fernández Albor, quedou inscrita no anecdotario parlamentario galego para a posteridade.

Porén, atopar referencias bibliográficas que recollan esta e outras amósase como tarefa imposíbel, e é que existe un oco, pode que negro, no noso sistema editorial no que ten a ver coa política contemporánea do país. Entendendo este como a análise histórica do parlamentarismo, a evolución do sistema de partidos e os liderados ou as campañas electorais.

Por que é tan difícil atopar referencias bibliográficas sobre o noso sistema político é unha pregunta irresoluble. Máis aínda se cercamos o arco temporal no que vén desde 2005 até a actualidade, a xénese, caída e revisión do bipartito é algo que apenas pasou polas imprentas, como igualmente ocorre cos 11 anos de maioría popular.

A seguir, unha serie de exemplos sobre o camiño feito e unha serie de fochancas.

O máis visible

Un dos campos máis prolíficos é o da análise de campañas e conxunturas electorais, e máis curioso aínda resulta quen levou a cabo a edición dos mesmos: a Corporación Voz. Produciu tres libros correspondentes a tres campañas electorais: El fin del fraguismo (Anxo Luxilde e Xosé Carreira), Feijoo de gestor a presidente (Domingos Sampedro) e La era Feijoo (VVAA), sobre os feitos de 2009, 2012 e 2016 respectivamente.



Na mesma liña salienta A novísima dereita e nós (2.0 Editora), de Manuel M. Barreiro, monográfico sobre a chegada de novo do PP ao goberno autonómico e, sobre todo, sobre o complexo enramado ideolóxico do actual PPdG.

Acompaña ao de Barreiro, como unha das poucas revisións críticas da caída do goberno de PSOE e BNG o libro Alusión (Galaxia), de Arturo Casas, unha crónica case en tempo real que recolle os artigos publicados por Casas no seu blog desde o ecuador da sétima lexislatura, é dicir dos anos 2008 e 2009.

Poden atoparse tamén publicacións referidas a aspectos máis sectoriais como os recentes Propiedade do vento galego, de Rosa María Regueira, ou Cultura como reserva india, de Jorge Linheira, que abranguen períodos máis longos de tempo, ou algunha de balance do percorrido de Alberto Núñez Feijoo, até o de agora único, como O perverso goberno Feijoo de Manuel Monge. Nesta categoría encadraríase a reflexión de Xaquín Fernández Leiceaga, Por que fracasou o debate estatutario (Galaxia).

A academia

A universidade galega tampouco é parece ser o lugar no que máis interese esperte a cuestión. Desde a publicación no ano 2003 dunha das obras de referencia do sistema político galego Os partidos políticos en Galicia (Xerais, VVAA), no se ten producido unha investigación que renove aquel escrito sobre o que se xa pasaron 17 anos por riba.

Dúas teses doutorais recentes pasaron por este tema. A primeira La élite parlamentaria gallega, las variaciones en los perfiles socio-políticos de los diputados desde el arranque de la autonomía gallega hasta la VIII legislatura, de Elena Ramallo, que analiza a renovación nas elites dos partidos , así como lugares de orixe e carreira profesional. A segunda, A construción da axenda política, mediática e pública nas eleccións galegas do ano 2009 de Paulo Carlos López, unha pormenorizada (e descarnada) análise de datos e discursos producidos durante os últimos anos do goberno bipartito e pasa por ser a única produción académica sobre ese momento histórico. A día de hoxe ningunha das dúas están publicadas en papel.

Desde dentro

Na literatura política hai un subxénero que non pode faltar: a conversa ou o monólogo cos protagonistas. Como defensa do feito, como presentación dun proxecto…ou como axuste de contas.

Sobre o primeiro, Crónica dun tempo (Lóstrego) de Teresa Táboas é unha compilación de reflexións sobre o tempo político galego, incluída unha crónica sobre as trabas atopadas á hora de impulsar a lei de vivenda do goberno bipartito.

As dúas cabezas visíbeis daquel goberno tamén deixaron testemuño escrito. Anxo Quintana, en Vontade de nación(Difusora) expresaba a través dunha conversa con Barreiro Rivas o proxecto político representado por el, tanto dentro do BNG como na propia Xunta, así como unha reflexión sobre o modelo de Estado e de nación no que acreditaba.

Pola súa banda, o expresidente Emilio Pérez Touriño elaborou un libro autobiográfico que pode cualificarse como a grande vendetta escrita até o momento sobre a política galega. En O futuro é posible (Galaxia) expresa sen filtros críticas a representantes do PP e BNG e sobre todo do PSOE. Acusa con nomes e apelidos a socios de goberno sobre os atrancos na acción pública da Xunta entre os anos 2005 e 2009 e sinala culpables na escolla da data da reválida electoral así como no tipo de campaña realizada.

Desde dentro tamén, dúas reflexións recentes, con presente e sobre todo falando de futuro: O país do porvir (Galaxia) de Xaquín Fernández Leicega, unha análise do papel de Galiza dentro do mercado económico global e as súas posibilidades de futuro e A semente, a árbore e a froita (Xerais), que recolle a través dunha conversa entre María Reimóndez e Ana Pontón un percorrido pola biografía política da líder do BNG. O libro enmárcase dentro da precampaña do presente ano.

Fin de ciclo

Volvendo aos ocos por cubrir, hai un moi salientable: a auxe e caída dos novos partidos e coalicións xurdidos desde o 2012 coa aparición de AGE. Os conflitos internos, os liderados efémeros, as campañas electorais, repertorios discursivos ou balances da súa xestión alí onde gobernaron deben dar para ríos de tinta máis alá dos xornalísticos (e de twitter).

Cinco exemplos existen neste eido. Pola súa orde de publicación: A praza é nosa (2.0 editora), coordinado por Marcos Pérez Pena e no que a análise do movemento do 15-M e a súa pegada en Galiza deixa caer análises e perspectivas sobre o estado de saúde do sistema de partidos galego naquel axitado 2011.

 

A respecto da xénese desde espazo político existen dúas crónicas. A primeira delas mediante tese doutoral, de Xoán Hermida, Movementos Sociais e Altermundismo en Galicia. De Nunca Máis a AGE (2002-2012) no que se traza unha liña de tempo entre a crise do Prestige e a aparición de novos protagonismos da esquerda en Galicia e o de Anxo Luxilde De Beiras a Podemos (Praza Editora). O volume, un dos máis interesantes publicados nos últimos anos, procura as influencias da experiencia de AGE no posterior xurdimento de Podemos, así como os límites organizativos e discursivos dos mesmos.

Desde dentro tamén, dous exemplos. Como exercicio para tentar dotar dun corpus teórico a ANOVA, publicouse Entrementres, ensaios para unha nova cultura política (Corsárias), coordinado por Manuel M. Barreiro e Daniel Salgado. Un libro que tenta deseñar unha axenda política e organizativa para o que, naquel momento, aínda era embrión do que posteriormente sería o movemento das Mareas.

Por último, unha crónica en forma de conversa entre Daniel Salgado e Martiño Noriega, A contradición permanente(Xerais) sobre a experiencia municipalista aínda gobernante no momento da súa publicación, a ruptura de ANOVA e AGE e a xénese e tensións dentro de En Marea.

E agora que?

O 17 de febreiro do presente ano, e vía twitter, o PPdG escolleu o lema electoral para as autonómicas o lema «Galicia x 3» delimitaba o marco do debate durante as seguintes semanas (a axenda política galega), un tema ao que desde os libros parece difícil achegarse.

A desaparición deliberada de Galiza da axenda pública ten o seu reflexo tamén na oferta literaria, é máis doado atopar análises ou reflexións sobre temas de política xeral menos influentes na realidade máis próxima que da propia historia institucional.

Sen unha síntese das tensións que se producen no interno da sociedade galega, dos límites cos que se atoparon as distintas opcións políticas nas súas breves experiencias de goberno e, mesmamente, explicación sobre o por que desas brevidades, a chegada dunha alternativa á hexemonía do PPdG parece aínda máis difícil.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail